Opinión

Quen escribe este noso decamerón? Nota a unha cultura en estado de alarma

“Humana cousa é ter compaixón dos aflixidos” Con esta frase comeza o Decameron de Bocaccio, de 1348, no que un grupo de amigos se retira ao campo para se contaren historias os uns aos outros, a fin de se abstraer, case como un xeito de terapia colectiva, perante á ameza terríbel da peste que, neses momentos, asolaba Florencia.

É inevitábel facer paralelismos coa situación presente. Os aflixidos foron e son agora tamén todos aqueles que se recoñecen na dor dos outros. A condición humana mesma está aflixida e, por extensión, a cultura, como manifestación máis fonda e complexa da presenza e a transcendencia desa condición, tamén o está.

No caso da cultura galega non se está a ver demasiada compaixón por parte do poder político para paliar esa dor profunda que está a castigar todo o corpo da nosa cultura. Novamente, prima o espectáculo e a turistificación precaria por riba dunha concepción madura e autocentrada da cultura; prima unha idea da cultura semellante a unha sorte de decorado Potemkin, en versión provinciana; prima a idea de que o tecido cultural debe ter, como virtude principal, a mansedume perante o poder político, evitando remexer as entrañas da realidade. Intúo que este é o deseño que lle espera á cultura galega en mans dun poder agochado tras a coartada do coronavirus.

A aspectos así referíase, por exemplo, Gilles Lipovetsky en entrevista con Bertrand Richard (A sociedade da decepción, 2008) cando afirmaba: “O valor do espírito do que falaba Valèry esta ameazado pola procura dos mellores índices de audiencia e por unha cultura da pantalla que substitúe a reflexión pola emoción, o espírito crítico pola animación-espectáculo”. Substitúase “índices de audiencia” por votos, “cultura de pantalla” por verbenas e programas de televisión autonómica cheos de clichés, banalidade e vulgaridade manifesta, e “animación-espectáculo” por inauguracións efectistas e proxectos chocalleiros e teremos unha descrición bastante aproximada do actual (e malpocado) panorama cultural galego.

Mais, se as políticas culturais que se estiveron a levar a cabo na Galiza se axustan a ese esquema que acabamos de raspar, nada fai pensar que a solución aos graves problemas que agora confronta a nosa cultura vaia ser diferente a esas mesmas políticas, nin desde un punto de vista ético nin estético. E, desde Wittgenstein, sabemos que Ética e Estética deberían correr de xeito paralelo.

O recente anuncio por parte da Xunta de retomar as festas populares de verán deixa claro cal é a súa posición en canto ao estético: a do espectáculo efémero e de pouca calidade. Xunto a isto, a cancelación de festivais, concertos, obras de teatro etc… sen unha planificación axeitada para a súa necesaria reanudación, abandonando á súa sorte proxectos e artistas, dá idea tamén dos parámetros éticos nos que se move este goberno: os da irresponsabilidade en relación á cultura.

Para exemplificar isto último, referireime ao acontecido hai pouco co Festival Espazos Sonoros, un festival no que tiven a fortuna de participar como membro do seu equipo nas tres últimas edicións. Espazos Sonoros foi un festival único no seu concepto e realización, que levou por toda Galiza, ao longo de doce edicións consecutivas, o mellor da música antiga da Europa (e non só), con numerosas actividades que procuraban pór en valor todo o patrimonio artístico e paisaxístico galego. O festival contaba, ademais, cun público fiel e numeroso, que aseguraba, ano tras ano, o éxito dos concertos e das actividades paralelas. Pois ben, escudándose na actual situación sanitaria, a dirección xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galiza deixou morrer o festival e, con el, todo o seu legado de experiencias, traballo e ilusións. Sen máis.

Cabe preguntarse: en que país normal e digno se castiga desde o poder unha iniciativa así? Cal é a pulsión que move un cargo político ou técnico a perpetrar algo semellante? Ou, por voltar ao comezo destas liñas…U-la compaixón polos aflixidos da que se falaba no Decameron?

Comentarios