Opinión

U-lo fortín de Riazor?

E decíamos onte... que o Dépor non se atopa a si mesmo na casa. 


E decíamos onte... que o Dépor non se atopa a si mesmo na casa. Anda perdido, sen brúxula, recoñecendo as medidas do campo, afacéndose a súa nova realidade. O equipo de Vázquez deambula pola pradeira coruñesa pero sen tacataca, algo e algo. Non coma El Rey que zigzaguea co andador pola Zarzuela adiante, aínda que xa debe estar facendo carreiriñas tras unha semana de adestramento. Pero o Dépor non. É un deambular paseniño polo campo. E o público alí sentado. Acunado. Adormecido. Esperando a que pase algo. Riazor é un berce xigantesco. 
Porque o que se viu ante o Mirandés é ó outro Dépor, ó de Riazor. Nin rastro daquel Deportivo hercúleo de Alacante. Os pupilos de Fernando compórtanse na casa como ese convidado tímido que chega a túa casa e mostra todas as súas refinadas constumes, sen pretender molestar, nin incomodar o amable anfitrión. E, coma todo tímido, non se atreve a dar un paso por sí só non vaia a ser que... aconteza algo impropio. Ufff que medo.

O Mirandés veu de merenda a Coruña, pero só trouxo o pan e esqueceu a manteiga e o xamón no hotel. Atragantóuselle tanta herba. Atopouse un pasto demasiado grande para pacer e perdeuse na inmensidade. Total que o partido nin tivo chicha, nin miga. Herba!
Da primeria metade nin unha soa acción de verdade que contar. Iso si, non estaría mal substituir ó colexiado por un semáforo para ter xestionado o tráfico que había no centro do campo: véxanse os 20 homes atascados en 40 metros. Bastón, como o equipo, xogando as apalpadas, recoñecendo Riazor. Culio ten demasiada querencia polo amarelo. Leva 6 cartóns en 8 partidos. Esta vez por piscineiro. O arxentino ademáis ten tendencia a ser un home orquestra, cuestión que debe facelo mirar e mudar en beneficio do equipo. O mesmo sucédelle a Rudy.  Parece que vai facer a gran xogada da súa vida, pero de súpeto enrédase tanto que acaban por esvaecerse os efectos dos seus lategazos.
Na segunda metade, o equipo dos tímidos saíu cun trago de ponche no corpo. Parecía tolo pola música, pero duroulle o baile futbolístico o que dura un lingotazo de ponche. Nada. Unha xogada xenial de Rudy que por un momento pareceu enfundarse nun traxe de esquiador ó levar por diante a tres defensas coma se fosen portas dunha pista de esquí. O centro do portugués saíu de cine, pero Borja aínda buscaba as medidas da área cando tiña que rematar. Tres arreóns, con pao incluido que repeleu o coiro. E xa está. Foron quince minutos de chispa. 
Do encontro só salvar que o Dépor defende ben a súa porta a cero, gracias a que a parella de centrais Alex - Insua funciona. Celebrar que se mantén o faro de Juan Domínguez ben iluminado, sempre un soplo de aire neste equipo. O canteirán ten unha visión de xogo increible. E destacar que Manuel Pablo defende con moita dignidade o seu posto. A súa entrega merece o maior aplauso.
Total que o Dépor ten moito que mellorar na casa. Segue dando a impresión de que fóra da Coruña xoga con menos presión e con máis fútbol, xusto ao revés do que sería normal. Botando contas diríase que os de Vázquez suman puntos baixo a regra da media escocesa, si si, porque dalgún xeito haberá que bautizar a sumar tres puntos fóra e adicionar só un punto na casa, ó contrario do que supón a tradicional media inglesa. 
Crucen os dedos. O Dépor sae de novo esta semama fóra da Coruña.