Opinión

Ramonas

Encantoume Matria. Ía predisposta. Como non! Moitas veces teño visto a curta co alumnado. Moitas veces teño traballado o material didáctico que fixo a miña amiga Eva na aula. Así que ía predisposta. Predisposta a deixarme levar polo peso da vida das mulleres. Entrei no cine con gañas e agradecendo o convite. Que mellor plan para unha mañá de sábado.

Non vou falar de cine porque pouco sei. Só podo dicir que desfrutei coas sensacións que nos transmiten Ramona, a súa amiga e a súa filla. Unha especie de ansiedade constante que transita entre a precariedade laboral, o traballo doméstico e a preocupación por cumprir co rol de nai. Carga emocional é o termo de moda para definir este cóctel vital. Tampouco sei de interpretación, mais marabilloume como María Vázquez tatúa na súa pel toda esa mestura de sensacións, emocións e frustracións.

A miña xeración medrou con dous modelos de mulleres, as que traballaban sen descanso para que as súas fillas estudaran e as que saían no cine. Das que saían no cine non me lembro, téñoas borrosas, creo que sempre atendían aos homes ou eran obxectos sexuais. Das outras, das que proveñen dunha extirpe de traballo a reo, desas todas podemos dicir moito. Matria sitúanos aí. Sobrevoando xeracións, espazos ou experiencias vitais lévanos ao traballo precario das mulleres, aos seus soños e aos medos de que as fillas volvan vivir atrapadas. A relación coa filla na película conmoveume. As relacións nai-filla é un tema clásico no feminismo. Unha relación sempre complexa e, en moitas ocasións, cargada de reproches ou atravesada pola culpa que configura o universo feminino. As nais dalgunha forma pídenlle as fillas que as rediman, que non fiquen atrapadas nas arañeiras das dependencias emocionais. Supoño que as fillas teñen dereito a cometer os seus erros, aínda que en moitas ocasións repitan pautas que xuraron nunca facer cando xulgaban a vida das súas nais.

O filme obrigoume a pensar nese repetir as pautas de comportamento ou os modos de vida. A película é liberadora porque non as xulga a elas, as nais ou as fillas, senón que interpela a esa difusa forma de dominación emocional que como unha tea as vai illando e limitando. Se temos que buscarlle nome, patriarcado semella o máis acaído. As estruturas sociais fan depender o benestar de fillas e fillos, benestar emocional enténdese, só das nais. O benestar material en moitas ocasións tamén. Esta responsabilidade encerra renuncias e trampas vitais que Ramona vai enfrontando ata non poder máis. Neste punto é onde datos como que as mulleres no Estado español consumen o dobre de psicofármacos que os homes cobran todo o seu sentido.

Cando nena odiaba as cancións de Esteso. Non entendía moi ben as letras, supoño que non pola profundidade lírica senón pola miña idade. Mais si que percibía a agresividade e a violencia verbal que proxectaban cara as mulleres. O meu pequeno mundo de nena adora este merecido recoñecemento ao nome Ramona. Recoñecemento a esa extirpe de mulleres traballadoras que tantas veces nos dixeron: nena estuda.

Comentarios