Opinión

'Culpabilizando a mocidade', por Casto Magalláns

A raíz dunha publicación neste mesmo diario, que dicía que o 63% da poboación entre 18 e 34 anos vive na casa dos pais, lin moita xente, máis da que pensaba, botándolle a culpa á mocidade sobre iso. Paréceme incríbel que aínda se siga culpabilizando e criminalizando a xuventude por seguir vivindo na casa dos pais e nais, dicindo que somos egoístas porque queremos audis, iphones ou roupa cara, ter o prato na mesa sen esforzo ou levantarnos ás 12 horas vivindo dos nosos proxenitores e sendo uns vagos. Hai mozos que queren vivir así, mais a maioría da mocidade do país estaría encantada de poder ter un lugar digno onde vivir sen ter que gastar o 70% do soldo, sen ter que emigrar fóra.

Temos traballos precarios ou temporais, que nos fan non poder ter unha estabilidade para poder sequera pensar nunha vivenda, nun coche ou en fillos. A culpa non é nosa, a culpa é deste sistema no que vivimos, un sistema capitalista que só pensa nos cartos e en que os ricos sexan máis ricos e os beneficios vaian para os mesmos de sempre.

A solución é sinxela, regular os prezos, subir os salarios e dar facilidades e non pór trabas para chegar a unha vivenda decente. A mocidade quere un futuro digno e estábel no que estudar e traballar sen ter que soportar a culpa de todo.

Casto Magalláns (Nigrán)

Comentarios