Opinión

BNG, táctica colectiva ofensiva

Non son máis que un militante do BNG, dos que pagan a súa cuota e asisten escasamente a tres ou catro asambleas cada 20 anos. Cada día estou máis abraiado polos comentarios que escoito respecto ao Bloque. Disque agora somos máis radicais, escorados á esquerda, que así non nos vai votar ninguén, e cousas moito peores. 

Non son máis que un militante do BNG, dos que pagan a súa cuota e asisten escasamente a tres ou catro asambleas cada 20 anos. Cada día estou máis abraiado polos comentarios que escoito respecto ao Bloque. Disque agora somos máis radicais, escorados á esquerda, que así non nos vai votar ninguén, e cousas moito peores. 

"Disque agora somos máis radicais, escorados á esquerda, que así non nos vai votar ninguén, e cousas moito peores". 

As organización políticas están para transformar a sociedade. E isto pódese facer desde o poder, mais tamén desde a oposición ao mesmo. Xa sabemos que os grandes partidos que actúan por estas terras,  moitos dos seus simpatizantes, e unha grande parte da sociedade, pensa nas organizacións políticas como instrumentos para acadar o poder, e polo tanto, se unha forza política non é quen de acadar o poder, ten que desfacerse, renunciar ás súas ideas, ou o que é peor, adaptarse á sociedade para acadar o seu respaldo. As organización políticas defenden ideas, e se non obteñen éxito o que teñen que facer non é en ningún caso mudar estas ideas. O que teñen que facer é mellorar a estratexia de defensa das mesmas.

Polo tanto cal é problema do BNG?. Todo o mundo sabe o que defendemos, que non é moi diferente do que defende Esquerra Republicana de Catalunya, primeira forza nas eleccións europeas en Catalunya, ou Bildu, segunda forza nas eleccións en Euskadi. O problema do BNG está no lugar de actuación, que o temos a monte, e non nas ideas. Nós, polo de agora, vivimos en Galicia, aínda que esteamos dicindo sempre que vivimos na Galiza. Para os nosos corazóns  pode seguir a ser Galiza, aínda que a nosa cabeza ten que saber sempre que polo de agora é Galicia, porque hai unha “mayoría” (o y grego ou español fica aí) que quere que se chame así.

"Cando a manifestación pasa a ser rutina deixa de ter efecto. E polo tanto entendo que o BNG debe ser máis selectivo na frecuencia, pois a rúa é un instrumento máis, aínda que non é o único."  

A todos os que dubidan da utilidade do BNG só teño que dicirlles que Castelao non gobernou nunca, e que Feijóo leva polos gobernos unha pila de anos. E seguro que Feijóo e os seus farán máis obras e  poñerán máis puntos de luz das que fixo e puxo Castelao, que “perdeu” o tempo con outra modalidade de iluminación. E mil perdóns por comparar o labor que fixo e aínda fai o de Rianxo polo noso país, co que está facendo o outro tan “cordialmente”. 

Eu, que coincido plenamente coas ideas do actual BNG, e xa non tanto coa estratexia de defensa das mesmas, quixera facer dúas consideracións ou suxestións sobre a presenza do BNG nas rúas. A primeira: por suposto que cómpre defender ao sector naval, aos colectivos estafados, desafiuzados,  a nosa lingua e cultura sobre todo, e moitas outras causas xustas. O problema é que cando a manifestación pasa a ser rutina deixa de ter efecto. E polo tanto entendo que o BNG debe ser máis selectivo na frecuencia, pois a rúa é un instrumento máis, aínda que non é o único.  

E segunda: as manifestacións poden acadar o efecto contrario do agardado. Isto foi o que pasa cando arrodeas o Parlamento Galego para pedir a República Galega. Esta proposta, que debe ser pacífica como así foi, se a fas en Catalunya ou en Euskadi é un seguro éxito, e un xeito de amosar forza, pois sabes que alí van a aparecer milleiros de persoas. Se a fas en Galiza, aínda por riba sen a participación dos que andan despistados coa fronte ampla, é un xeito de amosar debilidade, algo que o BNG non se pode permitir. É evidente que moita xente vai comparar a nosa cadea humana coa que son capaces de facer en Catalunya ou Euskadi. Polo tanto o BNG debe dicir que aposta pola República Galega, desde logo que si, igual que se celebra o Día da Patria na Quintana, mais con alegría (sinal de forza), e non indignados porque un estado represor nega calquera proceso político que culmine na República Galega (a nosa indignación é sinal de debilidade e causa de sátira por parte do enemigo político). Fai falta máis e mellor pedagoxía,  moita paciencia, e xa chegará o momento de conquistar políticamente o Parlamento. En termos ciclistas: nestes intres a mellor estratexia debe ser poñernos á roda dos corredores do Euskaltel e do CatalunyaLliure Team, mais non podemos dar ningún relevo, gardando as nosas forzas para o sprint final e tamén para formar ciclistas novos. Serán estes, os que nos permitan no futuro competir en igualdade de condicións coas que compiten nas súas voltas estas formacións.  

"Fai falta máis e mellor pedagoxía,  moita paciencia, e xa chegará o momento de conquistar políticamente o Parlamento".

Temos que pensar que no caso de que o Estado español estea forzado polas circunstancias políticas a conceder café para dous, haberá milleiros de galegas e galegos, sexan ou non do BNG, que reclamen, coa forza suficiente, o café para tres. Estou convencido. Ou é que alguén ten dúbida que a nosa terra, a nosa lingua e a nosa cultura teñen algo que envexar, en termos de nación, ao que hai en Euskadi e Catalunya?  Chegados a ese punto estou seguro de que habería unha aposta inequívoca da maioría do pobo galego por “despertar do seu sono” e por ter o mesmo estatus que o que acaden estas nacións, por certo, non máis “históricas” que a nosa. De aí a importancia de non renunciarmos nunca á visión e á dialéctica de país, sen pretender nin soñar ir ao paso de Catalunya ou Euskadi, que é sempre motivo de frustración. Cada pobo ten o seu ritmo histórico.

Comentarios