Opinión

Feminicidio, por que agora?

O que non podemos nomear non existe.


O que non podemos nomear non existe. Durante anos, décadas e séculos as mulleres foron asasinadas baixo o silencio e a complicidade do seu entorno social, as leis e a cultura imperante. Asasinatos tildados de privados e domésticos foron amparados por códigos de honra, ataques de ciúmes ou relatos do amor como posesión e control. Sen palabras as mulleres morreron, a golpes e coiteladas, invisibilizadas e mudas.

Grazas ao esforzo, á denuncia e á constancia dos movementos de mulleres e do feminismo, a violencia contra as mulleres foi nomeada desde as rúas até as institucións. Grazas a un traballo sen descanso de miles de mulleres, a ONU, na súa II Conferencia internacional sobre las mulleres de 1980, declarou, por primeira vez, que a violencia contra as mulleres é o crime máis encuberto do mundo. Posteriormente a Conferencia de Beijing en 1995 recoñecería a violencia de xénero como obstáculo para a igualdade. Unha década máis tarde no estado español a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero recoñecía por fin a violencia de xénero no marco lexislativo e daba medio carpetazo á violencia doméstica. 

"Un minuto de silencio non é nada. Cómpren miles de minutos de lexislación e actuacións para erradicar o machismo"

En Galiza, no ano 2007, a Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero ampliaba o concepto de violencia de xénero indo máis alá da relación de parella e incluía na definición a violencia física, a violencia psicolóxica, a violencia económica, a violencia sexual, o acoso sexual e o tráfico de mulleres e nenas. O marco normativo galego apostaba pola perspectiva social desmarcándose do óptica estritamente penal na acreditación de vítima. Este aspecto ten unha grande importancia porque permite o acceso aos recursos e servizos -aínda escasos e incompletos- sen  que sexa obrigatorio ter presentado a muller denuncia previa."Un minuto de silencio non é nada. Cómpren miles de minutos de lexislación e actuacións para erradicar o machismo"

A lei integral cumpre dez anos. Momento de avaliar e reflexionar. Desde 2007 a 2015 máis de 1 millón de mulleres no estado español interpuxeron denuncia por violencia de xénero, das cales sobre o 55% son arquivadas sen máis trámites. No mesmo intervalo 750 foron asasinadas. Os aspectos penais foron un paso adiante que necesita compromisos para cumprilos. Os orzamentos son fundamentais para os recursos na protección e a recuperación das mulleres. Mais isto non chega, necesitamos que sexa un verdadeiro tema de interese xeral. Un minuto de silencio non é nada. Cómpren miles de minutos de lexislación e actuacións para erradicar o machismo desde a escola até os Parlamentos, pasando polos medios de comunicación, as empresas e todos os espazos sociais da vida. 

"Queremos un debate sobre o Feminicidio en Galiza. O Feminicidio como categoría analítica, política e xurídica, persegue visibilizar que as mulleres son asasinadas só por ser mulleres"

Recoñecer o xa feito non pode ser un obstáculo para melloralo. A incorporación da óptica de xénero no corpus lexislativo forzou as costuras androcénticas do dereito e como tal temos que celebralo. Superar a privacidade foi un logro aínda en proceso. Por iso queremos un debate sobre o Feminicidio en Galiza. O Feminicidio como categoría analítica, política e xurídica, persegue visibilizar que as mulleres son asasinadas só por ser mulleres. Persegue visibilizar as relacións asimétricas de poder entre homes e mulleres. 

O termo ten unha longa historia no ordeamento xurídico latinoamericano e son moitos e variados os grupos de mulleres que pulan por abrir un amplo debate sobre o mesmo. O seu emprego é xa habitual polo feminismo galego. As parlamentarias temos a obriga e a responsabilidade política de acompañar estas propostas e lexislar con unha óptica ampla sobre a violencia. Incluso, coido que temos a responsabilidade moral de que o noso legado colectivo como mulleres na política sume na tarefa de fender o patriarcado. Se o compromiso non é coas mulleres, entón para que? 

Comentarios