Opinión

Nación e nacionalismo

Fai uns días paseaba por Lobios. Nese momento no que o tempo se detén, as catro da tarde cun calor sen fin. Cheiraba entre herba seca e insectos. Ao fondo unhas galiñas lembraban cada pouco o seu existir coa desgaña propia da hora da sesta.

Fai uns días paseaba por Lobios. Nese momento no que o tempo se detén, as catro da tarde cun calor sen fin. Cheiraba entre herba seca e insectos. Ao fondo unhas galiñas lembraban cada pouco o seu existir coa desgaña propia da hora da sesta. E así, subindo por unha antiga corredoira, hoxe convertida en estrada de piche abafante, evocaba eu a miña mocidade e pensaba nos marcos do nacionalismo.

"Desde onde pensar hoxe a nación?" 

Sobre a miña mocidade pouco teño que dicir máis que era o momento no que Galiza iniciaba o camiño da súa suposta autonomía política, parello a un desmantelamento sen tregua da vida no rural -sempre Arcadia feliz no imaxinario do nacionalismo galego-. Máis de trinta anos despois, a autonomía plena non está conseguida e, pola contra, o rural galego desmantelouse case por completo. Polo demais, a mocidade xa se sabe, que como a hora da sesta, fica detida no calor das lembranzas.

Sobre marcos e nacionalismo agora fálase moito. Se hai que mudalos, amplialos ou directamente desbotar o nacionalismo.  É certo que toda sociedade e cultura constrúen a súa epistemoloxía, ou dito doutro xeito, unha forma de dotar de sentido e significación as múltiples percepcións cotiás. Fai décadas ao que agora os politólogos e politólogas chaman marcos a filosofía denominábaos paradigmas ou sistemas de pensamento. En calquera caso entendemos que sen un espazo común onde pendurar ou desde onde construír os nosos coñecementos os seres humanos pouco poderíamos avanzar.

O nacionalismo galego teceu os seus marcos con moitos fíos, sen embargo predomina o seu carácter social. A denuncia da explotación dos galegos e galegas e a infravaloración da súa cultura e lingua son un continuo desde a obra de Rosalía de Castro e Castelao até os nosos días. As imaxes da Galiza labrega e mariñeira, negada e chuchada polo estado, están presentes no noso imaxinario colectivo como nación. Se cadra débese dicir estaban presentes. A Galiza actual ten un carácter urbano importante e en aumento. O sector lácteo ou o problema pesqueiro quedan vitalmente moi lonxe para a maioría dos mozos e mozas do país. Unha mocidade que le novas sobre o carácter subsidiario de Galiza e non sobre os vetos europeos ou madrileños para producir ou a incapacidade do goberno galego por unha economía produtiva propia. Exemplos como a industria naval, o turismo de calidade, o sector enerxético ou o lácteo darían para varios artigos.

"Se alí estamos é pola ilusión, a acción, o sentimento, a valentía... de miles e miles de persoas anónimas que durante anos camiñaron “no abrante deste día”, o Día da Patria, sen agardar nada a cambio. Só “gañar o futuro”".

Desde onde pensar hoxe a nación? Esta é a pregunta que supoño todas e todas nos facemos. Por iso, neste debate sobre os marcos só quero introducir unha pequena consideración. Aínda que non defendo o materialismo ortodoxo, creo necesario enraizar toda resignificación ou reconceptualización na base material diaria que viven as persoas e os pobos. O ollo que mira está sempre posicionado, encarnado nun corpo que desexa e vive. Desde a precariedade e a emigración que atravesa a nosa mocidade até e o agasallo do sistema financeiro galego ou o inxusto sistema de financiamento que padecemos existe todo un erro de decisións para a nosa economía e unha supeditación cega a Unión Europea que nos sitúan ante a unha perda de peso demográfico e político alarmante. Galiza está absolutamente empobrecida no seu conxunto ante o conformismo ou incluso parabenización do goberno galego.

O carácter social volve a marcar o pensamento e a acción do nacionalismo galego. Nin todas as nacións sufriron a crise por igual, nin terán a mesma saída. Por iso vexo necesario pensar a nación desde os nacionalismos, relendo a historia e ficando, seguindo a Castelao, coa tradición sen tradicionalismo que explica o noso estar no mundo. Un mundo onde uns poucos pretenden impoñer a uniformización como valor contraponse cun mundo onde o valor do múltiple e plural dá todo o sentido a revindicarnos galegas e galegos con lingua de antigo e cultura escrita nas rochas e as ondas. Se temos que construír novos sistemas de pensamento fagámolo tamén desde nós, deixemos de buscar sempre o paraíso noutro lado.

Eu vou ir a Compostela o 25 de xullo. Sempre fun. Agardo ter folgos para seguir camiñando moitas máis veces até a Quintana. Se alí estamos é pola ilusión, o pensamento, a acción, o sentimento, a rabia, a valentía... de miles e miles de persoas anónimas que durante anos camiñaron “no abrante deste día”, o Día da Patria, sen agardar nada a cambio. Só “gañar o futuro”.

Comentarios