Opinión

Mala feminista

Ilusionadas. Camiñando xuntas polas rúas de cidades e vilas. Entusiasmadas do seguimento da folga feminista. Así vivimos o 8 de marzo de 2018. Unha especie de ánimo colectivo atravesaba idades, formacións, profesións, orixes e ideas para sumar a voz de millóns de mulleres contra as violencias e as discriminacións. No 2019 sentimos outra vez ao movemento feminista imparábel. Pasou un ano, entón as emocións nos previos á pandemia variaron, lóxico. Non sabíamos moi ben que facer nos centros de ensino, todo eran un dixomedíxome. Tampouco estaba claro que pasaría coas manifestacións, fomos con certo medo e ao pouco estabamos vivindo un confinamento do que aínda agora comezamos a entender algunhas das súas secuelas.

Hoxe non son quen de atopar as palabras que describan como me sinto e como vexo o que me rodea. Semella que estamos, no mellor dos casos, na sospeita e, no peor, na clara división e o enfrontamento. Sendo aínda os retos moitos e profundos só escoitamos o ruído das máquinas de facer carnés de boa feminista. Na sociedade segue instalada a desconfianza da palabra da vítima dunha agresión sexual, a presuposición de que os traballos de coidado deben facelos as mulleres, a normalización da precariedade salarial feminina e agora tamén súmase o desprestixio do coñecemento feminista. Escoito, en non en poucas ocasións, que se existen demasiados termos e conceptos ou que os feminismos académicos multiplican os entes sen necesidade. Só unha reflexión: por que non dicimos o mesmo do soporte teórico e filosófico doutros movementos de transformación social. De feito, cústame bastante ler a Marx e non creo que sexa porque a súa conceptualización sexa inútil, ou académica en exceso, para analizar e comprender un mundo complexo.

Se cadra, o problema non está en que haxa unha produción teórica feminista ampla e diversa. Todo o contrario, o problema para min reside en que temos unha realidade que se resiste e revira. Modificar conductas, expectativas vitais e estruturas de poder nin é inmediato nin está eximido de polémica. É case obvio que temos formas diferentes de entender como eliminar a fenda salarial ou a violencia machista. Isto é, ou debería ser, unha riqueza para traballar desde as nosas realidades materiais concretas. Se cadra desaproveitouse a enerxía colectiva doutros anos para facernos máis fortes e aceptar a diversidade e as contradicións como parte do movemento. Pola contra, comezamos a mirarnos de esguello. Comezamos a non aceptar a discrepancia e establecéronse vetos. Pode que nos conformemos con pensar que isto é un paso atrás para coller impulso, mais a división non semella unha boa forma de avanzar.

As vidas das mulleres están cheas de sexismo cotiá, de xornadas interminábeis, de cansazo emocional e mental, de violencias sutís e explícitas; por iso estaremos na rúa. O peor que pode pasar esta semana é que estas sintan que son un espazo electoral máis e que a desconfianza entre feministas é unha cuestión de poder. Como afirma Roxane Gay, que bo sería que foramos mellores malas feministas. 

Comentarios