Opinión

Un forte acento galego

Hoxe quixera voar até un pequeno camiño que hai no lugar dos Muíños na parroquia de Vilanova en Lalín. Alí, subindo de Entre os regos cara o Castrelo, deixando a man dereita os Portalamas. Si os Portalamas. Onde se planta o cebolo e as leitugas. Onde viven as ras e as pitas-cegas. Onde os saltóns son grandes e gordos.

Hoxe quixera voar até un pequeno camiño que hai no lugar dos Muíños na parroquia de Vilanova en Lalín. Alí, subindo de Entre os regos cara o Castrelo, deixando a man dereita os Portalamas. Si os Portalamas. Onde se planta o cebolo e as leitugas. Onde viven as ras e as pitas-cegas. Onde os saltóns son grandes e gordos. Pois alí, xustamente a beira dos Portalamas camiña unha nena coa súa nai. Debe ter sete ou oito anos porque o seu irmán aínda é pequecho. De fronte ven unha señora vestida de negro cun pano na cabeza. Saúda a nai da nosa nena. Nai de brazos fortes e corazón duro que a emigración obrigou desde moi nova a traballar sen descanso limpando casa alleas.

"Pregunteille a miña nai. "Por que quere acabar co galego?" A contestación foi fácil: "non serve para nada, só para falar os galegos".

A señora do pano negro afirma con sorpresa:
- Que ben fala castellano esta nena!
- Si, moi ben. Di fachendosa a súa nai. Vai a unha boa escola de pago.
- A señora de pano negro volta a afirmar rotunda: temos que acabar co gallego, é unha desgracia para todos.

As ras seguían aí, nos Portalamas. Os saltóns tamén, as cebolas e as leitugas seguro que ficaban amarradas a terra. A señora seguiu o camiño cara Semouriscade e eu pregunteille a miña nai. "Por que quere acabar co galego?" A contestación foi fácil: "non serve para nada, só para falar os galegos". A nena urbana de vacacións na aldea galega seguiu ao seu , é dicir, o exterminio dos saltóns. A inutilidade da lingua galega quedou suspendida no aire. No camiño que vai de Entre os regos ao Castrelo, xunto a beira dos Portalamas.

Alí volvo cerca de 40 anos despois, para sentir na pel o discurso de Castelao, pronunciado o 18 de setembro de 1931 nas Cortes constituíntes: "Sres. Deputados, a Lingua galega non mereceu aínda o recoñecemento da súa existencia, e permitídeme que vos diga que esta inxustiza e desigualdade ben puidera perdurar." 

Alí volvo cando leo que ter un forte acento galego é motivo de titular para a radio pública galega porque efectivamente perdurou. Chegou até os nos días. Habita nas escolas e universidade, nas rúas, nos medios de comunicación,... e o cerne dos esforzos de Feijóo por quitarse o incómodo acento galego que aínda pode quedarlle para algunha tertulia de Madrid.

"Na procura da fonética perdida volvín en moitas ocasións aos Muíños, ao carón de Entre os regos cara ao Castrelo, deixando a man dereita os Portalamas".

Na procura da fonética perdida volvín en moitas ocasións aos Muíños, ao carón de Entre os regos cara ao Castrelo, deixando a man dereita os Portalamas. Sentada  nunha rocha que hai ao final do camiño, só escoito resoar ecos dun berro colectivo de resistencia e orgullo: Lingua e Patria. O demais seméllame ruído, o ruído da aldraxe e o desprezo, o ruído da sumisión, da pobreza inducida pola colonización que busca no alleo a solución. Se cadra só é silencio. Silencio cómplice.

P.D.: A maior parte deste texto foi lido en Carballo o 20 de xullo de 2011 na entrega dos Premios Patria e Lingua

Comentarios