Opinión

'Abandono de anciáns', por Beatriz Sieiro

Os anciáns foron o grupo máis duramente afectado na pandemia. O que rexistrou maior número de mortos e vimos como, en moitas ocasións, eran abandonados á súa sorte, mesmo sen recibir ningún tipo de atención médica. Esta situación pandémica vaise superando, pero os anciáns seguen a ser o grupo de poboación máis esquecido, cando debería ser todo o contrario.

Todos os días podemos ver na prensa noticias sobre este abandono: recortes en dependencia, falta de prazas públicas en residencias e centros de día, falta de asistencia a domicilio... todo recortes, carencia, insuficiencia, descoido...

Pero aínda podemos falar doutra infamia. En ocasións asistimos ao internamento de doentes de psiquiatría en residencias de maiores, que non están adaptadas nin contan con persoal coa formación axeitada, o que vai en detrimento non só destas persoas, que non reciben a atención necesaria; senón tamén do resto de internos nas residencias, que teñen que convivir con persoas que non están na súa mesma condición, sobre todo, cando a súa doenza non lles permite vivir en comunidade, obrigando a que o persoal das residencias de maiores, xa sempre escaso, realice tarefas de vixilancia e contención, que non de tratamento, para o que non están cualificados, coa correspondente angustia para o resto de internos.

Agora que tanto se fala de saúde mental, asistimos de novo ao descoido desta parte tan fundamental da saúde para os maiores, non atendendo debidamente as necesidades que uns e outros teñan ou poidan ter ao longo da súa vida.

Beatriz Sieiro (Poio)

Comentarios