Opinión

A dor máis infértil

No medio e medio desta guerra de Ucraína saltaron aos titulares dos xornais informacións sobre as adopcións internacionais e os ventres de alugueiro.

Nos primeiros días os xornais facíanse eco das parellas que alí quedaran "atrapadas" e dos nenos que naceran. Soubemos que os bebés estaban sendo custodiados con fusís de asalto mentres se agardaba a recollida de tan prezado ben. Por suposto das nais que os xestaran e pariran pouco se dicía porque ninguén fala da carne barata, nin en tempo de guerra.

Neses primeiros días os xornais facían titulares como "La embajada de España en Ucrania anuncia que ya no inscribirá a más bebés nacidos por gestación subrogada". E como podía facelo antes se a práctica é aquí ilegal e nas embaixadas impera a lei do país de orixe? Os medios máis contrarios a Putin poñían o acento en que Ucraína era o paraíso dos ventres de alugueiro obviando que todos sabemos que en Rusia é unha práctica tamén permitida pero que é país inseguro porque a previsión é prohibilas se o comprador é estranxeiro ou ruso solteiro e/ou homosexual.

Os medios contrarios a esa práctica (recoñezo abertamente que eu tamén o son), ao abordar o tema pasan habitualmente por riba da dor da infertilidade que moitas veces provoca que persoas coma calquera de nós se lancen a unha busca deses bebés, mesmo cando nesa busca crucen a fronteira da legalidade.

No 2014 nunha mesa dun café compostelán xermolou o que hoxe é querENDO Mulleres con endometriose. A asociación naceu co ánimo de dar apoio ás 60.000 galegas que padecen esta doenza. Unha parte delas carga coa cruz da infertilidade.

Coñecín na asociación o sufrimento destas mulleres. Mentres desafogaban o seu drama persoal, eu, que nunca busquei un embarazo, vin a dor nos ollos de mulleres que levaban anos perseguindo o soño de ser nais.

Despois de estar con ducias destas mulleres podo afirmar que neste país non sabemos acompañar a infertilidade. Non sabemos.

As precarias condicións económicas e laborais abocan a moitas mulleres a unha busca demasiado tardía do embarazo e caen de cabeza nunha infertilidade sobrevida máis por causa da idade que da enfermidade. Non atopan solucións na Sanidade Pública polas listas de espera e non acceden ás clínicas privadas pola barreira infranqueable dos altos custos que supoñen os tratamentos. Unha verdadeira esterilización económica das clases máis desfavorecidas practicada nun país cun grave problema demográfico.

Na pública recíbenas con un "¿Pero cómo vienes tan tarde?" e na privada danlles orzamentos que non saben se poderán enfrontar porque tampouco saben cantos intentos precisarán para conseguilo.

Hai unha falta de abordaxe holística e multidisciplinar nas consultas de xinecoloxía que fai que non dispoñan de axuda psicolóxica para visibilizar outras saídas como son a adopción ou o acollemento. Hai tabús, crenzas e valores que lles impiden facelo pola súa man.

O teléfono de querENDO escoitou a mulleres que ocultaban os problemas de fertilidade ás familias das súas parellas por medo a ser rexeitadas (si, na Galiza e no século XXI). O teléfono de querENDO atendeu a mulleres que se derrubaban na consulta despois da fatal nova de que non poderían enxendrar mentres se lles dicían frases como "Hija, no sé por que te pones así. Hazte a la idea de que tus hijos iban a ser todos yonkis".

E o corazón da administración pública como latexa?

Permite que o negocio da doazón de óvulos o controlen empresas privadas. Os óvulos teñen un tratamento diferente ao que se lle dá ao sangue, órganos ou tecidos, á marxe das axencias de doazón públicas. Que intereses económicos hai detrás? Un terzo dos óvulos doados en España expórtanse. Non digo máis.

Mentres tanto, o Tribunal Supremo sentenciou en abril deste ano que a xestación subrogada vulnera o dereito e que a relación nai-fillo debe obterse pola vía da adopción non da subrogación. Sentenza nun país no que as axencias que xestionan as maternidades subrogadas fano aquí á luz do día. Teñen web, CIF con altas en epígrafes inverosímiles e fórranse coa desesperación dunhas e a pobreza doutras.

Pero lembren que o problema está en Ucraína que permite os ventres de alugueiro.

Comentarios