Opinión

Transitar do Eu ao Nós

O camiño que vai do Eu ao Nós semella difícil, case que imposíbel na actualidade. O imperio do individualismo, agás escasas excepcións, é omnipresente. Vellas palabras trasnoitadas lembran que houbo un tempo no que falar do “ben común” tiña un contido, aínda que fora na utopía da palabra.

O camiño que vai do Eu ao Nós semella difícil, case que imposíbel na actualidade. O imperio do individualismo, agás escasas excepcións, é omnipresente. Vellas palabras trasnoitadas lembran que houbo un tempo no que falar do “ben común” tiña un contido, aínda que fora na utopía da palabra. Agora as cousas están claras e o “sálvese quen poida” é a máxima que regula a acción diaria. Neste contexto e coa corrupción como pano de fondo na dereita, desenvólvense unhas novas eleccións municipais. 

 "O nacionalismo galego preséntase co lema “Depende de Nós”. Unha clara apelación ao colectivo"

Múltiples partidos, agrupacións de electores ou coalicións de partidos conforman a variada oferta electoral desta primavera á que o nacionalismo galego preséntase co lema “Depende de Nós”. Unha clara apelación ao colectivo e que como declaración de principios require unha pequena reflexión.

Mais alá da tantas veces nomeada crise económica dos últimos anos, Galiza vive un presente de baleirado económico, social e político que apunta cara un futuro incerto. A grandes rasgos isto vén caracterizado por un  proceso continuo de devalar demográfico alarmante, unha baixada do peso do PIB galego en relación co Estado, o derrube da nosa industria, un sector lácteo a un paso do abismo e a pesca esquecida na burocracia europea. A maiores temos que engadir a fulminante perda de peso político de Galiza nos últimos anos. Asento esta idea en dúas cuestións moi evidentes, por unha banda, a escasa relevancia que adoitan ter os temas galegos na política estatal se os comparamos con Euskadi ou Cataluña e, por outra, o mimetismo cada vez maior do mapa político galego co estatal.

"É máis urxente que nunca definir as claves necesarias e a folla de ruta para recuperarmos a capacidade produtiva, económica, demográfica, cultural, social e política".

Por isto fronte ao debate sobre como xestionar mellor os escasos recursos cos que contan os concellos, do que o BNG ten dado mostra de solvencia recoñecida en todos os concello nos que goberna, a cuestión é ben máis profunda. Aseméllase máis a preguntármonos a serio como nos vemos dentro dunha década. Ese verse debe ser sincero e non pode estar en clave de como lle vaia a cada un de nós, risco claro dos tempos, senón como imaxinamos que será a Galiza do segundo cuarto do século XXI.  É aí onde aniñan todas as dúbidas. Neste últimos seis anos do PP os indicadores económicos fannos diverxer co Estado, ao que temos que sumar o expolio da entidade financeira propia para deixarnos a vontade dun banco privado. Por iso que é máis urxente que nunca definir as claves necesarias e a folla de ruta para recuperarmos a capacidade produtiva, económica, demográfica, cultural, social e política. Nin  apócema máxica, nin mesías redentores adoitan existir. Urxe construír a política como un espazo de confianza en nós mesmas e mesmos. 

Comentarios