Opinión

Debate do estado da nación ou a nada como existencia

Chegou o outono. Escoito estourar as castañas no lume como un eco da memoria esquecida. Non podo deixar de pensar que o debate do estado da nación galega tamén ficou esquecido. Logo dunha semana xa é historia. Ou se cadra minihistoria. 

Chegou o outono. Escoito estourar as castañas no lume como un eco da memoria esquecida. Non podo deixar de pensar que o debate do estado da nación galega tamén ficou esquecido. Logo dunha semana xa é historia. Ou se cadra minihistoria. Todo un síntoma da situación política e social de Galiza. Fóra das portadas dos xornais, con escaso espazo nas tertulias e sen difusión entre a xente semellan palabras que petan sóas nas paredes do hórreo. Se non hai espectáculo, as propostas e o debate real non interesa e, polo tanto, pouco ou nada sae á rúa.  

"Fóra das portadas dos xornais, con escaso espazo nas tertulias e sen difusión entre a xente semellan palabras que petan sóas nas paredes do hórreo. Se non hai espectáculo, as propostas e o debate real non interesa e, polo tanto, pouco ou nada sae á rúa".  

Feijóo e a dereita xa conseguiron un dos seus principais obxectivos políticos. Minimizar a realidade galega até que esta sexa imperceptíbel ou desapareza. Chegamos ao punto que o Parlamento galego transita entre a invisibilidade calculada ou a bronca, tamén calculada. Sobre o traballo parlamentar tanto lexislativo como propositivo, ou sexa o que se fai todos os días e que culmina, ou debería culminar, no debate do estado da nación, nada. Esta “nada” pode ser interesada, froito da incompetencia, consecuencia do descrédito da política nas institucións ou podemos escoller calquera outra hipótese. Para un país como o noso, nun momento tan convulso como efémero, borrar a realidade política propia é algo máis que un opiáceo para adormecer, é unha aposta eutanásica. 

Non sei se vivimos como galegos e galegas, comemos como galegas ou se chove que chova. Mais percibo que Galiza cada día ten a súa ollada posta na realidade de fóra e asume unha especie de destino fatal sobre si mesma. Hai quen suspira por chegar pronto a Madrid no AVE, mentres Vigo-Coruña é unha viaxe para levar bocadillo e Vigo-Ourense unha odisea imposíbel. Outros entenden como normal que parte do miragreiro flotel de Pemex vaia para Puerto Real -por solidariedade- ou que a tarifa eléctrica galega é un delirio soberanista -xa se sabe que se a presentan os bascos é defensa do propio-. Outros aplauden a cada vez maior exclusión da lingua galega ou da nosa cultura. Para min este último debate na cámara galega foi só unha mostra máis da negación sistemática do propio que comparten persoas das máis variadas ideoloxías.

"O problema real é a irrelevancia política de Galiza. Se alguén considera que a responsabilidade é do nacionalismo, xa sabe, quen estea libre de culpa que tire a primeira pedra. Mentres tiramos pedras temos menos nación e crece a nada".

 A crise económica levouse por diante postos de traballo, empresas e a vida de miles de persoas. Tamén a idea dun país que confía en si mesmo. Galiza vive un dos seus momentos de maior desindustrialización, perda financeira e éxodo migratorio comparábel aos anos cincuenta e sesenta do século pasado. Como agravante só indicar a perda de falantes a cotío e o desprezo a cultura galega, e as súas posibilidades para a xente moza e creativa, por parte do goberno galego. Nunca calou tanto o discurso da nosa dependencia como país. Non sei canta xente cuestiona as limitacións impostas para producir na pesca, no agro ou no sector naval por coller tres exemplos clásicos das últimas décadas. Canta xente é consciente da nosa potencialidade para a exportación enerxética. Ou canta xente reclama a reactivación do crédito para as pequenas empresas no país con máis depósitos bancarios do estado. O lamentábel é que cando se fala disto ou se presentan propostas ou non interesan ou se silencian. Esa é a miña percepción.

A irrelevancia política do goberno de Feijóo é máis que evidente. Non obstante, o problema real é a irrelevancia política de Galiza. Se alguén considera que a responsabilidade é do nacionalismo, xa sabe, quen estea libre de culpa que tire a primeira pedra. Mentres tiramos pedras temos menos nación e crece a nada.

Comentarios