Opinión

Veñen curvas

En Málaga o Dépor volveu ser ese equipo solidario, no sentido de que reparte puntos que precisa para el a quen está ás portas do desafiuzamento, aínda que falte moita Liga para aventurar quen pode descender ou non. O traspé do equipo de Parralo é un accidente grave porque serve, sobre todo, para dar moral a un rival que ata agora só demostrou ter moitas lagoas de xogo para ser un equipo que resista a competición con solvencia como o fixo ante o Dépor.

No xogo de enganos no que consiste o fútbol, perdeu Parralo ante o kamikaze Míchel. O veterano adestrador madrileño, ante a súa desesperante situación, fixo dous trocos espindo a súa espiña dorsal e tirouse a unha piscina case sen auga. Non afogou no intento. A proba saiulle incriblemente ben ó remontar un partido que só debeu ser para o Dépor por xogo.

Este era un partido para saber se o equipo recuperaría a tranquilidade e a seguridade na portería. A proba, inicialmente, podería dicirse que está superada. Nos goles que encaixou Rubén nada puido facer, salvo no terceiro onde ó meter as mans desvía cara adentro o coiro encaixando o gol de forma accidental xa que en realidade ía fóra. Os erros de concentración son achacables a outros futbolistas aos que se lles debe esixir máis nivel de concentración e resolución. Por pór exemplos… Bakkali no primeiro gol, Gerard Valentín no segundo e Guilherme no terceiro.

O Dépor ofrecera tímidas mellorías nos partidos dirixidos por Parralo, pero non unha clara e definitiva. Aquí quedou contado. Si parece que o equipo entende o que pretende o técnico e que semella estar na senda de chegar a un punto de equilibrio. De feito, aínda perdendo xa no minuto 15 da primeira metade, o Dépor ofrecía unha sensación de tranquilidade, de ter aparentemente controlado o xogo e demostrando que sabe interpretar o papel que se lle pide. Pódese decir, que con Parralo o equipo parece outro equipo. Ten fases de ser un cadro solvente e que ofrece coherencia e sentido. Esta imaxe sobre todo a dá cando lle toca pisar o campo contrario e buscar os espazos para construir o ataque. Agora ben, cando se trata de defender o equipo ten uns despistes que non se poder permitir. Por exemplo, na xogada do primeiro tanto do partido. Cómo é posible que houbese un espazo tan xigantesco sen blindar, permitindo rematar a gol a pracer?

O Dépor non se veu abaixo, moi cedo para renderse no partido e tamén a estas alturas de competición. Cunha defensa alta, o equipo de Parralo soubo conter ó Málaga e deter no medio campo calquera intento do cadro de Míchel por internarse en terreo branco e azul. Non só logrou iso. Tamén fixo fútbol. Nalgún caso de tiraliñas como no primero gol de Lucas. Sensacional xogada.

Co empate, o Dépor estivo moito máis cómodo e seguro. E presentou credenciais de comando do encontro. O Málaga foise ó descanso co rabo entre as pernas ante un Dépor moi superior e máis perigoso. E Rubén na portería sen problemas e resolvendo as accións máis comprometidas que lle chegaron, como un disparo do Chori.

Na segunda metade, sen Sidnei por lesión, e con Albentosa acompañando a Schär. O suízo rebelouse imperial sobre a Rosaleda. Podería dicirse que o central internacional lembra a Djukic. Un xogador con moita clase que sabe sacar, roubar e levar o balón consigo. E ten o don de saber decidir cándo chegar a finalizar unha xogada. Foi o caso do segundo gol. Fixo todo ou case todo. Roubar no centro do campo, dar o pase rápido e axeitado -a Borges- e acompañar ó ataque. Aínda que Lucas intentou resolver foi Schär quen acabou poñendo o balón no fondo da rede por estar no sitio. Schär demostra ser un central moi especial. Un valor moi alto para o Dépor.

Co 1-2 no taboleiro de marcas, comezou unha partida de xadrez nos bancos dos técnicos. Michel desarmou o equipo polo centro poñendo máis homes de ataque. Unha mensaxe á desesperada. Parralo preferiu conservar o logrado. Tiña o partido perdido, lográrao empatar e logo remontar. Un resultado brillantísimo. Por riba, a imaxe do Deportivo era sobresaínte. Pero a decisión de dar uns pasos para atrás foi toda unha revelación para as intencións do Málaga. O Dépor perdeu contundencia. Guilherme para quen está reservado o papel da contundencia e o control do centro campo descansouse excesivamente coa presenza de Mosquera. E así foi como  regresaron ao Deportivo as endebles e malas sensacións da etapa Mel. O equipo coruñés perdeu peso no partido. Desinflouse. Veuse superado. Contribuiu moito ó descontrol deportivista o talento de Ontiveros e Juanpi, precisamente os homes do dobre troco de Míchel. Pero sobre todo Ontiveros con dúas accións de calidade desarmou ó Dépor definitivamente, gracias tamén aos desaxustes defensivos que se atopou. Un dos dous goles da remontada marcouno un ex, Borja Bastón, o outro foi de Juanpi que xa lle dera un desgusto similar a temporada pasada.

A derrota en Málaga é un duro revés que volve poñer o acento sobre a calidade do cadro de futbolistas. Ten parte de desculpa o troco defensivo de Parralo, pero as derrotas seguen acumulándose sobre os mesmos futbolistas. E polo visto ata agora estes futbolistas están, de momento, moi lonxe de poder rematar a temporada do decimoterceiro para arriba. Quedan algunhas boas sensacións, pero as sensacións soas non bastan.

E o calendario preséntase agora moi esvaradizo para o Dépor. 

  

Comentarios