Opinión

Viaxe de ida e volta

No Calderón non había moito que esperar. A declaración de intencións, de inicio, xa deixaba moi claro que en Madrid sacar petróleo era complicado. Salvo que por sacar crú se poida interpretar o horizonte negro que pode asomar sobre o Dépor se volve tropezar en Riazor. Entón si. Porque estragar o calendario cómodo é o que ten. E agora ven a parte empinada da competición e calquera costa vai ser como subir o Pan de Zarco.

No Calderón o Dépor saíu a reservar. A non expoñerse. A non perder demasiado. A saír o menos perxudicado posible. A ser un equipo pequeno. Para o Atlético xogar contra o equipo de Víctor Sánchez del Amo foi como ir ó balnerario de Guitiriz. Unha sesión de baño e masaxe. Quizáis fose porque o Dépor non xogaba un partido da súa Liga. O equipo colchoeiro regresou ó vestiario sen despeitearse. Non se fixaron en Simeone? Nin un pelo se lle movía na sala de prensa. 

Para o Atlético xogar contra o equipo de Víctor Sánchez del Amo foi como ir ó balnerario de Guitiriz. Unha sesión de baño e masaxe

O Dépor non puxo intensidade. Non chegou á decena o capítulo das faltas cometidas polos branco e azuis. Pero ser brandiño non lle impediu levar algún pequeno susto, como o que levou Lux case ó remate do encontro. Foi o único que realmente trouxo algún recordo de Madrid. Foi un susto que lle quedou estampado no xeonllo. Todo quedou nunha contusión, aparentemente sen consecuencias relevantes. Xa veremos. 

Unha ollada ó once parece confirmar que non era un día para poñer toda a carne no asador. O plan para o encontro era non poñer en risco máis do esencialmente importante. Hai unha razón.  Varios xogadores dos teóricos titulares tiñan o risco de ver o quinto cartón e non xogaron: Fernando Navarro, Luisinho e Juanfran. Tampouco os que estaban algo tocados ou que arrastraban algún que outro problema físico, como Lucas. No Calderón xogouse con proxección ó partido de Riazor co Levante. Foi un partido de ida, porque había que ir. En realidade xa era de volta antes de saír, porque a maquinaria está pensada para recibir ó Levante.

No Calderón xogouse con proxección ó partido de Riazor co Levante. Foi un partido de ida, porque había que ir 

Xa que logo, pouco que analizar. Porque o Deportivo emprazounos para sete días despois. Haberá que estudar se este plan ten premio o vindeiro sábado. Os tres puntos son os do Levante. Aínda que se negue que é unha final, é realmente unha final. O que pase no partido condicionará o inmediato futuro do equipo.

O resultado do Calderón iguala o número de derrotas de toda a primeira volta. E se ninguén o remedia a cousa non vai parar aí. Hai sete puntos no colchón que hai que saber administrar. O calendario pon medo, pero o Dépor pode facerlle fronte á situación. Por equipo e por calendario. 

Comentarios