Opinión

Laudatio a Pilar García Negro

Reproducimos a seguir a laudatio de Carme Fernández Pérez-Sanjulián a Pilar García Negro pronunciada durante a homenaxe que este sábado a AELG tributou en Lugo á ensaísta e ex deputada do BNG.

Para unha coruñesa como eu son é un inagardado privilexio poder falar neste salón de plenos de Lugo e poder converterme, mesmo por un día, nunha lucense máis, o que non deixa de ser unha volta ás orixes, pois destas terras ven a miña xinea, a memoria das orixes e, así, sei que as miñas sombras familiares están hoxe aquí, a partillar este momento. Quero deixar, pois, constancia do meu agradecemento a AELG por ter pensado en min para este acto e permitirme, por tanto, compartir hoxe este espazo con tanta xente amiga, con tantas persoas ás que nos une a admiración, o respecto e, en moitos casos tamén, a amizade pola figura que hoxe homenaxeamos. 

Falei de sombras. Neste momento de celebración quero convocar hoxe á miña volta a algunhas das sombras queridas para que me axuden a iniciar o discurso e, así, quero invocar aquí dúas insignes voces das nosas letras, Manuel María e Luisa Villalta; eles, artistas da palabra e amigos de vello habían ser quen de pronunciar un discurso mil veces máis brillante que este para expresar a profunda consideración intelectual e tamén o afecto que sempre profesaron a Mª Pilar García Negro.      

Acompáñannos, tamén, outras dúas presenzas gasalleiras, Eduardo García Varela, “Cidadela”, e Maruxa Negro García, sombras amadas e sempre presentes para a nosa homenaxeada; para os dous, teño a certeza, este acto de recoñecemento sería un motivo de felicidade profunda. Como o é para min, convocalos a esta sesión; só espero ser quen de trasladar neste discurso algo do rigor, da precisión e, sobre todo, do fino sentido lingüístico de Maruxa Negro, cualidades todas que, é ben sabido, recoñecemos hoxe na súa filla.

Da súa man entraremos nesta praza, nas rúas cinguidas pola muralla, no parque de xogos e fantasías, isto é, nun mundo gozoso sempre evocado nas conversas, porque falar de Pilar García Negro é falar desta cidade de Lugo, onde se desenvolve a primeira etapa da vida, os estudos, as primeiras lecturas ou, mesmo, tras os seus estudos universitarios en Santiago, a súa primeira experiencia profesional como docente no Seminario Diocesano de Lugo. E neste punto, nesta entrada definitiva na vida adulta, aparece xa a Pilar que coñecemos, a que entende o compromiso coa lingua como trazo esencial do seu xeito de estar no mundo, a que proclama que non hai mellor exemplo que a propia coherencia da praxe, pois será neste ano de 1975 cando inicie o camiño, xa sen volta atrás, do uso vehicular da lingua galega no ensino. 

Pilar entende o compromiso coa lingua como trazo esencial do seu xeito de estar no mundo

 

Un ano máis tarde comeza a experiencia coruñesa e vai ser alí, na Cidade Alta de Luisa Villalta, aberta aos ventos e ao sal, aquela da que di Eva Veiga que “A cada paso es unha e es outra”, onde a nosa escritora acaba de conformar a súa personalidade intelectual até se converter nun referente incontornábel da vida cultural coruñesa e, obviamente, non só. Desde ben cedo as súas palestras, cursos e, mesmo, os seus dotes organizativos van estar postos ao servizo do movemento cultural  asociativo e de calquera iniciativa que teña como fío condutor a defensa e promoción da nosa lingua ou da nosa literatura. Debémoslle a organización nestes anos de ciclos de conferencias pioneiros, por exemplo, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, algúns deles logo editados en libro e que se converteron desde ben cedo en obras de referencia. Falo dos volumes Problemática das linguas sen normalizar: situación do galego e alternativas;  A nosa literatura: unha interpretación para hoxe ou, moi especialmente, de Rosalía de Castro, unha obra non asumida (1985), un conxunto de estudos que nos revelaron unha imaxe diferente da escritora, ao tempo que nos axudaron a facer unha lectura da súa obra moito máis reivindicativa e transgresora que a estabelecida até entón. 

Porén, todo ese incesante labor divulgativo e o inicio do seu traballo investigador non poden embazar de modo ningún a que, das moitas actividades en que Pilar ten multiplicado o seu tempo, é, na miña opinión, a que mellor expresa a súa personalidade. Como non falar da magnífica docente, da profesora con luz propia que abre portas a mundos descoñecidos, da que ensina a pensar? Son unha das moitas alumnas que tiveron a fortuna de partillar con ela o espazo das aulas, ben nos institutos Eusebio da Guarda ou A Sardiñeira, ben na facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, despois. Son hoxe, de novo, unha alumna enlevada (“O mundo era una praia e ti volvías/ de percorrer a nado o firmamento” , podería eu dicir tomando prestadas as palabras de Marica Campo), mais, ao tempo, traio comigo a voz de tantas rapazas, de tantos mozos aos que Pilar transmitiu a paixón pola literatura, o desexo de saber máis e, aínda por riba de todo isto, a conciencia de sermos galegos e galegas, de posuírmos unha lingua, que era tamén a nosa (mesmo que fósemos español-falantes), e que só precisabamos dun pouco de esforzo para nos reintegrar a un espazo lingüístico e cultural que era naturalmente o noso. Esa seguranza lingüística, que diría Goretti Sanmartín, foi o agasallo máis precioso que moitas de nós recibimos naquel tempo crucial da mocidade. E non foi o único, pois dotounos a todas dunha conciencia de nós mesmas e, máis aínda, dunha visión do mundo que, co tempo, fomos quen de identificar como feminista. Para alén diso, quen pode non sentir a potencia do discurso rosaliano despois de asistir ás aulas de Pilar?  

Quen pode non sentir a potencia do discurso rosaliano despois de asistir ás aulas de Pilar?

 

E este labor pedagóxico profundo, esa vontade didáctica ten moito a ver coa súa dimensión máis directamente política e, en especial, co seu inxente labor como deputada no Parlamento galego polo Bloque Nacionalista Galego, de 1989 a 2003. Non é este o momento de glosar este aspecto mais si quero apuntar que foron ensino, cultura, política lingüística e defensa dos dereitos das mulleres os asuntos que constituíron o centro da súa atención. Neste tempo onde a política institucional ocupa o centro da súa actividade, amplíase a súa dimensión pública e, así, tanto as súas intervencións como os seus artigos, van ir consolidando a imaxe da intelectual de brillante oratoria e prosa envexábel, de discurso vehemente, contundente, mesmo ás veces áspero, mais sempre matizado pola elegancia da expresión e unha cortesía esencial que é consubstancial coa propia Pilar. “Firmiter in re, suaviter in modo”, foi o lema que a nosa escritora escolleu para presentar o traballo que, finalmente, gañou en 2010 o XV Premio Vicente Risco de Ciencias sociais e que foi  publicado sob o título: O Clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo. E teño para min que podería ser a súa insignia. 

Pois eu diría que é dona Pilar dunha requintada urbanidade que, unida á innata xenerosidade e gosto pola conversa e a amizade, a levan a congregar á súa volta a xentes diversas coas que estabelece, para alén de fortes lazos persoais, liñas de traballo, proxectos de todo tipo, colaboracións das que xorden libros, músicas, arte... O resultado deste labor sobarda con moito o estritamente amical pois esa súa natural aptitude para tecer redes de relacións é utilizada, con sabedoría, para incorporar novas forzas, novas voces aos proxectos colectivos ao servizo do cales traballa sen cesar a nosa homenaxeada: a construción dun proxecto nacional, o mantemento dos nosos sinais de identidade, a defensa dos dereitos das mulleres.

Son hoxe, de novo, unha alumna enlevada

 

As palabras de meu saben da loita,

de voces  de mulleres e de homes,

de ledicias e mágoas, son o pobo

a procurarlle un nome a toda a vida (Marica Campo, Sextinario).

Ao longo de todo este fecundo percurso vital, nunca abandona Pilar a investigación, a reflexión sobre lingua e literatura e, así, o traballo incesante e a súa pluma áxil permítenlle dar a luz  múltiplos traballos hoxe xa de referencia obrigada. Son variados tamén os soportes en que a autora nos ofrece as súas reflexións; entre todos eles, permítaseme unha reflexión primeira sobre as súas colaboracións en publicacións periódicas. Desde os seus primeiros artigos da sección "O idioma", no semanario A Nosa Terra (de marzo de 1978 a agosto de 1979), ás súas colaboracións en Xornal de Galicia ou ás actuais en Sermos Galiza ou en Terra e Tempo, xornais e revistas de todo tipo, galegas e estranxeiras, son espazos onde a autora vai ir compondo textos memorábeis que hoxe, desde unha perspectiva crítica, podemos valorar como verdadeiros modelos de xornalismo cultural. Os seus artigos (recollidos algúns nos volumes Sempre en galego, 1993; De fala a lingua: un proceso incacabado, 2009 ou Outramente…, 2014), combinan carga ideolóxica e eficacia comunicativa, pedagoxía política e rigor académico, mais, por riba de todo, posúen un estilo inconfundíbel. E direi máis, presentan un refinado modelo de lingua galega culta, considerado, con xustiza, como espello de boas prácticas, como fonte que axuda a consolidar o léxico, mellorar os usos; nunha palabra, un recurso imprescindíbel para falar e escribir ben na nosa lingua. 

Estes trazos mantéñense, no esencial, no resto da súa prosa. Estamos a falar dunha ensaísta e académica que desenvolve unha abondosa produción sobre sociolingüística, linguas europeas non normalizadas, literatura galega e feminismo, que ten publicado edicións e estudos sobre a literatura galega do XIX e XX, con atención especial pola obra de Valentín Lamas Carvajal, Ramón Vilar Ponte, Eduardo Blanco AmorRicardo Carvalho CaleroJenaro Marinhas del Valle, María Mariño ou Manuel María; e tamén sobre Mª Xosé Queizán, Lois Diéguez ou Pilar Pallarés, por citar só algúns dos e das autoras en que centra a súa atención. Falamos dunha das máis recoñecidas estudosas da obra de Castelao (lembremos só o seu libro, Arredor de Castelao, 2001) e, por suposto, dunha das rosalianistas actuais de referencia.

A atención pola obra da nosa autora nacional acompaña Pilar desde os inicios da súa carreira, se ben nos últimos tempos deu ao prelo varias obras que, en boa medida, dan forma a lecturas e reflexións de longa data. Hai xa moitos anos, en 1985, no  congreso “Rosalía de Castro e o seu tempo”, aquel encontro que marcou un punto de inflexión no proceso de reavaliación e relectura da obra rosaliana, Pilar García Negro puxo o foco na personaxe central do romance Flavio, unha obra completamente desvalorizada pola crítica na altura, na ponencia que presentou baixo o fermoso título de “Rosalía á luz de Mara”. Moitos anos despois, en 2013, no seu libro Cantares Gallegos, hoxe (2013), pon o acento na meniña gaiteira. Que hai de común entre estes textos?

No seu día, a análise da personaxe de Mara serviulle á nosa autora para analizar como Rosalía, a través do proceso de construción ficcional da figura da escritora, e da representación da posición autorial por medio dunha sorte de autorretrato, introduce xa, desde os seus primeiros textos, a reflexión sobre a problemática relación entre mulleres e escrita, con toda a carga de reivindicación do seu dereito a se expresaren por si propias, de se emanciparen do dominio que as mantén como perpetuas menores e/ou escravas. 

Anos máis tarde, ao reparar na meniña gaiteira de Cantares gallegos, Pilar García Negro subliña como esta escolla da voz poética equivale a toda unha declaración de principios, dado que é unha voz de muller, popular e nova, a que nos conduce a través da viaxe polas terras, pola cultura, polas circunstancias sociais e persoais das mulleres e dos homes da Galiza do seu tempo, asumindo o papel de portavoz da comunidade a que pertence. O seu protagonismo, afirma Pilar, implica dotar as mulleres de visibilidade, un proceso constante ao longo non só deste libro, senón do resto da obra rosaliana.  

Na miña opinión, este exemplo permite ver como as escollas analíticas da autora que hoxe homenaxeamos non teñen nada de casuais. A reflexión e a visión de xénero non só aparecen cando estuda obras como as que se citaron, senón que constitúen un eixo central de toda a súa produción ensaística (lémbrese, por exemplo, o artigo “As mulleres e os idiomas non normalizados, dúas realidades submetidas a mistificación”, 1993). Porque Pilar le como feminista e como feminista se proxecta nos propios textos e nos seus discursos.

Para finalizar esta breve percorrido polas achegas ensaísticas de Pilar García Negro, non podo deixar de mencionar outra recente publicación por ela organizada: No tempo de "Follas Novas". Unha viaxe pola literatura universal (2015). Nela, sitúase Rosalía como elemento central da literatura universal, ao colocala en pé de igualdade con outros autores e autoras contemporáneos, recoñecidos no canon da literatura occidental. O libro constitúe unha especie de exercicio de literatura comparada que nos permite obter unha visión panorámica dos grandes temas que protagonizan os debates filosóficos e artísticos ao longo do século XIX. Mais, ao final, esta viaxe literaria funciona, sobre todo, como demostración desprexuizada, máis unha vez política, do valor da nosa literatura pois, para Pilar, esta non é, non debe ser, un artefacto de uso limitado, con existencia en clave menor; estamos, de novo, ante un bo exemplo do necesario proceso de ruptura coa “dependencia de tabelas axiolóxicas, dadas por indiscutíbeis e cuxa hexemonía e cuxa xerarquía ninguén nos consultou”, nas súas propias palabras. Un esquema que, unha e outra vez, é posto en evidencia por Pilar García Negro para o mudar.

Di Pilar Pallarés:

Como se o mesmo fosen a palabra e o acto,

A mudez e o non ser.

Como se unha única sílaba furtada do siléncio

Xustificase a vida

E mantivese a roda do tempo no seu eixo (Livro das devoracións).

Conxurar o tempo coa palabra e, con ela, combater o esquecemento, restaurar a historia, denunciar a “imposición da verdade, dada por natural e inmutábel, sexa a prevalencia do branco dominante, do varón, do machismo, do amo ou do idioma hexemónico”, tal como declara a propia García Negro no limiar dun dos seus libros que ten por título un deses xogos lingüísticos tan do seu gosto: “A pe(n)sar de todo”. Análise, crítica, alento; sementar anceios, achegar claves para interpretar o mundo, transformar… estes son algúns dos principios estruturantes do discurso de Pilar García Negro. 

Falamos, en fin, dunha intelectual que aplica toda a súa forza de pensadora e o seu talento creativo ao servizo de proxectos colectivos, á consolidación dos espazos e dos instrumentos de noso que, con esforzo, se foron construíndo na Galiza. Falamos da ensaísta dona dun estilo inconfundíbel, referencia obrigada cando se trata de procurar un modelo lingüístico culto, ourive da lingua. 

Estamos, como se foi vendo, perante unha figura central da vida cultural e política galega desde a década de 80 do pasado século, cunha actividade incesante en cada un destes campos. Docente excelente, autora de brillantes estudos sobre sociolingüística ou literatura contemporánea, recoñecida estudosa da obra de Castelao e Rosalía, deputada no Parlamento galego; todo o seu labor, desde o académico ou o divulgativo, até o estritamente político, está orientado por unha idea de servizo á nación galega e á causa das mulleres, pois o feminismo é a outra liña medular do seu discurso.

Todo o seu labor, desde o académico ou o divulgativo, até o estritamente político, está orientado por unha idea de servizo á nación galega e á causa das mulleres

 

“Onde está Pilar, está a Galiza”. Esta afirmación, mil veces repetida, témola escoitado nos máis variados contextos; quer nun ámbito académico, en Coimbra ou Bos Aires, quer nunha reunión internacional sobre dereitos lingüísticos en Bruxelas ou Barcelona, a palabra de María Pilar García Negro traslada sempre un explícito testemuño de compromiso, cordial e ao mesmo tempo militante, coa nosa nación. 

Ana Romaní en Estremas reclama:

Que alguén soñe o meu país        o seu lugar

que alguén o soñe        que se atreva

[…]

Que alguén se atreva a soñar o meu país

a cruzar as avenidas 

que se atreva 

á luz     

E eu, case como unha ladaíña, afirmo: “Onde está Pilar, está a Galiza”.  

Pois sei que ela si que ousa soñar este país, que é quen de cruzar as avenidas a nos conducir, da man, á luz. 

“Onde está Pilar, está a Galiza”.  

Comentarios