Opinión

O galego, esa lingua imposta

Hai pouco máis dunha década a dereita galega inaugurou a era das “fake news”, que vén sendo unha forma sutil de chamar ás mentiras de toda a vida, coa campaña sobre a “imposición do galego”. A lingua pasou a ser un verdadeiro campo de batalla para desgastar o goberno de coalición. O que se fixo foi potenciar e multiplicar os prexuízos sobre a mesma e propiciar unha involución que dez anos despois podemos comprobar con desacougo nas rúas e na aulas.

Non sei se lembrades aquela tolemia mediática por uns mandilóns para as galescolas, as variadas reportaxes a respecto da sobredotación das e dos cativos de tres anos que recitaban a Pondal de memoria ou a idea repetida mil veces mil de que o castelán fora exterminado da escola por un decreto que só tentaba conseguir a competencia lingüística plena en galego como marcaba a Lei de normalización vixente. Por certo, lei aprobada en 1983. Desde logo que fomos vangarda na creación e difusión de noticias falsas. Até a última aldea chegou a idea de que o galego estaba sendo “imposto” á forza e o castelán ficaba desprotexido.

Daba igual que calquera persoa no seu día a día comprobase que nos cines non se pode ver un filme dobrado ao galego, que nas tendas a lingua de comunicación é o castelán ou que non existe publicidade en galego que non sexa a institución por poñer algún exemplo. Daba igual xa que a potencia das “fake news” é que apelan aos prexuízos e os medos que temos. Corren como un díxome-díxome e contan coa complicidade de quen ben sabe da súa falsidade mais emprégaas no seu beneficio. Non sei se aínda tedes na retina as imaxes das manifestacións de Galicia-Bilingue e algún cargos do PP na pancarta das mesmas. Eu aínda as teño.

Se puidésemos ter un debate pausado e racional, quen seguiría defendendo que vivimos nunha imposición do galego? Porén, o que temos é de novo unha campaña electoral onde a dereita incita á ignorancia e fai bandeira do non saber. Mentres tanto unha profesora da Pontenova non pode impartir matemáticas en galego e a Xunta lémbralle que si pode facelo en inglés. Ou pecha a libraría Andel. Libraría especializada en galego-portugués deixándonos un pouco máis orfas e orfos de cultura e lingua. O desprezo da dereita a lingua está inzado de prexuízos e de tópicos. O máis triste é comprobar como perviven na sociedade e segue a considerarse que hai linguas de primeira categoría, segunda e de terceira rexional. 

Vivo nunha cidade onde é case imposíbel “vivir en galego”. No mundo educativo, vexo profesorado que nunca imparte ou impartirá as clases en galego. As mestras do meu fillo mantéñense fieis ao castelán nas horas de titoría aínda que a miña lingua sexa o galego. O alumnado do meu centro en moitas ocasións pide facer os exames en castelán porque di sentirse máis cómodo para pensar. Onde ficou o desexo da lei de normalización de acadar unha competencia lingüística plena en galego? Onde está a “imposición do galego”? 

Comentarios