Opinión

Violencia política

Xa non temos capacidade de sorpresa. Escoitamos insultos cando deberíamos oír argumentacións. Sen inmutarnos, consideramos que é o habitual, o normal. Todas as liñas vermellas foron traspasadas. Se cadra, incluso, estamos máis alá do que entendíamos por tales liñas hai só unha década. 

As profundas transformacións propostas e realizadas polo feminismo molestan. Molestan porque non son mera maquillaxe social, xa que apuntan ao centro da distribución do poder e o recoñecemento. Cuestionan unha forma de organización social que se sostén no traballo de balde da mulleres e na súa vulnerabilidade social. Así que o feminismo é un inimigo a bater nas redes sociais e nos parlamentos. 
Estamos nunha encrucillada preocupante. Por unha banda, a dereita volve cargar contra os dereitos das mulleres desde unha suposta defensa das mesmas desde o paternalismo, a revitimización ou sacralización da maternidade. Con este fin, unha das súas estratexias é descualificar a responsábel do Ministerio de Igualdade como se dunha lapidación pública se tratase. O que noutro tempo era unha argumentación falaz ou incorrecta, falacia ad hominem, por desacreditar o emisor e non ser quen de desmontar as súas propostas, hoxe é aplaudido con vehemencia por toda unha bancada dos diferentes hemiciclos e salóns de plenos municipais, por algúns medios de comunicación e variados foros nas redes. O resultado: unha parte da poboación masculina nega que exista a violencia machista e volve a culpabilizar as mulleres. Algo tan vello e de tanta actualidade.

Por outra, os feminismos viven unha tensión interna que impide diálogos sinceros sobre a situación e o futuro. Case colonizadas pola mala educación e a falta de argumentacións, os insultos e os vetos comezan a abrir fendas que só beneficia o Patriarcado. É certo que temos visións diferentes, mais tamén é certo que non deberíamos repetir modelos de descualificación e insulto. Se propoñemos a diversidade como riqueza, deberiamos preservar a pluralidade epistémica tamén como un logro democrático e feminista.

A “Lei do só si é si” proe, igual que o fixeron as leis de violencia de xénero no inicio deste século. Seguro que necesitan axustes e, desde a miña óptica, o marco punitivo non é a solución. Mais dito isto, o certo é que estas leis proen porque abordan as violencias machistas, porque mostran que a violencia e o medo son o mecanismo de control das mulleres. Desde outra concepción da política e, pode que cun enfoque feminista diferente, non consigo aturar máis esta violencia política que hoxe sofre a ministra, pero que é un menosprezo a todas as feministas. De feito, creo que é un insulto a todas as mulleres.

Estes días, víñanme algunha das imaxes do Conto da criada. Hai un momento no que a ideóloga da reclusión das mulleres nas casas, ao verse ela mesma recluída e frustrada, agarra polos pelos a protagonista para pechala no seu cuarto. Algunhas mulleres negan a violencia machista, podo entendelo e confrontalo con datos e argumentos. Agora que aplaudan a violencia política nin o entendo, nin creo que debamos ficar caladas. 

Como afirma a filósofa Agra, recollendo unha idea da histórica feminista Carmen Blanco, chegadas aquí só podemos dicir: RIP.
Resistir, Insistir, Persistir

Comentarios