Opinión

MESTRA escríbese en maiúsculas

Hai xente que imparte docencia, que lle pon exames e notas ao alumnado. E despois están as MESTRAS e os MESTRES. Así en maiúsculas.

Carmela Iglesias pertencía a este segundo grupo. Conxugo o verbo en pretérito porque Carmela foise o pasado 10 de maio. Nas redes sociais de Nova Escola Galega facíanse eco ao tempo que lembraban o seu compromiso coa renovación pedagóxica do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega. Dicían os seus compañeiros: "Queremos recordala como o que foi, unha mestra da escola das pombas, de fiestras abertas ao mundo e agarimosa no coidado das emocións dos seus alumnos e alumnas; defensora do ensino público e compañeira comprometida coa renovación pedagóxica e a galeguización". Asino cada unha destas palabras. 

Coñecina en Negreira no curso 80-81. Eu facía sexto de EXB e ela era a miña profesora de galego. Ata ese momento o galego era esa materia relegada aos venres. Cando non nos portabamos ben suprimíase o galego e dábase no seu sitio calquera outra materia. Por primeira vez tiñamos tres horas semanais da nosa lingua. Con estes precedentes, Carmela o primeiro que tivo que facer foi gañar o respecto pola súa materia. Quedounos ben claro moi axiña. Na clase era unha persoa das que agora se cualifican como asertivas. As cousas dicíaas unha vez e abondaba. Non tiña que falar alto porque falaba claro. Nenos e nenas de familias monolingües en galego e que memorizáramos a táboa do sete en castelán escoitabamos falar por primeira vez da importancia da nosa lingua, do respecto que merecían as nosas familias por nola transmitir, de autores que escribían unha lingua que nós supoñiamos ágrafa.

O profesorado que compartía sala de profesores con Carmela formárase nas escolas de maxisterio franquistas e desgraciadamente a moitos notábaselles. Lembro un director de man lixeira que che cruzaba a cara cunhas labazadas que aterrorizaban. Lembro tamén a reacción de Carmela cando soubo destas prácticas. "Mañá imos ler un texto moi importante", dixo ela. E ao día seguinte descubriunos a 'Declaración dos dereitos do neno'. Foi moito adianto saber que tiñamos dereitos.

Teño unha fonda lembranza de Carmela na aula o primeiro día de clase despois do 23-F. Non fixo ningunha mención ao Coronel Tejero. Non facía falta. Dedicou a clase a descubrir os fundamentos da democracia, que cousa era un deputado, un senador, un parlamento… Carmela cría na democracia de proximidade e cando se formaron os Consellos Escolares animábanos a participar a través dos nosos representantes, a expoñer as nosas necesidades, as inquietudes, as queixas e as demandas. Axudábanos a preparar escritos e penso que o facía para protexer os elixidos e que puidesen falar en nome de todos e todas con maior lexitimidade.

Lembro, sobre todo, a alegría das súas clases, a liberdade de preguntar calquera cousa en calquera momento. Cando naquelas aulas tan numerosas se xeraba algún desorde Carmela non berraba. Ía ata a súa mesa, mirábanos por riba dos lentes e o seu silencio íase estendendo pola aula como a sombra dun carballo se vai movendo segundo o sol avanza. Con todos calados dicía algunha das súas frases, por exemplo: "Vós védesme a min cara de parchís?". E a orde restaurábase automaticamente e por largo tempo. Todos aprendemos da man de Carmela que a forza da razón e das ideas é máis poderosa que a forza bruta das labazadas.

Carmela protexía os máis desprotexidos e facíao dun xeito sutil, sen que se notase. "Bota man de min como se fose un paraugas", dicía Carmela. Ela foi o paraugas no que nos abrigamos os que falabamos unha lingua de segunda, os que tiñan os pais na emigración, os que tiñamos que facer lixeiros os deberes porque na tardiña as muxidoras da aldea consumían a pouca potencia que a rede eléctrica traía…

Carmela tiña un paraugas que nos acubillaba a todos porque como dicían os seus compañeiros de Nova Escola Galega era agarimosa no coidado das nosas emocións.

Escoiteille dicir a Pilar Sampedro que cando ela rematou maxisterio todos querían facer as prácticas na aula de Carmela. Non me estrañou nada. Todos queremos beber en fonte de auga clara.

As MESTRAS coma Carmela non deberían morrer nunca.

Comentarios