Opinión

Fronte ao absurdo

Pasaron xa tres meses desde a decisión unilateral da Mesa do Parlamento e da súa Presidencia de recortar o número de iniciativas do BNG nos Plenos.

 

Pasaron xa tres meses desde a decisión unilateral da Mesa do Parlamento e da súa Presidencia de recortar o número de iniciativas do BNG nos Plenos. A escusa é que agora hai un novo grupo mixto e que os plenos non poden ser tan longos. A realidade é ben distinta, os dous grupos que forma a mesa Mesa pretenden eliminar a igualdade de trato que tiñan os grupos parlamentares na nosa Cámara nas lexislaturas anteriores. 

"Levamos tres meses dando unha batalla para que o Parlamento galego non se converta nunha casca baleira ou nunha especie de plató televisivo con 75 actores e actrices de reparto".

Desde o grupo parlamentar do BNG tamén levamos tres meses dando unha batalla para que o Parlamento galego non se converta nunha casca baleira ou nunha especie de plató televisivo con 75 actores e actrices de reparto. A igualdade e a participación deben ser os valores sobre os que se cimenten as regras e o regulamento da Cámara galega e non ecos que resoan como estereotipos sen vida en discursos ou debates.

Porque acreditamos na importancia das institucións propias para Galiza non podemos consentir nin que se reduzan o número dos e das nosas representantes nin que se instauren as diferencias entre grupos na Cámara galega. Até a actual lexislatura todos os grupos eran iguais en dereitos e a diferencia xa a marcaban as propias votacións en función do número de deputados ou deputadas. O camiño que agora pretende iniciar o PP no Parlamento só resta credibilidade, ao pouca que lle queda, ao parlamentarismo. Dificulta o labor tanto propositiva como de control ao goberno dos grupos, ou o que é o mesmo, dificulta que os problemas da xente, dos colectivos afectados polas políticas do empobrecemento ou calquera outro tema teña un tratamento idéntico polos grupos.  

"É necesario mudar xa o Regulamento da Cámara galega. Abrilo á participación do pobo, a que se podan incluír os temas con axilidade, a comparecencia de colectivos e persoas, a obrigatoriedade de debate das Iniciativas Lexislativas Populares"

É necesario mudar xa o Regulamento da Cámara galega. Abrilo á participación do pobo, a que se podan incluír os temas con axilidade, a comparecencia de colectivos e persoas, a obrigatoriedade de debate das Iniciativas Lexislativas Populares,... Mais como pensamos que non vai ser posíbel nesta lexislatura, as deputadas e deputados do BNG temos claro que non imos nin aplaudir nin calar ante a redución das nosas iniciativas. Así o deixamos claro nas diferentes accións que propuxemos, para min a máis importante foi a organización do Pleno alternativo. Pleno na rúa onde persoas e colectivos deron unha lección do que é defender ideas e propostas con compromiso e valentía. 

Acabamos de presentar un recurso ante o Constitucional a raíz de ser expulsada por pedir que se cumprise o Regulamento. E o facemos desde o convencemento político da importancia que ten a nosa Cámara para Galiza como camiño do autogoberno. Mais tamén o facemos desde o convencemento da nosa obriga moral de pular por outro modelo de institucións. Hai palabras como participación, igualdade ou democracia que o seu significado reside no hábito e non na repetición. Palabras que podemos escribilas mil veces que se non as exercemos seguiremos na senda do absurdo que todo o engule.

Comentarios