Opinión

Os da miña parroquia e o Sr. U

Disque unha vez Tolstoi lle dixo a un pintor: pinta a túa aldea e pintarás o mundo. Da frase hai múltiples versións e se cadra o aire frío da tundra levoulla dos beizos aínda ben non a dixera. Seguindo os seus consellos vou tentar pintar a miña aldea. Dende a xanela vexo o monte de Bergando, no Val de Barcala. Nestes días de outono hai cinco minutos da mañanciña nos que o pintor de Tolstoi non daría feito para acertar coas cores que sobre Bergando van anunciando a saída do sol.

Un día o pai de Quico Cadaval díxolle que oíra que falaban del no xornal e que non lle gustaba nada porque segundo o Sr. Francisco “os pobres cando saímos no xornal non é por cousa boa”. En febreiro deste ano os da miña parroquia, que temos unha renda per cápita bastante baixa, saímos no DOGA e confirmouse a teoría do Sr. Francisco da Carreirana: non era por cousa boa. A empresa Green Capital Power SLU. fixera plans para que eu vise proximamente a 1km da miña xanela os xeradores eólicos de máis de 200 m de altura do parque eólico de Troitomil. Illados pola pandemia nas nosas casas só nos viamos arredor do coche da panadeira pero creouse un grupo de What’sapp e co DOGA diante confirmamos horrorizados que enriba das casas alguén, que sospeitamos que non foi o pintor de Tolstoi,  debuxou un parque eólico. Ese alguén agochábase detrás do U de Green Capital Power SLU (Sociedade Limitada Unipersoal). 

Os xornais de papel salmón din que o Sr. U aspira a converterse no Rei Midas das renovables. O Sr. U quería mandar moito sobre nós e as nosas propiedades. 

A poligonal do parque eólico do Sr. U incluía 15 aldeas cos seus montes, terras de labrado e tamén as súas casas. O Sr. U debuxara o parque sen preguntar de onde vén a auga que bebemos e que nace onde el quere erguer os aeroxeradores. O Sr. U o día seguinte a que lle aproben o parque, se é que llo aproban, inscribirá as súas afectacións sobre as propiedades dos meus veciños sen preguntarlles que tal lles parece que vaia ao Rexistro da Propiedade de Negreira a encher de afectacións propiedades que estaban libres de cargas. O Sr. U faille unha emenda á totalidade ao PXOM convertendo terreos urbanos ou urbanizables nunha sorte de parque industrial no que os intereses do Sr. U prepronderan sobre os das persoas que agora vivimos alí. O Sr. U pode fracccionar un macroparque eólico e de resultas diso a miña parroquia queda asediada polos parques de Troitomil, Barrosino e Castiñeiras que comparten instalacións e que ocupan terreos da parroquia.

Os meus veciños puxéronlle nome a cada pedra do noso monte, ás leiras, aos regos, ás brañas e aos tremos pero iso parece ser que non dá dereitos fronte aos dereitos do Sr. U. O Sr. U non sabe onde quedan Nantón, Buchaín, Sanamede, Seilán, Duomes de Arriba e de Abaixo, Xanín, O Rucheiro nin falta que lle fai porque el debuxa para diante. 

Os meus veciños encargaron e pagaron a pancarta que colga no balcón do Concello e di “Eólicos na Baña así non” e pensan dar batalla.

Nese grupo de What’sapp preparáronse as alegacións ao parque de Troitomil que logo compartiron coas parroquias veciñas, fixeron as do Barrosino e están agora coas das liñas de evacuación e coas da Castiñeira. Traballo abondo para uns veciños que non contan con grandes bufetes de avogados que os asesoren. Por non ter nin tiveron unha reunión informativa na que técnicos do concello lles advertisen destas futuras afectacións. Da Xunta xa non digo nada. O peor de todo é que os expertos din que a rede non ten capacidade para absorber tanta enerxía de tanto parque en tramitación. Por sorte hai tremor e a xente móvese.

Onte mandáronme unha foto de Lugo. Nunha parede da praza de San Domingos o grafiteiro que se fai chamar Primo Bansky reproduce o famoso cadro titulado Camiñante sobre o mar de néboa do pintor alemán Friedrich. Na versión luguesa un home de costas mira unhas montañas coroadas de eólicos. Pode ser a miña aldea ou calquera outra das que hai en Galicia afectadas por eólicos. Ao cabo tiña razón Tolstoi e pintando a miña aldea píntanse todas. 

E xa que empecei cunha cita de Tolstoi vou rematar con outra: Hai quen cruza o bosque e só ve leña para o lume. Noso señor nos dea ollos!

Comentarios