Opinión

A banalidade

A banalidade do mal é unha afirmación ben coñecida da filósofa Hannah Arendt que sempre nos fai cavilar. Hoxe, nesta resaca postelectoral, esa expresión seméllame ben acaída ante o avance e acomodo do fascismo pola Europa do século XXI.

A banalidade do insulto, do prexuízo, da precarización crecente da vida, das inxustizas, do desprezo ao inmigrante, á diversidade, ao feminismo acaba transformándose na banalidade como principio de comportamento. Unha organización política entra nas institucións para derruílas e non pasa nada. Incluso a dereita, que se pretende chamar de centro, considéraa un socio para pactar sobre as regras democráticas que esa mesma organización demoniza.

O problema do fascismo é que avanza ante a mirada atónita ou a complicidade das e dos espectadores. Moitas persoas de esquerdas, instaladas no síndrome do espectador, seguen edulcorando con grandes discursos as loitas internas. O certo é que na esquerda temos serios problemas para construír modelos alternativos de vida e pensamento.

O discurso simple, xenófobo e misóxino convence a unha parte da sociedade que, como di Hannah Arendt, seguro que son persoas tranquilas e normais. A pregunta é que desilusión, frustración ou indiferenza existe cara aos proxectos de convivencia integradores e baseados na xustiza social.

Nunha sociedade movida desde o emocional, e con poucas ganas de adicarlle tempo á racionalidade, pedir reflexión sobre as formas postmodernas do fascismo seguro que se nos antolla unha quimera. Mais o avance dun fascismo desacomplexado é para reflexionar. Comezando, se cadra, pola ubicación territorial da súa emerxencia. Naqueles lugares que se autodenominan centro e desprezan ás que consideran eles periferias o agromar da ultradereita é un feito refrendado polos votos.

Hai tempo que o postcolonialismo ou o decolonialismo levan resignificando a importancia das periferias como espazos liberadores. Non é nada banal, nin casual, que Vox non teña representación en Euskadi, Catalunya ou Galiza. Desde as periferias sempre é máis doado dubidar da reconquista de inexistentes glorias pasadas. Sen embargo, o discurso, como a poalla, pode enchoupar.

Europa é un continente pequeno e complexo percorrido por moitos espectros ao longo dos séculos. Unha amiga sempre repite que na esquerda somos boas compañeiras e bos compañeiros de campo de concentración. Eu sempre lle engado un «pode que nin iso». Nada en política é banal, aínda que si efémero.

Comentarios