Opinión

Serafín e Carlos

Eu persoalmente non coñezo nin a Serafín Rodríguez nin a Carlos Rivas. Compartín con eles as rúas de Vigo o domingo 9 de febreiro baixo miles de gardachoivas pedindo xustiza. Xustiza para o elo máis débil desta crise económica, os traballadores e traballadoras.

Eu persoalmente non coñezo nin a Serafín Rodríguez nin a Carlos Rivas. Compartín con eles as rúas de Vigo o domingo 9 de febreiro baixo miles de gardachoivas pedindo xustiza. Xustiza para o elo máis débil desta crise económica, os traballadores e traballadoras. Berrabamos nunha maña de auga contra os edificios de Gran Vía e as tendas pechadas de Urzaiz. Contra os seis homes de bronce que ollaban o noso pasar desde a súa plataforma de formigón e granito, monumento ao traballo chámanlles. Seguro que eles comprenden mellor que Rajoy e o seu goberno a nosa demanda de indulto para quen ten por “delito” defender a clase traballadora.

"Serafín e Carlos son dous traballadores. Podemos imaxinar a preocupación extrema das súas familias, dos seus fillos e fillas. A incerteza dos seus amigos e compañeiros".

Si, Serafín e Carlos participaron nunha folga do transporte xunto con moitos compañeiros mentres demandaban unha negociación do convenio colectivo de Pontevedra. Por este motivo, o Xulgado nº1 de Vigo aplicoulles o artigo 315.3 do Código Penal e esqueceu a prevalencia do dereito de folga para condenalos a tres anos de cadea. A Audiencia provincial de Pontevedra ratificou esta sentenza e o Consello de Ministros denegoulles o indulto.

Serafín e Carlos son dous traballadores. Podemos imaxinar a preocupación extrema das súas familias, dos seus fillos e fillas. A incerteza dos seus amigos e compañeiros. Podemos imaxinar a súa cara de sorpresa e indignación cando ven a todo un Ministerio Fiscal salvando a Urdangarín and Company -por moi borbónica que sexa- ou a un Matas, Blesa e demais insignes camiñando libres. 

"Hai poucos días o PP rexeitou no Parlamento galego asinar unha declaración conxunta pedíndolle ao goberno do estado español o indulto para Serafín e Carlos".

Hai poucos días o PP rexeitou no Parlamento galego asinar unha declaración conxunta pedíndolle ao goberno do estado español o indulto para Serafín e Carlos. Eu case non o podo crer, aínda que o vivín en primeira persoa. Onde está a humanidade da dereita? Cre a dereita que o medo paralizará as persoas? Se isto cre debe repasar a historia para comprobar que todo ten un límite. E case sempre está ligado á dignidade das persoas e da súa vida. A represión da defensa dos dereitos é o camiño emprendido por Rajoy e claramente secundado polo delegado Feijóo.

Cando era nena vin ao meu pai vivindo desesperado e sen durmir por un atropelo dun empresario sen escrúpulos a un grupo de albaneis emigrantes en Euskadi do que el formaba parte. Daquela a administración estivo do lado do patrón. Moitos anos despois o goberno volve ás vellas formas do franquismo e demoniza as centrais sindicais. Que mellor exemplificación que este caso.  

No próximo pleno do parlamento galego o PP terá que decidir que vota a respecto da petición de indulto para Serafín e Carlos. Petición realizada pola CIG, UGT e CCOO e apoiada por miles de sinaturas de mulleres e homes que viven atónitos a materialización da consigna “obreiros na cadea e corruptos no poder”. Cando se preme o voto nunha Cámara lexislativa o movemento non é da man, é da conciencia.

Comentarios