Opinión

Cumprir co 'mandato' da humanidade en tempos convulsos

Nestes tempos convulsos, nos que o desánimo reina e a reinvención dunha propia faise máis precisa, os pensamentos metafísicos veñan a min con moita máis frecuencia da que gostaría. Cuestións abstractas como o sentido da vida, a cobiza do éxito, o anceio do amor e a forza da amizade mestúranse na miña cabeza con anacos da realidade que azouta a humanidade. E no medio dese caos aparece un refacho de esperanza, a creación dunha nova vida, sintio que se cumpriu o mandato que se nos impuxo aos mortais, a perpetuación dunha especie continúa o seu camiño.

As miñas amigas están grávidas. A ledicia que me invade é inmensa. A esperanza no futuro! Que pracer, á fin atopo algo que nunca mudará.

Após a euforia sempre chega a calma, e é entón cando, alentada polo meu suposto remexido mental, volvo á miña introspección anterior e cuestiónome a min propia. As preguntas amoréanse na miña mente. E eu, cando vou ser nai? Quero? Estou preparada? Quero? Estou disposta? Podo? Mais, quero? E se non quero agora, quero despois. Pasaríaseme entón o arroz? [sic]. Nun intre de lucidez mental ocórrese sacar estes quebradeiros de cabeza da miña mente e compartillalos coas miñas amigas do grupo que non agardan crianzas. Os sentimentos son unánimes e os medos, os mesmos. O tempo pasa, as crianzas nacen e as tías postizas desfacémonos en aloumiños con elas. As miñas amigas (as que non son nais) unímonos á súa felicidade, conscientes de que si, para elas mudou todo. As súas vidas nunca serán as mesmas e volvo pensar no sentido da vida e do amor.

E eu, cando vou ser nai? Quero? Estou preparada? Quero? Estou disposta? Podo? Mais, quero?

Engolida polas miñas ideas, recibo un whatsapp do grupo que fixemos a raíz dos nacementos, unha foto da miña amiga coa súa crianza nunha imaxe cotiá da vida dunha nai que ten unha recén nada, xunto cunha mensaxe que me resulta atroz: 'Bah, xa o entenderedes cando sexades nais'. E é así como a realidade bate con forza a miña conciencia, e que acontece se non quero ou non podo ser nai? Imaxino que nunca entenderei mais, o que? Entón decátome de que non, que non mudou nada, que o mundo continuará dividindo aquelas que cumpriron co mandato de perpetuar a especie e as que non.

Comentarios