Opinión

U-lo titorial de como pechar partidos? 

No último mes o Dépor mellorou. Progresou. Evitou a imaxe dun equipo en caída libre. Roto. Foi en Riazor, co Sevilla, onde as sensacións comenzaron a dar a volta. Garitano ten case a fórmula dun Deportivo competitivo e solvente cos resultados. Pero Garitano aínda está no laboratorio. A fórmula maxistral aínda non é perfecta. Hai solucións que fallan, que non combinan ben. E fallan, normalmente, cando se introducen elementos novos na fórmula. En fútbol soe dicirse que non hai unha boa lectura de partido. Eu engadiría tamén que non hai uns recambios axeitados para a fórmula da que quere tirar o técnico vasco, ou, polo menos, non elixe ben os seus escasos recursos para ese xogo.   

O Deportivo sae ben de inicio. Ten ben aprendidos os conceptos, os movementos, os tempos, a táctica. Semella que o equipo pode ser fráxil nalgún momento, pero supera esa fraxilidade coa forza do grupo. Sobre o campo vese un equipo unido, xunto, sacrificado, colaborativo, solventando mais ben do que mal a maioría das vicisitudes coas que se atopa no xogo. 

Garitano ten case a fórmula dun Deportivo competitivo e solvente cos resultados. Pero Garitano aínda está no laboratorio

O problema do Dépor aparece cando Garitano ten que dar refresco a homes cansos, ou se a decisión pasa por dar solución a un home que se lesiona. Aí o equipo baixa enteiros. A impresión é que as decisións técnicas poderían ser mellores ou mellorables. Pódese dicir de quen afirma con tanta lixeireza esta visión que é facer unha lectura simplona, ventaxista ou simplemente sinxela porque se realiza a touro pasado. Pero a realidade, os datos obxectivos, desmenten esta forma de pensar. 

Os cambios defensivos penalizan o Dépor. Na maioría das veces dan un resultado peor que o que se busca. Nas últimas semanas, o cadro coruñés perdeu oito puntos, todos directamente vinculados a esta estratexia errática. Como é posible que pase isto no Dépor se unha das súas fortalezas foi sempre a parte defensiva do equipo? Simplemente porque esta teoría era certa no pasado, si, pero non agora. Defensivamente, o equipo herculino xa non é tan seguro, nin tan forte, como o foi hai anos. Os trocos realizados para dotar o equipo dunha blindaxe defensiva debilítano. O Dépor é mellorable en defensa e tamén na parcela do medio campo, cando a  tarefa encomendada é a de repregarse. 

Unha vez mais a pregunta é: u-lo Álex Bergantiños? Mosquera non está en condicións de ter minutos. Viuse con Bruno Gama, titularísimo no Dépor até que Garitano se deu conta que este Bruno Gama non é o que todos coñecimos. Non suma o que se pensaba. Con Mosquera está pasando algo parecido. Baixou moito. Non está ben. Ese baixón visualízase máis cando se lle pide un traballo para o que non é un especialista: no de pivote defensivo. Quen si estaría capacitado para esa tarefa, e sobradamente se só se trata duns minutos, é Álex Bergantiños. A súa entrega e sacrificio non son comparables nese tipo de encomenda. A posición de Mosquera no pivote é moito máis adiantada, preto dos mediapuntas. Aí é onde se vai atopar cómodo. Só hai que falar con el para sabelo. Xa que logo, o troco de Andone por Mosquera é un erro. Andone con toda seguridade precisaba descanso, pero a opción non era Mosquera porque precisa descanso e recuperar a credibilidade que tivo.

O troco de Andone por Mosquera é un erro. Andone con toda seguridade precisaba descanso, pero a opción non era Mosquera

O Real Madrid só mellorou cando Zidane sacou ó terreo de xogo Lucas Vázquez e Marcelo. Lucas Vázquez é rapidísimo. Leva un ano revolucionando ó Real Madrid, cando os brancos están apagados. O de Curtis gañouse a pulso un oco no equipo merengue porque sempre convence por velocidade e por mobilidade. Ademáis ten clase. Navarro precisaba unha axuda para contrarrestar a velocidade do interior dereito do Real Madrid. Puido elixir a Luisinho cando retirou a Babel, canso de bregarse con toda a defensa branca. Pero non o fixo. Preferiu poñer a Fayçal para tapar a velocidade e o perigo de Marcelo. Errou. Fayçal non brilla polo traballo defensivo. É máis creativo, con calidade para a mediapunta. Non para pegarse a lateral.  

O colexiado estivo ridículo en case todo o partido. Na primeira metade pitou todo do revés, e contra dos intereses deportivistas. O grave non é pitar en contra. É pitar en contra equivocándose. Nin un saque de esquina, nin unha falta, nin unha tarxeta… Pero na segunda metade o grave foi non expulsar Sergio Ramos e Sidnei. Primeiro, Morata fai falta a Tyton, golpeándoo na área pequena co pé e os tacos por diante por riba da cintura do porteiro. Despois prodúcese unha tángana. Mal Sidnei, con Morata, que debeu ser expulsado, polo seu xesto. E a seguir o de Ramos con Sidnei, ó que empurra violentamente. Sen Ramos no campo non habería terceiro gol. Aparte, non sería córner porque onde se viu saque de esquina había falta previa ó porteiro. Por certo, lamentable e decepcionante tamén foi a actitude de Lucas Vázquez nesa tángana con Sidnei. O galego semella que asimilou perfectamente o macarrismo de épocas pasadas dos brancos. Sobrou o xesto. Inconcebible no coruñés que por riba xogaba contra o equipo deportivista.

A intensidade do Dépor non foi como no partido da Real Sociedade. Seguramente non podía ser así porque o partido era no Bernabéu e enfronte estaba o todopoderoso Real Madrid. Pese a xogar por debaixo dese nivel de intensidade, lóxico, o Dépor tivo un comportamento notable durante case todo o partido. Impresionante o traballo de Andone unha vez máis, tamén o de Babel e o de Carles Gil. Joselu, o gran heroe, en apenas dez minutos deu a volta a un marcador xusto para o Dépor. O inxusto foi a derrota. Mágoa que os goles do de Silleda non servisen para empatar un encontro onde os branco e azuis puxeron un gran esforzo para merecer o empate ou a vitoria en Madrid.  

Comentarios