Opinión

Docentes doentes

Hai tempo que devecía por escribir arredor dun andazo que está a afectar ao profesorado dos institutos, pero xuro que non atopaba un oco na axenda para facelo. Son docente de Secundaria, levo case trinta anos a impartir aulas no ensino público, gústame o meu oficio, trato todos os días de exercelo sen caer na trampa cínica do éche o que hai e do sálvese quen poida.

Pero nesta etapa profesional posterior á pandemia síntome afogado nunha sucesión infinita de tarefas e protocolos, cunha fatiga que non deriva dun esforzo saudable, senón das múltiples esixencias dun sistema educativo que nos enguedella nun labirinto de burocracia dixital e metalinguaxe pedagóxica; súmese a isto unha esixencia cada vez maior da clase política en considerarnos garantes da formación dun modelo ideal de cidadanía que se pretende igualitario, inclusivo e plenamente democrático. Como se iso se conseguise só con poñelo nunha lei, sen pensar nos recursos, nos horarios, na necesaria dignificación do noso labor, que precisa non só de habilidades técnicas, senón sobre todo dunha destreza emocional que non vén instalada en ningún programa informático.

Se cadra nesta sensación de esgotamento inflúe a idade, pois formo parte dunha xeración de profesorado boomer que sobreviviu xa a catro ou cinco reformas educativas e que neste curso académico anda a mergullarse na adaptación ao marco legal da Lomloe, o cal implica asumir unha anovada batería de descritores operativos e competencias clave que reflicten o lonxe que está a terminoloxía oficial da realidade crúa das aulas.

E mentres elaboramos a programación didáctica que a lei esixe, facemos malabarismos para seguir levando as clases ao día, para corrixir exames de diversa índole e con múltiples formatos, para atender citas de titoría e protocolos de saúde, para estarmos pendentes de asuntos non menores como a igualdade e a convivencia, ou das frecuentes reunións de coordinación en diversos ámbitos, ou dunha saída didáctica do Departamento, sen descoidar tampouco o tempo adicado a manter activos, con respiración asistida, o Equipo de Dinamización Lingüística ou un club de lectura que se reúne nas horas extra do calendario.

Neste contexto, que non pretende ser apocalíptico, senón descritivo, percibimos que as semanas de curso se converten nunha acumulación cíclica de tarefas máis enfocadas a xustificar parámetros estatísticos que satisfagan a administración (e de paso, as familias) que a mellorar un labor docente reducido a exercicio de supervivencia, pois non resulta doado osixenar a nosa forma de dar clase cando a cabeza está máis pendente da maquinaria estresante do sistema que das experiencias do alumnado, cando os ordenadores ocupan o tempo de aula non como ferramenta de apoio, senón como símbolo dunha idolatría tecnocrática que case ninguén cuestiona. En todo caso, están a chegar aos centros de ensino novas xeracións de profesorado. Quizais elas poidan resolver mellor ca nós os retos da educación no século XXI, quizais sexan quen de iniciar unha revolución pedagóxica que non confunda o plurilingüismo co inglés, a economía co mercado, o éxito escolar coa obtención dun expediente impoluto.

Quizais lle fagan entender á sociedade que a educación pública é un luxo inherente á democracia, pois sen ela, só triunfan o fascismo e o consumo. Porque, do contrario, o noso único perfil de saída do ensino vai ser o desexo de xubilarnos.

Comentarios