Opinión

Rupturas democráticas e sorrisos

Unha das cuestións que máis me sorprende de todas as reflexións, comentarios e follas de ruta que marcan comentaristas, politólogos e medios de comunicación en xeral  na semana de reflexión poselectoral é a preocupación pola saúde do bipartidismo.

Unha das cuestións que máis me sorprende de todas as reflexións, comentarios e follas de ruta que marcan comentaristas, politólogos e medios de comunicación en xeral  na semana de reflexión poselectoral é a preocupación pola saúde do bipartidismo. Este xa estaba convertido desde fai tempo, polo menos desde a reforma exprés da Constitución dunha tarde de verán, nun monopartidismo económico e recentralizador con dúas faces diferenciadas só nalgúns aspectos sociais. Máis que ao cuestionamento da alternancia política dos partidos semella que asistimos á irrupción dunha xeración emerxente, formada e provinte da extinta clase media e do novo precariado, que busca fórmulas de participación diferentes ás clásicas da militancia de partido e a todos os seus vicios e pode que tamén das súas virtudes. Supoño que ten por diante retos importantes como os de organizarse sen crear organización, deseñar estrutura sen facer estruturas ou profundar no valor do colectivo desde os hiperliderados que tanto ansía en xeral a esquerda.

"Existe unha ocultación ou se cadra mellor dito unha minimización do verdadeiro pulso ao bipartidismo español, os resultados nacionalistas en Cataluña e Euskal Herria".

Pola contra existe unha ocultación ou se cadra mellor dito unha minimización do verdadeiro pulso ao bipartidismo español, os resultados nacionalistas en Cataluña e Euskal Herria. Sorprenden os silencios. Se a sensación xeralizada é de vivir unha segunda transición, de establecerse unha ruptura democrática todo apunta a que esta ten natureza fundamentalmente territorial. Como explican os medios de comunicación da dereita, e os da progresía tamén, a situación a que se enfrontan o PP e o PSOE despois da súa campaña en contra do referendum catalán? Como valoran os resultados en Euskadi e Navarra? O comportamento do descontento e a canalización do voto cara Podemos ten un comportamento ben diferenciado onde o nacionalismo, principalmente de esquerdas, camiña cara á construción doutro modelo social baseado na aposta soberanista.

As cidades galegas, como un barrio de Madrid 

En Galiza os resultados difiren moito das nacións coas que polo de agora compartimos ese termo institucional de nacionalidades históricas. O espazo nacionalista, desde a óptica dos resultados electorais e as valoracións posteriores, máis que converxer distánciase preocupantemente. As cidades galegas mostran un comportamento análogo a un barrio de Madrid reflectindo unha realidade que todos e todas vivimos, isto é, a importancia dos medios e as redes sociais para instalar estados de opinión ou reproducir debates estatais. A nosa febleza como nación non necesita resultados electorais para percibirse, chega con pasear polas feiras do libro, escoitar a lingua nos bares de copas, mercar un xornal, revisar os datos de poboación no rural, imprimir as estatísticas oficiais da emigración xuvenil, analizar o comportamento industrial da última década ou recoller as múltiples afirmacións verquidas nos últimos anos arredor das novas formas de expresión do sempiterno axioma “Galiza soa non pode”. 

"O espazo nacionalista, desde a óptica dos resultados electorais e as valoracións posteriores, máis que converxer distánciase preocupantemente".

Esta é a nosa realidade. Non creo que ninguén queira enganarse, todo o contrario. Penso que  hai moita xente que non está disposta a caer niso que a socioloxía denomina “profecía autocumprida” e que a vista de moitas valoracións electorais era o destino prefabricado para o nacionalismo galego. Despois de meses escoitando e lendo afirmacións do tipo “o BNG suicídase”, a modesta e silenciada campaña electoral que realizamos estivo marcada polo traballo de miles de militantes e simpatizantes e a conversa. Moitos pequenos actos, abertos e falando con moita xente. Traballo e sorrisos son as dúas palabras que mellor resumen os intensos meses de remontada de todos os pronósticos oficiais e dos que xornalistas e comentadores gardaban nas súas porras privadas. Aínda que a idea xeralizada desta sociedade do efímero é que o traballo non vale para nada. Eu non acredito. Por iso voume permitir poñer en remollo a tese da inutilidade do traballo e felicitar a todas as persoas que anonimamente ensobraron papeletas, percorreron rúas con megafonía, puxeron cartaces, enviaron correos electrónicos, mercaron as augas para os actos, puxeron as cadeiras, chamaron por teléfono.... e esa multitude de tarefas que fai rede entre persoas e que adoitamos chamar organización. Para todas e todos eles parabéns. Sobre o segundo, o sorriso, paréceme condición necesaria para afrontar o futuro.

"Despois de meses escoitando e lendo afirmacións do tipo “o BNG suicídase”, a modesta e silenciada campaña electoral que realizamos estivo marcada polo traballo de miles de militantes e simpatizantes e a conversa".

O resultado é contraditorio. Por unha banda, celebramos a pervivencia dun proxecto político que arrastra dous dolorosos anos de escisións, EREs, críticas e todo tipo de negativos augurios. Ana Miranda está en Europa para seguir traballando e sorrindo por Galiza. Por outra, a sensación de xogar nunha liga tan diferente á da cidadanía basca e catalá é un motivo de fonda preocupación que induce estados de ánimo de todo tipo. E como ben sabemos estes non son algo menor ou desdeñábel. 

Todos e todas temos un estado de ánimo neste momento en función das expectativas, as lecturas posteriores e as perspectivas de futuro para Galiza que albiscamos. Por iso quero facer a seguinte reflexión. Estamos asistindo a un cambio de modelo global de cidadanía con formas de participación aínda por debuxar, nun mundo tecnolóxico que convive con niveis de desigualdade social crecente. As multinacionais e o poder financieiro esfórzanse por borrar dun plumazo a soberanía de nacións e estados, no mesmo momento que o estado español é incapaz de reaccionar ante o debate sobre as nacións que o integran. Neste contexto convulso  podemos construír nacionalismo desde esta pequena terra á luz dos resultados e da forza demostrada por tantas persoas nesta campaña electoral? Eu son das que pensa que si. 

Comentarios