Opinión

Víctor tivo que resetear o Dépor

Crer é esencial para non virse abaixo.

Crer é esencial para non virse abaixo. E este equipo cre. Hai unha notable diferencia entre o Deportivo da temporada pasada e este que vemos. Cando as cousas non ían ben antes, o Dépor baixaba os brazos en moitas ocasións. Agora, encara os partidos. Ten carácter. Non se deixa levar. Esa é unha das razóns para explicar o empate cos leóns. Obviamente, esta é a explicación máis espiritual. 

Pero imos ao principio. A data do partido do día das peñas deportivistas elixiuse mal. Non o digo pola festa. Que a festa corre cada domingo se é necesaria. Pero foi un mal día porque o Dépor que estamos afeitos a ver non estaba cando o coiro comezou a rodar en Riazor. Por que? Porque non se elixiron ben as pezas. O Athletic deulle un baño soberano os branco e azuis na primeira metade. É certo que o Dépor mandou dous balóns a madeira, pero os bilbaínos foron moi superiores. Entraron pola banda esquerda como Perico pola súa casa. Desbordaron e enviaron centros perigosos que non atoparon rematador na maioría dos casos. Iso indica dúas cousa: que non é a primeira vez que pasa. Outro equipo, o Sporting de Xixón, deixou colorado ó Dépor xogando de xeito parecido. Juanfran non está para o posto de lateral, xa que non ten suficiente peso específico para defender. Si para outras tarefas, en posicións máis adiantadas polo carril dereito, pero non está para ter a responsabilidade de frear os últimos metros dos rivais.

Juanfran non está para o posto de lateral, xa que non ten suficiente peso específico para defender

Por outra banda, sempre, sempre, sempre hai que saír cos mellores. Sen reservas. Deixar a Borges, un home importantísimo neste Dépor, é unha temeridade. A excusa do descanso non vale. Neymar, Cristiano, e tantos outros tamén viaxaron e tamén estaban xogando cos seus equipos. 

Os trocos evidenciaron que o plantexamento de inicio non foi o acertado. Cos recambios de Borges, e sobre todo Fede Cartabia, o equipo foi outro. Transformouse. Recuperou a ledicia coa que xoga esta temporada. Foi máis perigoso. E, con maior fortuna, nun caso, e mellor factura noutro conseguiu equilibrar un partido que semellaba perdido. Víctor apagou e volveu encender o equipo, cos minutos da segunda metade, ben pasados. O reseteo foi clave para levantar o partido. Fede Cartabia é ar fresco para este club. Pide paso. E haberá que darllo.

O punto mantén a ilusión e a confianza en que o traballo desta temporada vai por bo camiño. Simplemente con iso, tranquilos.    

Comentarios