Opinión

Unha vitoria con sabor a derrota para reflexionar

Podería parecer que hai moitos aspectos positivos na vitoria do Dépor nas Palmas. Pero a realidade é que malia que se poidan subliñar os aspectos positivos, que tamén os houbo, queda un poso moi amargo. O máis penoso é que ao Dépor a Copa do Rei de 2017 só lle durou un sorbo moi pequeno. E As Palmas, para maior ridículo, eliminou o club herculino logrando marcarlle seis goles. E iso que no estadio canario, fíxense como ten que estar a cousa, o equipo apupado e a quen se pediu que marchase de inmediato foi o adestrador da escadra que conseguiu o pase á seguinte quenda do trofeo, Pako Ayestarán

Este Dépor, ó que lle marcaron seis goles, é o Dépor de Cristóbal Parralo. Xa non hai restos de Mel no equipo. A responsabilidade xa é toda do novo adestrador do primeiro equipo. É unha eliminación dolorosa porque de novo volve deixar as graves carencias que ten a construción deste equipo. Na vitoria amarga do Dépor na illa das Palmas o punto negro volveu centrarse onde están os problemas de toda a temporada: na portería. Tanto ten poñer a Pantilimon que a un boneco de cera. O peor é que esa mesma sensación é a que queda tamén se o porteiro fose Tytoń. E a estatística non mellora se quen está baixo os paus é Rubén, porque aínda que o gardameta galego ten máis calidade que os dous internacionais, ten un carro de goles encaixados nos poucos partidos que disputou. 

Este Dépor, ó que lle marcaron seis goles, é o Dépor de Cristóbal Parralo. Xa non hai restos de Mel no equipo. A responsabilidade xa é toda do novo adestrador do primeiro equipo

 

Pero volvamos ó partido das Palmas e o porteiro. A vitoria do Dépor foi a vitoria do ridículo. O enésimo do porteiro Pantilimon. Inexplicable que unha persoa responsable poida autorizar e xustificar a contratación deste gardameta, que está clarísimo que non está ó nivel para poder xogar nin para o Fabril. E se está así Pantilimon, como estará Tytoń para que non sexa o preferido entre os dous internacionais!

A situación da portería, aínda con Rubén recuperado, é gravísima. Transmite unha inseguridade enorme ós defensas, indica que a planificación e xestión do primeiro posto do equipo é un fracaso total, e un sinal de que o ridículo vai máis alá da persoa que se coloca baixo os tres paus. A Pantilimon As Palmas marcoulle dous goles con dous disparos que, por raso, pasaron por diante do naris do futbolista. Xa sabiamos que os moi altos lles custa chegar o chan, pero iso hai que adestralo. Pantilimon é moi lento, lentísimo de reflexos. E ademáis non é capaz de chapar un balón, como moito só os rexeita a duras penas. 

A situación da portería, aínda con Rubén recuperado, é gravísima

 

O partido ratifica tamén outra constatación. O Dépor necesita marcar polos menos tres goles para asegurarse una vitoria. Una vitoria que nesta ocasión non serve para nada. Neste partido, a priori intranscendente, porque a remontada semellaba imposible antes de comezar a contar os últimos noventa minutos da eliminatoria, o Dépor volveu acabar o partido con dous goles en contra. É unha media que se cumpre. Una sangría goleadora que é una preocupante hemorraxia que precisa dun cirurxán que tapone a ferida pola que o cadro branco e azul se desangra penosamente. 

Unha conclusión práctica á vista desta análise. É un aviso para o que queda de temporada. O Dépor, este Dépor, ten que mudar urxentemente de sistema se quere salvar o que queda de competición. Xogar con defensa de tres e xogando cos dous dianteiros, Andone e Lucas. O equipo branco e azul ten que volver recuperar o clásico sistema de Arsenio Iglesias. Asumilo. Traballalo e poñelo en práctica. O resto, arestora, e sobre todo co calendario que vén por diante que é de agárrense que veñen curvas, semella a única posibilidade de tratar de saír con ben desta. É una reflexión urxente que ten que meditar Parralo. E é una decisión que non pode tardar en decidir e aplicar.   

O Dépor ten que mudar urxentemente de sistema se quere salvar o que queda de competición. O equipo branco e azul ten que volver recuperar o clásico sistema de Arsenio Iglesias

 

Esta reflexión, que pode parecer negativa e derrotista, é un aviso. O Dépor non pode quedarse só en transmitir sensacións. Non pode xustificarse, incluso cando logra gañar, con frases que simbólicamente trasmiten a imaxe de encollerse de hombros.

Do positivo, queda na retina un moi bo partido de Borja Valle, que aproveitou a cita para reivindicarse. Ou a constatación de que Carles Gil está para formar no once inicial. Ou as gañas de Lucas, que puxo un enorme empeño para conseguir a remontada. E estivo a piques de conseguilo. 

A vitoria, outra vez fóra da casa, tamén é un chío de rebeldía neste Dépor con tantas carencias. Se estas pequenas pingas positivas fosen suficientes, o equipo de Parralo ten unha marxe para a esperanza. Aínda ten algo onde agarrarse.

Comentarios