Opinión

Os mercados non existen

A pasada segunda feira día 29 sóubose que en Grecia, ante a imposibilidade de se formar goberno, vai haber eleccións anticipadas nas que até o momento as enquisas dan gañadora a Syriza. Mesmo antes de enviaren a Comisión Europea e o FMI as súas respectivas mensaxes disuasorias, esta posibilidade "meteulle o medo aos mercados" e tras este anuncio a bolsa grega baixou un 10% en só media hora. 

A pasada segunda feira día 29 sóubose que en Grecia, ante a imposibilidade de se formar goberno, vai haber eleccións anticipadas nas que até o momento as enquisas dan gañadora a Syriza. Mesmo antes de enviaren a Comisión Europea e o FMI as súas respectivas mensaxes disuasorias, esta posibilidade "meteulle o medo aos mercados" e tras este anuncio a bolsa grega baixou un 10% en só media hora. O discurso que se transmite desde os medios hexemónicos insiste cada vez con máis vehemencia en debuxar os mercados como cachorriños asustadizos ou, peor aínda, como oráculos aos que acudir para que nos interpreten o futuro. Fronte a isto é necesario facer un enorme esforzo desmentindo. 

“Os mercados” é un eufemismo que esconde "os grandes capitalistas", "as elites económicas" ou, máis prosaico, "os grupos de súper millonarios". 

Os mercados non teñen medo. Os mercados non existen. “Os mercados” é un eufemismo que esconde "os grandes capitalistas", "as elites económicas" ou, máis prosaico, "os grupos de súper millonarios". Os seus intereses son comúns, polo que poden bascular coas bolsas estatais como lles pareza. Imaxinemos --moi a grandes trazos: ese goberno socialdemócrata estase a pasar un pouco subíndonos os impostos, pois rebaixamos bruscamente o noso investimento nun sector estratéxico para el; que aprenda. Á vez, premiamos aqueloutro país que nos abaratou o despido e movemos novos capitais alí. A bolsa do primeiro país cae e a do segundo sobe. Así, o que transcende á opinión pública é que as políticas sociais e en xeral os mecanismos que garanten mellor nivel de vida para o conxunto da poboación son inviábeis e destrúen os tecidos económicos. E é que en verdade si é unha política de medo, porén dun medo que non sofren (chamémoslles xa polo seu nome) os capitalistas, senón as traballadoras.

A caída da bolsa grega, mallando aínda máis na súa xa malferida economía, envioulles ás cidadás dúas mensaxes. A primeira, non votedes nun partido de esquerda que ameace os nosos intereses porque agoiramos que vos vai ir mal. A segunda, se nos desafiades e gañades imos utilizar todo o noso poder para dirixir tal desfeita que non vos vai ficar nada máis que ruínas sobre as que gobernar.

As flutuacións “dos mercados” son guerra económica. As súas armas son tan fortes que lle fan a un pensar moito cales son as que nos quedan a nós, as que nos toca escoller, decidir. A primeira, cando menos, traballar na explicación e a concienciación.

Comentarios