Opinión

Podemos para todas

As mobilizacións do 15M trouxeron o sorriso e a esperanza a milleiros de persoas que se atopaban en situación de desamparo ou deixadez política por non querer seguir facendo o xogo a un bipartidismo que ameazaba con perpetuarse. Os vellos partidos retaron a un movemento que fraguou na desesperación e fartazgo dunhas políticas de austeridade que asfixiaban á gran maioría social a presentarse ás eleccións. Case sen tempo o fixemos nas eleccións europeas e xa sabemos o resultado.

Posteriormente, Podemos comeza a ter implantación na sociedade coma un partido diferente, con outras formas de facer politica, contando coa xente. Así vaise construíndo un proxecto que concretou as primeiras bases en 2014, na Asemblea Cidadá coñecida coma de Vistalegre.

Moitos foron os acertos e moitos o erros, pero aquí estamos despois de varias citas electorais, máis das convenientes para un partido que acaba de nacer. Con moita ilusión e ganas ás portas da 2ª Asemblea Cidadá, Vistalegre 2. Agora toca reforzar o partido para poñelo ao servizo da cidadanía. Mirar en que erramos e rectificar. Respectar a decisión das inscritas e inscritos en todos os territorios, onde a democracia interna e o dereito a decidir sexa un valor co que non se poida negociar. Consolidar entre todas e todos un proxecto que segue a ter o mesmo obxectivo para o que naceu: o empoderamento da xente, cun programa con medidas socioeconómicas que beneficien as maiorías sociais, cunha renda básica incondicional para cubrir as necesidades básicas da poboación, porque a obriga dun goberno é garantir os dereitos das persoas. Por iso debemos reforzar e garantir un Podemos feminista, federal e para todas.

Agora toca reforzar o partido para poñelo ao servizo da cidadanía. Mirar en que erramos e rectificar

Estamos nun partido menos machista que os outros partidos políticos do noso entorno pero, a pesares diso, queda moito camiño por percorrer. As feministas consideramos que non podemos baixar a garda porque o 51% da poboación non pode estar en segunda fila, non queremos ser presentadoras nos actos nin suplentes nas listas, sabemos e queremos asumir responsabilidades; e por iso son necesarias portavocías mixtas en todos os órganos nos que haxa portavoz. Queremos un partido onde a igualdade e a liberdade de oportunidades sexa a norma; onde se utilice linguaxe inclusiva en todas as instancias: nas documentacións oficiais e escritos, así coma por todas as persoas que falen en nome de Podemos.

É necesaria unha plataforma que dea a coñecer as actividades e avances feministas do partido nos Municipios, Círculos, Secretarías, Parlamentos, Congreso e Senado. Podemos non pode deixar de insistir na paridade para que sirva de exemplo nos organismos onde nosoutras traballamos e colaboramos. Debemos ser o espello onde se reflicta o empoderamento popular e feminista. Necesitamos apoio dende todos os ámbitos do partido para os círculos sectoriais e o Círculo de Feminismos Estatal e que estes sexan a correa de transmisión das demandas do movemento feminista co compromiso de seren escoitadas e tomadas en consideración por todos os órganos do partido.

Son necesarias portavocías mixtas en todos os órganos nos que haxa portavoz

Debemos fomentar o empoderamento e a participación das mulleres en todos os estamentos e en todos os sectores da nosa acción politica. Cómpre feminizar a política e despatriarcizar Podemos para poder desterrar o machismo e rematar cun sistema patriarcal onde ser muller ten un coste engadido.

Vistalegre 2 é unha oportunidade para non seguir tratando os feminismos coma a "materia maría" da que todas falamos pero á que non damos importancia. Debemos tomar a loita contra as violencias machistas coma un dos eixos fundamentais e centrais dos programas electorais e do discurso político de Podemos. É fundamental poñer en valor o feminismo, incluír o enfoque de xénero e asumir os principios políticos acumulados durante anos polas loitas do movemento feminista en todos os ámbitos do partido para construír unha organización máis forte, plural e democrática, con liderazgos corais, paritarios e dialogantes.

Comentarios