xoves 29/10/20

Outra avoa no reintegracionismo

- Vaites, esta mazá non ten unha malla preta.

- Que significa malla preta, mamá?

- Pois non o sei exactamente... Así dicía sempre a túa avoa cando daba cunha froita bonita, perfecta, e eu dígoo igual.

Como de entrada a expresión non me evocaba máis que unha aula de zumba, abrín o dicionario, o da RAG, e procurei. Para 'malla' o que aparecía era efectivamente a prenda de roupa deportiva, xunto con cada un dos aneis dun tecido ou armadura e a acción da tradicional actividade de mallar. De 'preto/a' di que é un adxectivo que significa apertado ou un adverbio que indica pouca distancia no tempo e no espazo. Isto é: para o caso, nada.

Quedaría coa curiosidade sen saciar se non me viñese á cabeza a miña primeira aula na EOI. Aquel estrañamento, case irritación, ao descubrir que en portugués o normal é chamarlle ao negro ‘preto’, que palabra tan allea, na miña vida tal vin. Mais a intuición acendeu unha faísca. Pensei entón en probar, con inocencia, un dicionario nesa lingua. Ao abrir o Priberam aí estaba: "malha: 1. Sinal ou porção de cor diferente na pele ou pêlo dos animais. 2. O que tem uma cor diferente" Misterio resolto! A froita non ten unha malla preta porque ten a tona lisiña, sen imperfección ningunha! Porque non ten, usando termos que si recolle a normativa, tamén a da RAE, ningunha mancha negra.

Ese foi o meu primeiro contacto co reintegracionismo das avoas. Mais de aí por diante os episodios en que se escollían opcións lingüísticas máis próximas ao portugués do que ao galego estándar non deixaron de repetirse na familia, como acontece cos fenómenos paranormais. Un día é chamarlle gordo ao cabelo, e non graxo, despois dun par de noites sen o lavar. Outro falar do pór do sol, e non do solpor. En ocasións parecera mesmo que tentasen que eu substituíse as expresións calcadas do español por formas portuguesas... Cando me quedaban as portas abertas de par en par, berrábanme por deixar todo franqueado, como sinalizan nos comercios de Lisboa. Se eu dicía que ía visitala nun rato, era miña outra avoa que respondía que nos vemos xa nun instantiño, do mesmo modo que canta Deolinda. Por facer as trasnadas a lo falso, miña nai batíame nas cachas á sorrateira, igual que o escribía Saramago.

Se isto acontece nunha soa familia, con todas as velliñas lusistas ciscadas polo país armamos a lingua portuguesa de cero sen ollarmos sequera o que acontece alén das nosas fronteiras. Fóra brincadeiras. Son consciente de que os argumentos ad abuelam poden chegar a ser un bocado cansativos. Mais non debemos aceptar que se desaprobe a aproximación á lusofonía argumentando que supón unha perda para o galego tradicional. Porque non é certo. Porque é exactamente o contrario. Será cuestión de tempo que as institucións que teñen responsabilidade no coidado da forma culta do galego acepten que recorrer ao portugués non é renunciar a nada, senón salvalo todo. Han caer da burra. Oxalá non demoren demais.

Outra avoa no reintegracionismo
comentarios