Opinión

Tino Poza: "Reencontros"

Nun día altamente simbólico, como foi o pasado 25 de abril, nunha abarrotada Aula de Natureza “Xoan Lembeye Lartaud” do Xardín Botánico do Burgo (Culleredo), acompañado do poeta Miguel Anxo Fernán Vello, do pintor Alfonso Costa, da concelleira de Cultura Alicia Ferreiro e de quen escribe estas páxinas, e fermosamente aderezada por unha actuación musical do Cuarteto de saxofóns do Conservatorio de Culleredo, inauguraba Tino Poza a súa última exposición, Reencontros.

Nun día altamente simbólico, como foi o pasado 25 de abril, nunha abarrotada Aula de Natureza “Xoan Lembeye Lartaud” do Xardín Botánico do Burgo (Culleredo), acompañado do poeta Miguel Anxo Fernán Vello, do pintor Alfonso Costa, da concelleira de Cultura Alicia Ferreiro e de quen escribe estas páxinas, e fermosamente aderezada por unha actuación musical do Cuarteto de saxofóns do Conservatorio de Culleredo, inauguraba Tino Poza a súa última exposición, Reencontros.

Hai xa uns anos, nun texto que lle preparara para unha exposición colectiva na que participaba, titulado “O regreso de Tino Poza a Pontevedra”, manifestaba eu que os xenes definen en boa medida a nosa personalidade. No seu caso, ademais de valores como o libre pensamento e o republicanismo  (poucas familias tan representativas deses valores como os Poza da mítica Helenes), herdou os da creación artística. 

"No seu caso, ademais de valores como o libre pensamento e o republicanismo  (poucas familias tan representativas deses valores como os Poza da mítica Helenes), herdou os da creación artística". 

Porque, -xa o temos suliñado noutras ocasións-, pintor foi tamén o seu avó, o médico Celestino Poza Pastrana, formado na Residencia de Estudantes, en Madrid: unha persoa cun profundo amor pola pintura, cunha formación moi completa que lle permitía estar ao tanto dos movementos de vangarda da súa época, e cuxa obra pictórica coñeceu as gabanzas de Vázquez Díaz, Pesqueira, Laxeiro e Colmeiro, entre outros. Sábese que estaba a preparar unha exposición antolóxica da súa obra, nunha importante galería de Barcelona, -a que sería a súa primeira exposición-, cando un tráxico accidente sega a súa vida e a da súa segunda esposa o 25 de abril de 1971. Por iso, concluía afirmando eu naquel texto, dalgunha maneira naquela exposición pontevedresa tamén participaba, a través de Tino, o seu avó.

Pero tamén seu pai, Celestino Poza Couto, tiña unha interesante colección de pintura.

Tino Poza cultiva, dende sempre, a paixón pola pintura (podo dar fe de que o fai, polo menos, dende hai 30 anos, que son os que o coñezo). E igualmente tivo unha faceta temperá de poeta, que deixou abandonada, e á que o animo a volver. Sen embargo, ata o ano 2003 (xa con 44 anos), cando compartimos os dous unha exposición no Museo dos Muíños de Culleredo, moi pouca xente tiña noticias desa afección. Creo que foi, aquela, a súa presentación pública como pintor. Cumpríase ese ano, por certo, o centenario do nacemento do seu avó. 

Aquela exposición foi como abrir unha botella de champagne. Porque, -ademais do seu destacado labor como concelleiro de Cultura en Culleredo e deputado de Cultura na Deputación da Coruña-, como consecuencia dela empezou Tino a participar (e nalgúns casos organizar) en numerosas mostras colectivas en diversos lugares da xeografía galega, algunas delas promovidas polo Grupo Crise, no que ambos os dous nos integramos, en encontros de pintura (Mariñán, Brión, Culleredo…) ou en feiras de arte. Tamén, de maneira activa, colabora na Asociación de Artistas Plásticos de Galicia (ARGA), na actualidade como secretario da mesma. 

Nos últimos anos, sen deixar as exposicións colectivas, tense entregado á realización de mostras individuais (varias na cidade da Coruña, así como Betanzos, Noia, Oleiros e, agora, Culleredo).
Se analizamos a obra artística de Tino ao longo dos anos, podemos diferenciar dúas etapas. 
Na primeira, esencialmente figurativa e expresionista, estaba presente a pegada e o imaxinario inocográfico do seu avó; tamén podíamos rastrexar influencias de Seoane, Laxeiro ou Picasso. Partindo desas bases, foi construíndo unha linguaxe propia, perfectamente recoñecible.

"Así vai Tino, abrindo novos horizontes, -cos pinceis, coas tintas, co óleo ou acrílico-, mentres camiña. Se xa sabemos de antemán a onde imos chegar, a meta carece de interese".

Nesas obras presentábanos Tino rostros, case sempre de mulleres, con expresións de tristeza munchiana, de soedade, de desolación…, de esfinxes silenciosas que nos escrutaban, que nos trasladaban a unha época de cores negras, de opresión, de oprobio, de sangue derramada, seres cuxa mirada nos convocaba a non esquecer. Había nelas, na miña opinión, un compromiso moral, ou mesmo espiritual, coa figura do seu avó, como dicíndolle que a súa memoria, e a memoria da familia (que sufriu mortes, cárcere, expropiacións, exilio…), pervivía no tempo nese traballo artístico desenvolvido por Tino.
INRI. “Igne Natura Renovatur Íntegra”. A Natureza renóvase polo lume, afirma unha interpretación esotérica dese acrónimo. Probablemente como pouso (ou INRI) dunha experiencia pictórica en Passau (Alemania), xunto cun grupo de artistas galegos, a súa búsqueda, experimentando con novas técnicas e materiais, nos amosaron un Tino que se adentraba decidido, (aínda que xa a cultivara esporádicamente) na abstracción, no informalismo, xogando coas manchas, coas augadas, coas salpicaduras..., creando unha pintura que fluía, orgánica, líquida, conformando unhas misteriosas paisaxes nas que o expresionismo se fundía cunha pátina poética. Algúns dos froitos desa nova e suxerente aposta, á que lle foi sumando a presenza do elemento urbano ou monumental, ou xogos figurativos con motivos da Natureza, ou composicións xeométricas, puidemos velos en varias exposicións, baixo o título de Soños de esencia de café ao óleo, de recendo montmartriano, de bohemia parisina, de tertulia…, ou Fusión e harmonía de puntillas.

Nesas exposicións, como nunha cadea, un elo enlaza co anterior, pero á vez tamén co que virá. Lembrando a Antonio Machado, coido que lle é moi acaído iso de que non hai camiño, faise camiño ao andar. Así vai Tino, abrindo novos horizontes, -cos pinceis, coas tintas, co óleo ou acrílico-, mentres camiña. Se xa sabemos de antemán a onde imos chegar, a meta carece de interese. A maxia está na incertidume, no que imos descubrindo, no que imos contruíndo, mentres camiñamos. Nesa liña está a presente exposición, Reencontros, que amosa unha selección do traballo dos últimos anos, e que convido a visitar.

Comentarios