Opinión

Pola legalización do suicidio

Estes días pasados, o director de cinema Jean-Luc Godard finou en Suíza por suicidio asistido. Este feito, e que sexa legal nun país, fainos pensar noutros suicidios, coma o do escritor Manoel Riveiro Loureiro ou no do filósofo Gilles Deleuze, ambos os dous coido que con doenzas graves que os levaron a se guindaren por unha ventá ao baleiro. Tampouco non esquezo os artigos do Dr. Quintanilla, de Ferrol, que estudou o feito de quitarse a vida nunha bisbarra na que o número de suicidios non era cativo durante a miña infancia e mocidade alí. Eu mesmo vivo nun piso do barrio de Casabranca, en Vigo, no que unha antiga residente se tirou pola ventá.

O planeta Terra está a piques de chegar aos nove mil millóns de habitantes. A liberdade é o vjenalor que rexe unha parte importante dos países, o ser humano caracterízase porque se goberna polas ideas e por estaren estas situadas entre dous polos dos que non poden prescindir: o do consenso e o do disenso. Sen esa coexistencia de pacto que respecta o común e pacto que respecta o acomún –todos somos iguais porque todos igualmente podemos ser diferentes–, a razón e o mundo que coñecemos sería imposible.

Non quero recorrer a argumentos doutro tipo, nin á compaixón nin á comprensión. Solicito a legalización do suicidio coa única condición de que a persoa o decida libremente e logo dun tempo de reflexión. O suicidio asistido, sen que a súa causa –coma o era Deus da vida– sexa a súa xustificación.

Os que defendemos a posibilidade dunha existencia independente da vida biolóxica e con capacidade para entrar no espazo das razóns –cognicións teóricas e prácticas–, os materialistas que non peneiramos entre mundo do pensamento e mundo dos sentidos, os que coidamos é posible a existencia da divindade continxente e da xustiza nunha realidade trasfinita de mundos virtuais e non contraditorios que se actualizan sen razón, sen un número limitado de resultados; os que, ao cabo, prescindimos de toda idea de salvación, quer ideolóxica quer relixiosa, coidamos chegado o momento de que a liberdade acade ese punto intocable no que pode determinar a transformación da materia e, como parte dela, da razón.

A humanidade non corre perigo de desaparecer, como demostrou a pandemia recente. Pola contra, vai poder deixar de ser humana. A vida non só a vive o suxeito que pensa ou o animal que ten vísceras. Como afirma Reza Negarestani, non hai razón para pensarmos que o razoamento non se poida desvencellar das limitacións biolóxicas e se poida transformar en formas diferentes fornecidas polos sistemas de procesamento da información e polos procesos computacionais descubertos, desenvolvidos e modelados usando o propio razoamento. A vida dá conta de moitos e diferentes mundos, todos eles posibles nun transfinito que as matemáticas describen como realidade e onde a finitude deixa de dominar a existencia.

Comentarios