Opinión

'A monarquía xudicial', por Emilio López Pérez

Vende Patrias: A que se está armando coa división de poderes. Entre o Montesquieu o Rousseau e toda esa tropa deixaron a civilización occidental sen principios.

Sobre Ruedas: Xa o tiñan claro os exipcios, a orde natural é piramidal, un arriba que mande e o resto obedecen.

Vende Patrias: Isto poñendo en orde a Meloni en Italia "Deus, Patria e familia".

Sobre Ruedas: Ou "Deus, Patria y Rei"...

Vende Patrias: Pero en Galiza, que Rei restauramos? Se se lle coñecese descendencia a Xelmírez poderíamos ter poder celestial e terreal...

Sobre Ruedas: Se polo menos tivese algún fillo putativo...

Vende Patrias: Nós o que precisamos é un xuíz soberano e punto. Como diría D. Manuel.

Sobre Ruedas: Si, pero un xuíz que pareza bondadoso, que vaia polas portas ofrecéndolle de todo. Como o Apalpador, pero en vez de burro ou mula que vaia en moto.

Vende Patrias: O Apalpador é un invento dos do Bloque.

Sobre Ruedas: Pois o Papá Noel.

Vende Patrias: O Papá Noel inventárono os que limpan as cociñas.

Sobre Ruedas: O importante, como di o outro, é o concepto. E o concepto é xuíz e monarca ou viceversa.

Vende Patrias: Xa está, demos coa pedra filosofal da división de poderes. Co fundamento para deixar constituída calquera constitución ou calquera tribunal constitucional: "Ou Monarquía Xudicial" ou "Xustiza Monárquica".

Sobre Ruedas: Tanto ten. Tanto monta, monta tanto.

Emilio López Pérez (Monforte de Lemos)

Comentarios