Opinión

Ao fío do 'Atila no Grove'. Crónica política e Memoria da masacre de Antón Mascato

No seus Cadernos desde o cárcere, Antonio Gramsci escribiu “A historia é sempre contemporánea, é dicir, política...”. Ben sei que a moitos historiadores esta visión non lles gusta nin un bocadiño, por considerala unha manipulación esquerdista. As ideoloxías e a política, din, rematan por pervertelo todo; sen se decatar de que tampouco eles, na súa hipotética pureza, son quen de fuxir dos ideoloxemas, só de non recoñecelos, reducindo o concepto de ideoloxía a un sistema de crenzas, e o de política, a un sistema de partidos.

Hoxe vimos presentar a libro de Antón Mascato, o seu Atila no Grove, o magnifico libro editado por Positivas, que o Antón, ou Toni que lle chamamos de vello, foi tecendo e destecendo ao longo de décadas e deixándoo repousar durante algúns anos para trousalo, con sosego,e darlle as voltas precisas para ofrecernos a nós, e as xeracións vindeiras, un anaco da memoria meca, da traxedia meca, transformándoa en relato histórico. Nun bo relato. Non sen confundir historia con literatura, xa Hobsbawm lle dixera aos literatos que deberían fomentar a súa imaxinación e non aproveitar a da historia para confundir aos lectores, ou lectoras,pois, ao tempo o Antón conseguiu afastarse desa escrita torturada polo dato, polo feito, polo acontecemento, pola cifra, pola estatística... coa que ás veces moitos historiadores ou historiadoras parecen perseguir o sufrimento de lectoras e lectores.

Non quero falar do contido do libro senón do “conxunto” do libro, da obra rematada, e reflexionar sobre o pouso que desprende e como queira que o traballo histórico comeza e remata, antes do glosario onomástico, con referencias a textos de Lourenzo Fernández Prieto e ao Toni ocorréuselle atinar dende a primeira páxina colocando no frontispicio do seu traballo un texto de JuanGelman, o exemplar poeta da memoria, ou mellor, e dito ao seu xeito, do “poeta contra el olvido”. Por iso gustaríame falar un chisco de memoria e de historia e por iso comecei con esa cita que pretende ser algo máis que unha referencia erudita e situar nesa relación dialéctica entre memoria e historia o traballo, reitero que imprescindíbel, de Antón Mascato.

Para esta fin pode ser útil relembrar o símil doutro Tony, o Judt, o gran historiador inglés falecido prematuramente, sosegadamente socialdemócrata pero combatendo de fronte osocial-liberalismo que un terceiro Tony, o Blair,estendeu coma couza, infectando a esquerda europea e mundial ata poñela en evidente perigo de desaparición e en necesaria obriga de reelaboración.

Pois ben o Tony, rematado en y grego, Judt comparaba a historia e a memoria como dúas medias irmás. Esta última, a Memoria, é nova e fermosa, fachendosa e pándega, faladora e sedutora, con tendencia a deixarse engaiolar mesmo ata pola traxedia. A súa media irmá, a Historia, é madura en exceso, vellouqueira ás veces, eslamiada, discreta e pouco comunicadora, máis gostosa do andel que do baile. Ambas, a pesar da súa eterna disputa, son inseparábeis, e están condenadas irremediablemente a odiarse pero non poden existir a unha sen a outra. Emporiso, aínda sendo tan distintas, as persoas, os pequenos colectivos ou as grandes comunidades, tenden a confundilas. Iso si, coa mellor das intencións, confunden o deber de recordar o pasado co mesmo pasado.

Tan impropia como esa nebulosa, esa imprecisión, esa perda de tons, de matices, entre Memoria e Historia, é, advírtenos EnzoTraverso,contrapoñelas de xeito irreconciliábel. As dúas medias irmás comparten herdanza: a elaboración do pasado; aínda que sometida a xuvenil e leda á xerarquía do maduro e, ás veces sufrido, oficio regrado.

Memoria e Historia nacen pois dunha mesma preocupación, perseguen un mesmo obxectivo: elaborar o pasado. Mais entre as dúas existe unha xerarquía. A memoria é fonte, orixe, matriz. A historia é relato, escrita do pasado segundo regras e técnicas. A memoria é sempre individual, eminentemente subxectiva, fica ancorada nos feitos que a testemuña presenciou, nas impresións do momento vivido. A memoria é singular, non está preocupada por facer xeneralizacións, por contextualizar, por facer comparacións. A memoria non precisa probas, é o relato persoal do pasado, é a verdade da testemuña. A Memoria é a imaxe viva do pasado, depositada nunha persoa e, como esta, en permanente transformación, aberta, que nunca remata por fixarse, sempre en alterada construción, modificada e influída por acontecementos posteriores, por reflexións sobre os mesmos, por experiencias que se superpoñen e modifican o recordo.

Unha testemuña describíanos con gran viveza a un dos irmáns “Ineses”, por chamarse Inés a súa nai, aos que asasinaron en Sabarís,Baiona, en outubro do 36. Dicíanos que Pepe era delgado, andaba case sen roupa, era todo bondade, xogaba cos nenos aos que lle daba chocolate, montaba na besta, vendía ovos na feira, tiña unha granxa ecolóxica, falaba moi ben e sabía moito. A testemuña trazábanos un retrato de “Saluto”, con ese alcume era coñecido nos círculos anarquistas, intenso, vívido, “como se o estivese vendo”, dicía. Preguntámoslle ao informante pola súa idade e respondeunos que naceu en 1935. Tiña pois pouco máis dun ano cando o mataron. Pouca acordanza podía ter del, pero vivía esa lembranza, absolutamente subxectiva, a partir da elaboración e reelaboración de relatos posteriores, de relatos memorialistas engarzados, escoitados durante anos, sobre quen se convertera, para moita veciñanza, na personificación da bondade, da solidariedade e dunha estoica santidade ao que a inxustiza dos “falanxistas” castigou sen merecelo.

A memoria non precisa de cronoloxía, de tempo obxectivo, móvese na subxectividade atemporal. Moito me custou convencer o meu veciño Álvaro Araújo, infelizmente finado, de que a seu pai non o puideron matar o 11 de febreiro de 1936, senón que, se fora a resultas da guerra, tiveron que asasinalo no ano seguinte, cando menos, se é que acontecera en febreiro. De que fora neste mes estaba certo, porque no día no que acudiu ao reclamo da garda civil de Gondomar, estáballe a axudar a podar as viñas e por ese mes é cando se fai ese labor. A súa certeza cronolóxica estaba fundada na memoria do momento, o mes, e no relato da memoria, por iso estaba convencido de que fora en 1936. Non atendía aos meus razoamentos históricos. Cando atopamos a acta de defunción no rexistro civil do Rosal quedou convencido de que efectivamente a data do asasinato de seu pai fora o 11 de febreiro, pero de 1937.

A memoria é unha construción permanente, mediatizada por acontecementos posteriores. Un clásico exemplo é o dos superviventes de Auschwitz ou de calquera outro campo de concentración nazi, do gulag stalinista ou dos cárceres franquistas. No primeiro caso, cando a testemuña reunise a condición étnica, xudeu, e a ideolóxica, comunista, é moi probábel que, nos anos cincuenta ou sesenta, puxese por diante a súa ideoloxía, argüíndo que sufriu os brutais castigos do campo de concentración pola súa condición de comunista; mentres, a mesma testemuña, interrogada nos anos setenta ou oitenta, despois do fraccionamento do movemento comunista, é moi probábel que alegase, como orixe da represión sufrida, a súa condición étnica. O mesmo acontecería con moitas vítimas do gulag stalinista. Algo semellante aconteceu cos presos dos cárceres franquistas. Inquiridos polo motivo da represión, nas décadas previas á transición e posteriores, sinalarían a militancia comunista, ou en xeral esquerdista e antifascista, como trazo causante da represión, mentres que non sería estraño que a mesma testemuña, despois dos anos oitenta, cualificase a súa condición de demócrata antifranquista como explicación da represión que sufrira.

A memoria sempre vai cargada desa subxectividade porque lembra o vivido e viviu os acontecementos por máis externos, sociais ou afastados da testemuña que poidan parecer, e instálase na memoria colectiva tras o proceso de amplificación polos medios de comunicación e, en especial, pola xestión interesada dos poderes públicos que selecciona o que debe ser lembrado e o reinterpreta en función da sensibilidade cultural, da conxuntura social, de debates éticos ou de oportunistas conveniencias políticas.

Este proceso de usurpación da memoria polos poderes políticos é manifesto no caso do exterminio dos xudeus que agochou de xeito raposeiro a aniquilación de alemáns comunistas, alemáns socialistas e alemáns antifascistas, de escravos do leste ou de ciganos. Un proceso de substracciónmediática e política semellante ao que se realizoucoa revolta de maio do sesenta e oito ou coa loita dos anos finais do franquismo para os que se elaborou un relato non-político de revolta xuvenil e xeracional. Neste último caso engadíuselle o prefixo “post” coa idea de suavizalo e reconverter a lenta e tortuosa loita contra unha prolongada ditadura que nin nos seus anos finais deixou de asasinar coa mesma fereza que nos seus inicios.

Ás veces é preciso relembrar a Amador e Daniel, PuigAntich, Txiki e Otaegui, a Reboiras, a Baena Alonso e os seus compañeiros que os levaron “al alba”, unha canción vítima tamén da desmemoria que a xente cantaruxaba pola súa fermosura mentres ignoraba as motivacións do seu autor; de igual xeito que se teceu un manto de esquecemento sobre a matanza de Vitoria do 3 de marzo de 1976 ou dos sete mortos durante a semana pola amnistía de maio de 1977, pouco antes de celebrárense as eleccións nas que se escolleron os deputados e deputadas que elaboraron a constitución de 1978. Ou relembrar que trinta anos antes, en 1948, nove anos despois de rematada a guerra, uns tipos entraron nun bar do Grove, baixaron o machete da luz e lle pegaron un tiro na testa a Paco García Moldes, dirixente nacionalista grovense, mentres lía o xornal e tomaba un café.

W. Benjamin distinguía entre “experiencia vivida” e “experiencia transmitida”. Entendía, por esta última, aquela que forxa identidades, a que crea, en sentido hegeliano, o Estado, a que é quen de converter en relato, en Historia, todo o que a “deusa da memoria” pode recoller de entre as faragullas que deixa o paso do tempo. Mentres,Benjamin, consideraba a “experiencia vivida” como a resultante da limitación individual, fráxil, volátil, efémera, breve, fuxidía... “Experiencia vivida” sobre a que se despregou, na segunda metade do século pasado, a trapela do control social, ao mesmo ritmo co que a palabra “tolerancia”saturou a linguaxe occidental, icona que determinou a construción do relato histórico dese tempo.

En España, do mesmo xeito, a verba que expresa a identidade do Estado hegeliano, o relato da verdade, de historia, foi a de “consenso”, da cal non se pode fuxir, concepto que ninguén pode evitar, agás que queira poñerse fóra dos rituais constitucionais deseñados, non por un, senón por varios tafures, que conseguiron burlar as maiorías sociais a través de bastos calotes do trile. Ben saben, o xogo-estafa de rúa, no que o xogador elixe unha carta das tres que se sitúan boca abaixo, dobradas pola metade para que o truán poida cambialas de sitio e enganar á vítima incauta e ignorante. As tres cartas, continuísmo, reforma e ruptura, axitadas sobre a fráxil mesa da rúa movíanse con tal rapidez que só o truán e os seus asesores sabían onde estaba en cada momento a que eles desexaban, ata que conseguiron gañar a aposta fraudulenta de “da lei álei”: é dicir, da lei da ditadura a unha nova lei nacida da anterior á que denominamos democrática como consecuencia do “consenso”. Aquela estrataxema de prestidixitador, as mañas fraudulentas de “Todo se puedehacer, pero siemprerespetando la legalidad y rechazandocualquier forma de violencia”, como se a sublevación e as catro décadas de ditadura fosen unha salvífica obra de caridade; aquela trampullada de Fernández-Miranda e outros, orgullosos de gañar a aposta de meter a carta dobrada da reforma nas físgoas da legalidade franquista e asegurar que as migallas da memoria fosen construíndo un relato histórico democrático no que a recuperación da “experiencia vivida” minguada por décadas de espera teña que refacerse a partir das migalliñas testemuñais de aquí e de acolá.

Aínda así a resistencia da “experiencia vivida” impediu que, polo de agora, e así o demostra o traballo de Antón Mascato, o relato sexa homoxéneo e permite que a “experiencia transmitida” fique aberta. A Memoria, individual ou colectiva, é pois unha visión do pasado matizada polo presente. A Historia, volvendo a Gramsci, é sempre contemporáneae,seguindo a Benjamin, non é só unha ciencia xa que, ao tempo, é unha forma de recordo, aló no fondo non é máis que unha parte da memoria que tamén se escribe en presente.

Grazas Antón, vello amigo, por recuperarnos algunhas “experiencias vividas” e transformalas en “experiencia transmitida” para o relato histórico da loita pola dignidade humana.

*Este texto do historiador Carlos Méixomefoilido polo seu autor na presentación do libro Atila no Grove, de Antón Mascato, na Libraría Paz en Pontevedra.

Comentarios