Opinión

O Apalpador nos tempos da fame

Como cada ano, o Apalpador baixa das montañas para visitar polo Nadal aos máis cativos e cativas da casa e comprobar de primeira man, que non están a pasar fame. 

Como cada ano, o Apalpador baixa das montañas para visitar polo Nadal aos máis cativos e cativas da casa e comprobar de primeira man, que non están a pasar fame. Métese polas chemineas, achégase aos máis pequenos que dormen para apalparlles a barriga e ver que están ben alimentados. Dálles un bico na meixela e déixalles unha presa de castañas para que non pasen fame.

"O Apalpador volve a representar o mesmo que representaba tristemente hai anos. A fame volve aos fogares das familias galegas unha vez máis"

Este personaxe ficticio fai tremer a algunhas persoas que xa están ben metida en anos, cando escoitan a súa historia. Máis non se sabe o por que disto, sexa por seren inmaduros ou por posuír unha mentalidade bastante perversa e mal pensada.

Do que se está seguro, é que o Apalpador volve a representar o mesmo que representaba tristemente hai anos. A fame volve aos fogares das familias galegas unha vez máis, provocando que moitos pequenos e pequenas deste país non poidan realizar as comidas necesarias para as súas idades. Tristemente vivimos nunha realidade moi dura ao ver que a fame non está fóra. Que apareza de novo un personaxe que rompa con esta mentalidade consumista e materialista para facernos reflexionar como pobo do que é realmente importante nestas datas, debe ser un punto a ter en conta de que algo non estamos a facer ben. Que un vello xigante carboeiro de barba rubia, baixe das montañas para comprobar que os máis cativos da casa non están a pasar fame e deixarlle castañas -para quen non o saiba, o Apalpador, son os pais- non deixa de ser unha mostra de cariño dentro dunha familia.

"Esperemos que esta crise económica faga mudar a mentalidade da nosa sociedade e se poña en valor a humanidade destas datas facendo que cada Nadal, o Apalpador chegue aos nosos fogares".

A idea de que o Apalpador volva as familias do país non gusta moito, xa non polo que se comentaba ao principio, senón por abandonar esta sociedade de consumo e desprendernos do materialismo baleiro de moitos agasallos, fáísenos difícil. Tamén é certo que esa ruptura é difícil e moita xente, sobre todo os comerciantes, non estarán moi a favor. Tampouco é moi atractivo que o agasallo para os nenos e nenas sexa unha presa de castañas, máis non hai problema. A igual que xorde con forza o Apalpador, canda el trae a idea de mercar os nosos agasallos no comercio local, fomentando así, os produtos galegos e aos comercios pequenos das nosas cidades e vilas que os ofertan.

Dalgún xeito, esperemos que esta crise económica faga mudar a mentalidade da nosa sociedade e se poña en valor a humanidade destas datas facendo que cada Nadal, o Apalpador chegue aos nosos fogares.

Comentarios