Opinión

Coruñeses esquecidos: Benito Couceiro Gómez

Benito Couceiro Gómez foi unha das figuras máis relevantes do movemento asociativo e libertario coruñés. 

Benito Couceiro Gómez foi unha das figuras máis relevantes do movemento asociativo e libertario coruñés. 

Naceu na Coruña en 1882. Zapateiro de profesión, casaría con María Raposo Cruz, tendo a parella, que saibamos, os seguintes fillos: Raúl, Horacio, Luis, Germinal, Florinda e Raquel. Logo do triunfo da sublevación militar de 1936, Germinal sería coñecido como Jesús, e Raquel, -que era un varón- como David. Ao longo da súa vida residiría en diversos domicilios coruñeses: rúa da Torre, Estrela, Marconi e, por último, nos anos da II República, na rúa Hércules, onde construíra unha vivenda. Os talleres de zapateiro teríaos na rúa Estrela e posteriormente en Fontán.   

"Xa nos albores do século XX empeza a súa actividade pública. Será tesoureiro da Sociedade de Zapateiros (1902-1903), está na presidencia, e intervén pola súa sociedade, nun mitin en protesta polos proletarios presos en Barcelona, París, Rusia e Arxentina"

Xa nos albores do século XX empeza a súa actividade pública. Será tesoureiro da Sociedade de Zapateiros (1902-1903), está na presidencia, e intervén pola súa sociedade, nun mitin en protesta polos proletarios presos en Barcelona, París, Rusia e Arxentina (1905); intervén, por Zapateiros, nun mitin celebrado no Teatro Circo (1903); fala, igualmente en nome da sociedade, nun acto na Praza de Touros en solidariedade “para con las víctimas de la Mano Negra” (1903); vicesecretario de Constructores de Calzado (1909) e contador, por Zapateiros, da Federación Solidariedade Obreira Galega, na Coruña (1911). En 1919 aparece como un dos patróns do Gremio de Zapateiros que acepta as bases presentadas polos obreiros dese oficio. 

É tamén Benito un dos directivos máis activos do Centro de Estudos Sociais “Germinal”. Desa entidade será tesoureiro (1908-1909), secretario (1914, 1916-1918), vogal (1919) e presidente (1923-1924; 1934; 1935 ata o final da República). Asina un escrito, en nome de “Germinal”, con outras entidades, en protesta pola reposición das monxas Hijas de la Caridad nos establecementos de beneficencia municipais (1923). Preside e intervén en mitin no Teatro Rosalía, en novembro de 1935, organizado por “Germinal” e outras entidades, contra a guerra. 

Secretario igualmente da Asociación de Inquilinos (1913) preside, como secretario desta Asociación, un mitin contra a carestía do pan, vivendas e falta de traballo (1914). Ao ano seguinte ocupará a presidencia da entidade, e preside un mitin no Teatro Circo, con idénticas reclamacións, organizado polas sociedades obreiras.  

Os anos 1914 e 1915 foron de graves problemas de subsistencias, moita carestía, escasas vivendas de alugueiro..., na Coruña. En 1915 fúndase o Comité de Defensa Económico e Social da Coruña, para abordar esas problemáticas, do que Benito será, inicialmente, secretario da Comisión de Inquilinato desa entidade (co obxectivo de procurar vivendas máis baratas), intervindo en mitin no Teatro Circo no que o Comité dá conta das súas xestións. Será elixido presidente do Comité pouco despois. Ao longo do ano presidirá ou intervirá en numerosos mitins na cidade e arredores e asembleas da Federación Local Obreira. Tamén, e calidade de presidente do Comité, envía un escrito ao Concello da Coruña, sobre os impostos da leña e as patacas. 

Será así mesmo presidente do Sindicato de Profesións Varias (1918) e vicepresidente do mesmo ao ano seguinte (1919). Por ese sindicato é designado delegado para asistir ao Congreso da CNT celebrado no Teatro da Comedia de Madrid en 1919, ostentando tamén a representación do sindicato “La Humanidad Libre” de traíñas, da Sociedade de Oficios Varios de Betanzos e do Gremio de Operarios Zapateiros e similares da Coruña. 

"Como consecuencia das folgas de 1919 foi deportado, con outros dirixentes obreiros coruñeses, a Baltanás (Palencia). Son estes de 1919 e 1920 tempos de moitas folgas na Coruña, estoupidos de petardos, clausura de centros obreiros, represión, procesos e deportacións".

Ademais dos xa citados, e outros na II República dos que logo falaremos, intervirá Benito Couceiro, como orador, en numerosos mitins. En 1913 faino nunha asemblea celebrada no Teatro Rosalía, sobre o conflicto de Ferros e Metais, que producira unha folga.

En 1915 fala en mitin na Praza de Touros. En 1916 encontrámolo intervindo nun mitin organizado pola Federación Local Obreira, no Casino Republicano, pola amnistía dos presos políticos e sociais; en mitin na Praza de Touros, sobre os problemas das subsistencias; en mitin no Teatro Rosalía, organizado pola FLO, polos sucesos de Nebra (Porto do Son); en mitin da FLO, no Rosalía, con republicanos e campesiños, polos sucesos de Nebra; na asemblea rexional en Santiago, en protesta polos sucesos de Nebra, organizada pola Federación Local de Santiago (parte do seu discurso será en galego); e en mitin na Praza de Touros, con motivo do paro xeral que hai en España. En 1917 fala en mitin no Teatro Principal no que se protesta pola procesión do Corpus. En 1918 preside mitin da FLO no Teatro Rosalía, no que se abordou o tema da carestía das subsistencias e paro forzoso e, no ano seguinte, fala en asemblea da FLO coruñesa sobre o que ocorre en Barcelona coa CNT e é designado, en asemblea da mesma entidade, con outros, para intervir en mitin en Betanzos.  

Como consecuencia das folgas de 1919 foi deportado, con outros dirixentes obreiros coruñeses, a Baltanás (Palencia). Son estes de 1919 e 1920 tempos de moitas folgas na Coruña, estoupidos de petardos, clausura de centros obreiros, represión, procesos e deportacións.

Pouco antes da proclamación da II República, en 1930, promove, con outras persoas, a edición do libro Voces al viento, do xornalista republicano e masón César Alvajar Diéguez.  

Terá Benito unha actividade bastante destacable no período republicano: en marzo de 1931, desminte en "Solidaridad Obrera" os rumores de que vaia apoiar determinada candidatura electoral; intervén, dende o público, no mitin pro amnistía celebrado no Teatro Rosalía o 29 de marzo de 1931, pedindo a abolición da pena de morte; preside mitin da Antorcha Galaica do Librepensamento na Praza de Touros (1931); fala no Burgo-Culleredo nun acto organizado polo Centro Cultural do Burgo (1931); preside e fala en mitin en Sada (1931).

"Logo da sublevación militar de xullo de 1936 será detido, pero posto en liberdade, aínda que vixiado.No seu testamento pediu ser soterrado, en cerimonia laica, no cemiterio civil".

Nun comunicado do Ateneo Hispano de New York (16-4-1934) infórmase que en xaneiro dese ano, e polo Banco Hispanoamericano, enviaban a Benito Couceiro un cheque de 1.526,70 pta para o Comité Pro Presos Nacional da CNT, que Couceiro entregaría ao Comité da Rexional Galaica. 

Membro da comisión organizadora que asina os estatutos do Centro Cultural Herculino (maio de 1931), presidindo a xunta fundacional, é presidente da entidade en 1932. En 1935 é vgcal da Xunta de Propulsión e Defensa do Progreso da Coruña (no que participaba tamén o deputado republicano e masón, e empresario, Pepe Miñones, fusilado en 1936, propietario de Electra Popular Coruñesa, na que traballaría Benito como encargado) e fala en mitin do Partido Sindicalista no Parque Dam; probablemente militaba nese partido (1936). 

Encontramos tamén a Benito Couceiro como colaborador en diversos medios de prensa. Foi membro do grupo editor de "La Acción" (1908); é secretario de exterior do grupo anarquista “Pro Tierra y Libertad”, creado na Coruña en apoio do periódico do mesmo nome (1910); colabora en "La Voz de Galicia" (1928, 1931) e polemiza co tipógrafo socialista Esteban Fernández Temprano en "¡Despertad!" (1928). Durante a II República, colaborará nos voceiros anarcosindicalistas "Solidaridad Obrera" (1933), "Solidaridad" (1936) e no semanario "La Calle" (1936), vinculado ao Partido Sindicalista.

A comezos de 1936, xa con bastantes anos, traballaba no seu taller de reparación de calzado na rúa Fontán. Unha neta, Rosa Couceiro, comentounos que foi presidente do Liceo de Monelos e moi amigo do médico Álvaro Paradela, co que compartía o amor polo deporte. Logo da sublevación militar de xullo de 1936 será detido, pero posto en liberdade, aínda que vixiado.

No seu testamento pediu ser soterrado, en cerimonia laica, no cemiterio civil.

Comentarios