Opinión

'Doxa'

Ilusionada. Así é como me sinto iniciando este novo proxecto. A posibilidade de compartir con vós, lectoras e lectores, uns tres mil caracteres de opinión semanais seméllame unha responsabilidade. Ben sei que iniciamos este diálogo nun tempo complexo para contrastar ideas. Por momentos imposíbel. Vivimos rodeadas de mensaxes burbulla e, polo xeral, non estamos moi dispostos a escoitar ao diferente. De facelo, incluso, o insulto tórnase un xeito de resposta aceptada por unha ampla maioría.

Nesta situación de berros e ruído constante vólvese difícil dialogar, incluso opinar. Xa que opinar é algo carente de valor para unha parte da poboación que non agarda nada das palabras, nin do que estas poden defender. Movidos por impulsos emocionais, a crenza deixou de ser unha base para saber algo máis e só forma parte deste capitalismo emocional que tan ben nos manexa.

Se esta tendencia a aplicamos á mocidade, a sensación de mundos sen comunicación acrecentase. Comezouse cunha literatura adaptada, logo series, logo aplicacións de móbiles... e agora é difícil que a rapazada atenda a unha nova do mundo en xeral ou do seu contorno máis achegado. Tanto ten, a información relaciónase mal coa realidade. Por iso que cando lin a semana pasada a propaganda do Goberno galego sobre a acreditación das competencias dixitais nos centros de ensino, só unha pregunta inundou a miña mente: cando comezamos o proceso de desligar o ensino do saber e o coñecemento? Supoño que foi parello á creación de burbullas informativas, algoritmos máxicos que guían as nosas decisións e un interese crecente pola desinformación.

Hai moi poucas décadas agardabamos vivir na sociedade do coñecemento e da información. Prestixiosos manuais de socioloxía lucían nas súas capas tales proclamas. Mais hoxe case nos conformariamos con que a mentira non fose valorada como un método máis de argumentación. Perdemos a confianza no coñecemento e con este proceso comezamos a desprezar as opinións alleas. Sementar dúbidas sobre os datos e a lexitimidade democrática dos opoñentes é visto case como normal. Non hai moito, os chamados a moderar o PP, o dúo Feijoo-Sémper, deslizaron esta idea, a modo de choiva miúda, que non molla pero vai calando.

Esta semana sairemos á rúa a defender a sanidade pública conscientes da importancia que ten para as nosas vidas. Non obstante, creo que deixar que o ensino se burocratice nun mar de acreditacións inútiles, mentres o profesorado vive con máis estres un incremento de alumnado, das programacións baleiras e a indiferenza social cara a súa profesión, pon en perigo a nosa saúde democrática. A tecnoloxía como unha ferramenta para a popularización do saber era unha proposta factíbel non hai tantos anos. A cuestión non reside en criticar a ferramenta, senón en indagar os intereses que moven o desprezo polo coñecemento e a exaltación dos estados de ánimo. Semella que Platón perde nun mundo sen datos nin verdades. Quen sabe. Non queda outra que... varal adiante!

Comentarios