Opinión

U-lo gol? O Dépor, infectado polo virus Riera

Volveu o Deportivo pola senda do fútbol ofensivo, tal como lle gusta a Víctor Fernández facer xogar ós seus equipos. 

Volveu o Deportivo pola senda do fútbol ofensivo, tal como lle gusta a Víctor Fernández facer xogar ós seus equipos. Esta vez o duelo era entre iguais. En Almería había demasiados intereses en xogo. Un partido de alta voltaxe polo que representaba o enfrontamento, tendo en conta a derrota do conxunto herculino cos almerienses en Riazor. O golaverage estaba en xogo.

Pero o encontro descubriu de novo un Dépor que repite constantemente un problema moi serio: non ten gol. Está negado de cara a portería. E o peor é que acusa a ausencia desa característica sempre que se enfronta a un dos candidatos que estarán xogándose o descenso ó final da temporada. Coidado con este aspecto porque a diferenza de goles en contra e a favor poden ser decisiva á hora de botar contas.  
 
A Víctor gústalle montar fútbol ofensivo pero non basta con iso. Á vista está que por moito atacar non hai gol seguro, nin vitoria realizada. Porque o Dépor que ten entre as mans o técnico maño resulta ser un equipo moi inofensivo, impotente. Por que? Pois porque á hora da verdade xoga con pólvora mollada. E esa pólvora está moi mollada porque chegou a ansiedade ó vestiario. Todos queren poñer remedio, queren dar batalla, queren dar solución á seca goleadora. O Dépor xa é un problema colectivo. Non é só dun único xogador. Esa impotencia está instalada, e resulta desesperante. O do Dépor das tres últimas semanas é un querer e non poder. Esgotador para o equipo, pero tamén para o espectador. O peor é que vai desgastando a confianza do equipo. Hai que ter coidado con este aspecto porque, de non poñer remedio a falta de gol, pode ser unha auténtica lousa. Lémbranse dos máis de tres meses de seca goleadora do Celta nesta temporada? Pois iso, coidado e  cautela. 

O Almería, que apenas deu dous avisos comprometidos a Fabricio, un no primeiro tempo e outro no segundo, foi un guiñapo en mans do Dépor. O conxunto coruñés acosou o Almería. Tivo máis de 20 remates a porta contraria, pero… ningún gol. Algunha proba máis evidente de que este equipo ten un gravísimo problema coa eficiencia goleadora? Mereceu perder? Pois, non. Mereceu empatar? Pois, tampouco, ou si. Porque sen gol non hai resultados. Non hai fútbol. Non hai esperanza. 

Tivo máis de 20 remates a porta contraria, pero… ningún gol. Algunha proba máis evidente de que este equipo ten un gravísimo problema coa eficiencia goleadora?

A semana pasada falabamos de que a Riera lle faltaban a ás de Lucas Pérez. Poñíamos o acento sobre a ansiedade do dianteiro coa tarefa de marcar. Pero agora o problema medrou. Xa non é só cousa de Oriol. O andazo percorreu o resto do vestiario e desestabilizou o equipo. Celso Borges só marcou o día do seu debut. Desde aquela non volveu marcar. Lucas Pérez, que está intratable en canto as oportunidades que crea, as alternativas que crea no ataque, á frescura que aporta, tamén está contaxiado do virus Riera. Ten o mesmo bloqueo. Perdeu as ás que o convertían nunca alternativa poderosa cara ao gol. 

O Dépor ten homes que queren rematar coa seca, vese que lle poñen todo o empeño, pero a todos fáltalles a cualidade que fai que un xogador cotice entre estar no grupo dos elixidos ou ser un máis do montón. O cadro herculino ten o grave problema de querer e non poder. E, como consecuencia da alarmante falta de gol, o equipo precipítase, acelérase, ten demasiada présa. Todo pola necesidade, pola urxencia.

Os de Víctor Fernández necesitan sentarse no diván. Serenarse. Pensar. Pola senda pola que van, non poden chegar a bo porto. Postos a facer contas, aínda que é moi cedo para aseguralo, catro vitorias son necesarias. Son doce puntos máis. Conseguir ese obxectivo semella neste momento tan imposible como saltar os 2,03 m. ou os 2,05 m. a Ruth Beitia.

 O único positivo da xornada é que os rivais tamén perden ou fallan unha e outra vez

Xa que co gol non se pode contar, o que lle queda ao Dépor é a intelixencia. Precisa marcar unha distancia de seguridade que permita mirar sempre con máis de tres puntos de vantaxe aos posibles implicados no descenso. O único positivo da xornada é que os rivais tamén perden ou fallan unha e outra vez. Os competidores polo descenso dan síntomas de que non se atopan mellor que os deportivistas, pero, ollo con confiarse porque iso non é nada fiable. As cinco últimas xornadas han ser demoledoras. A sorte xa estivo de cara a temporada pasada cando ninguén parecía querer ascender, salvo o Eibar. O Dépor acabou perdendo a primeira praza pero sen temer por perder a segunda porque todos os implicados perdían. Esa clase de sortes non soen repetirse.

O mes de marzo comeza moi forte para os branco e azuis. Sevilla e Valencia son os dous próximos rivais do Dépor. Manter a raia esa distancia ha ser un reto moi compricado de cumprir, pero unha obriga.

Nos adestramentos desta semana ben estaría debater sobre onde está o gol do Dépor. En canto o atopen, a racha ha mudar.     

Comentarios