Opinión

Mans cheas, candidatura galega

Xa non temos dúbidas. A natureza do debate principal na próxima lexislatura é moi evidente.

Xa non temos dúbidas. A natureza do debate principal na próxima lexislatura é moi evidente. É a hora da política e todas e todos o sabemos. En forma de ruptura, mudanza ou “chapa e pintura” a cuestión constitucional abordarase desde a precampaña electoral que hoxe iniciamos perfilando boa parte das propostas dos partidos e organizacións políticas.

Moitas son as lecturas que unha noite de tortura de datos e números nos deixan. Mais alá do computo do “si” e do “non” en Cataluña, unha para min é a fundamental. Galiza non pode diluírse nunha rexión con varias cidades. A súa identidade política se cadra pende dun fío, ou máis ben da capacidade de negociación que poidamos ter. 

Despois de ver a Podemos computar cos do “non”, o seu proxecto plurinacional semella unha quimera. Non só por perder escanos, iso ao final é parte deste xogo, senón por dicir unha cousa e logo facer outra. Despois de escoitar eufemismos sobre o “dereito a decidir” ou sobre “país de nacións” e cousas polo estilo, no momento da verdade ata foi máis claro o PSC.

"Despois de ver a Podemos computar cos do “non”, o seu proxecto plurinacional semella unha quimera"

A min hoxe o que realmente me preocupa é que sexamos quen de darlle forma a todos eses debates, propostas e expectativas que se xeraron durante estes meses sobre unha candidatura galega. A realidade desta terra por reiterala en conversas e artigos non a mudaremos. É tempo de facer e facer. Comezando por un grupo parlamentar que se poda denominar galego. Ese é o mandato dun sentimento colectivo que non podemos negar. A retórica é superflua cando, ao igual que en Cataluña, a cuestión é tan simple como si ou non. Ou grupo propio ou dentro doutro grupo. 

Hoxe non falamos de recoñecer particularidades ou territorios con singularidades. Do que falamos e se falará, e moito, é sobre a relación das nacións co estado. Pensar as novas formas de relación administrativa, de concerto económico, de facenda pública non será un debate en abstracto. Todo o contrario, a dialéctica será pola cousas de comer. Polos cartos para financiar os servizos públicos. Pola capacidade de explotación, transformación e distribución dos nosos recursos. Por subsistir como país ou ser a rexión do noroeste onde mellor se come. Á vista da situación non hai flotadores para nós, ou nadamos ou afogamos. 

Xabier P. DoCampo enviaba unhas fermosas palabras no peche da Asemblea de Iniciativa pola Unión celebrada o mesmo 27S sobre as que paga a pena que todos e todas nos deteñamos e pensemos. Afirmaba o noso benquerido escritor que toca xuntar as mans para non ficar con elas baleiras. Pois iso, xuntemos as mans que de fóra non virá a solución aos nosos problemas.

Comentarios