Opinión

'Unha casa de acollida', por Xaquín Campo

En Ferrolterra non temos cárcere. Pero si temos bastantes presos. Moitos, sobre todo despois da pandemia. D. Fernando, o noso bispo de Mondoñedo-Ferrol, quere abrir en setembro unha casa de acollida para o permiso dos presos, sen familia ou con afastamento familiar, estranxeiros ou os sen arraigo en Ferrol, tan necesario para ir preparándose para a saída, aínda vagarosa.

Vimos loitando por iso desde hai anos. Por fin agora vai ser verdade! Pero necesítase a colaboración dunhas 15 persoas que teñan algunha horiña, dúas veces á semana, de cada dous meses. Trátase de escoitar, atender, ou dar algunha orientación ou axuda para acompañar nalgunha xestión, etc. E para iso, todos valemos. Pensemos que no cárcere están os pobres, os rotos, os sen familia, os solitarios, os "sen todo".

Xa perderon o contacto coa sociedade actual. O mundo cambiou moito. E eles tamén cambiaron.  Cara a unha meirande pobreza aínda. Xa perderon tamén o nome: Estivo no cárcere? Fóra! Nin nomealo. Nin casa, nin traballo, nin nada, nin que se mova por aquí. Lonxe! E non entendo por que ti andas metido nisto! Es coma eles! E se é muller? Ai, daquela! A pobreza e a desfeita asáñase moito máis con elas e aborréceas xa desde neniñas pequenas! Por que seremos tan crueis coa muller?

Os outros, os que non perderon as familias, xa teñen onde refuxiárense ou onde volveren a acubillarse. E mellor así. Non seremos tamén nós dos que berran, soberbios: "Que 'podrezan' no cárcere"! Alí hai, para todos, para min tamén, unha praza á espreita.

Xaquín Campo Freire (Narón).

Comentarios