Opinión

Ufff, que maneira de bufar!

Fin de ciclo? Do ciclo negativo, digo. Pois…, xa se verá. De momento, fin dunha racha negativa na que xa ía sendo hora de ir poñendo un punto. Probablemente, será punto e seguido. Pero estes tres puntos axudaron a dar un salto na clasificación enorme, dan tranquilidade a un equipo preso da ansiedade, e devolven a confianza nun mesmo. Pero aí queda o rexistro. 13 partidos de Liga consecutivos sen gañar, máis dous de Copa. Os deportivistas pasaron TRES meses sen ver unha vitoria do seu equipo. Que maneira de aguantar! Aínda que en total, na tempada, só viron sete en 30 partidos disputados.

Pero non nos confundamos. O partido non foi nin moito menos un exemplo para pensar que se inicia unha xeira de recuperación. O encontro co Levante valórase positivamente só polo resultado obtido finalmente. Pero nin atisbo do Dépor que namorou na primeira parte da Liga, nin do xogo que fixo a Víctor Sánchez del Amo mellor adestrador da Liga.

O partido non foi nin moito menos un exemplo para pensar que se inicia unha xeira de recuperación 

Os dous equipos saíron a respectarse moito. A non facerse dano. A primeira metade foi para tirar o cubo do lixo, salvo o gol de Luis Alberto. Moi cedo, na segunda parte, o Levante empatou o partido e regresou a preocupación ás bancadas. O Dépor estivo tocado bastantes minutos para estar xogando na casa. O gol da vitoria foi de rebote, un agasallo que entrou chorando. Xa que logo, a vitoria é o único salvable do partido. 

Cortar a penosa traxectoria do equipo branco e azul en todo o que vai de 2016 era moi necesaria. O perigo era xa inminente coas vitorias de Sporting e das Palmas, xusto antes de iniciarse o partido de Riazor. Noutra situación, gañar ó colista diríase que non ten grande mérito, pero si, si que o ten porque non hai máis que ver como se comportou este equipo cos pechacancelas ou en situación de zona de descenso e xa sabemos que o conto rematou sempre mal. Así que si, ten moitísimo mérito.

O Dépor pinchou a burbulla. Iso é o que conta a estas alturas. Esta vitoria supón dar continuidade ao proxecto, no que fai falta moita máis autocrítica e menos botar a culpa ós axentes alleos, como a prensa, que nin mete goles nin decide aliñacións, nin sistemas de xogo. Igual que tampouco se lembran cando sobe o nivel positivo dos epítetos, que ata poñen o equipo colorado de tanto xabrón, convén ser máis humilde e non botar as culpas dos malos resultados polo efecto das críticas. Porque ver vímolo todos. E non hai peor cego que quen non quere ver.

O Dépor pinchou a burbulla. Iso é o que conta a estas alturas. Esta vitoria supón dar continuidade o proxecto

Os saques de curruncho a dous semella que pasaron á historia. E a bancada agradeceu e aplaudiu que se deixase de facer o ridículo, polo improdutivo desa máis que cuestionable estratexia. O trivote cos homes do trío mal colocados pasan agora a unha dupla de centrocampistas, como sempre, máis sinxelo para os futbolistas. Esperemos. E poucas cousas máis mudaron. O que non mudou é a dependencia de Lucas e de Luis Alberto. Pero, sobre todo, de Lucas que aínda que fose en propia meta, aí estaba o coruñés para incordiar e logo celebrar. E no gol do Levante moito se bota de menos a Sidnei. O brasileiro é un fecho con sete claves de seguridade. Cando non está, a combinación do fecho parece ser a clásica que coñece todo o mundo. Xa saben: 1,2,3,4.

Así que ledicia polos tres puntos. A celebrar! e punto. Unha análise técnica da clasificación, parafraseando ós expertos especuladores da Bolsa, se a vemos como se fose un gráfico indícanos que a vitoria deportivista provocou un efecto rebote, como o que propiciou Mariño co autogol.

Pero tampouco tiremos foguetes porque o que máis e o que menos saíu de Riazor bufando. Bufidos en positivo, ollo. Máis o menos soaban así: “Buf, Buf. Ufff, ufff”.        

Saúdos!!!!

Comentarios