Opinión

Todo ou nada no Camp Nou

Que sensación tan estraña gañar e marchar de Riazor con sabor agridoce, a derrota, ó mesmo tempo! 

Que sensación tan estraña gañar e marchar de Riazor con sabor agridoce, a derrota, ó mesmo tempo! 

Pero ese é o risco que se corre cando se deixan todas as asignaturas pendentes para o final de curso. O asunto é que aquí non hai reválida, porque estes rapaces do Dépor xa non son nenos de terceiro de primaria, nin tampouco hai segunda oportunidade en setembro. Así pois, queda o todo ou nada no Camp Nou, ese escuchimizado campo dun equipo doutra Liga que xoga na outra esquina dun pequeno país. Si, nese. Aí! Para xogada de casino! “Todo ó 17 negro”, para espantar meigas. O 17, ese posto tan difícil de manter esta temporada. Unha aventura insufrible a de colocar por baixo dos pés a tres equipos, da igual quen, e mandalos ó inferno.

Había un ambiente estraño, indiferente, tranquilo, polos arredores de Riazor. Aínda que se respiraba un grande ambiente con moito público, ese que nunca falla e que está sempre cando o seu equipo o necesita estea como estea a situación, tamén había un cheiro a resignación. Unha mestura de o Depor vai gañar, pero imos ver se chega. Unha confianza de postureo, escasa, menguante.

Saíron os xogadores á cancha e os 33.000 de Riazor botaron un enorme bafo, o último alento, un gran sopro de ánimo, un empurrón enérxico, unha labazada de espabile. Cada xogador foi infiltrado por 30.00 gorxaso (tocábanlle 3.000 por cada un dos once que había) co alento necesario para resistir 90 minutos, aínda que só fose por inercia.

Aínda que se respiraba un grande ambiente con moito público, tamén había un cheiro a resignación.

Víctor deu entrada a Salomão, o único cambio respecto a Bilbao. Ó portugués mandouno á banda cambiada cando Riazor está cheo de velo en acción pola esquerda, gambeteando con rapidez e manexándose por ela con solvencia. Pero non, Víctor viu que só tiña encaixe á dereita e aí, aí, xogou.
  
E ós poucos minutos de comezar, primeira dificultade: Manuel Pablo rompe. Cal sería o cambio lóxico? Poñer a un home da dereita á dereita e ó da esquerda pola equerda. Pois non, Salomão continuou á dereita, Juanfran no banco dos suplentes, e Juan Domínguez pisando a cal pola esquerda, outra vez. Aí, onde non pinta nada. 

O Levante veu a Riazor a xogar un partido tranquilo, sen poñer en apuros aos deportivistas. Os branco e azuis xogaron parsimoniosos tamén, sen présas, con intensidade intermitente, mais ben a xusta. E atopou nunha xogada a balón parado, un recurso escasamente explotado para un equipo sen brillantez como este Dépor, un remate sen convicción, sen forza, pero de bote envelenado que converteu o coiro nunha bola saltarina ante a estirada e as brandas mans de Mariño. E por fin, despois de 7 partidos con Víctor Sánchez del Amo aos mandos do equipo, o cadro coruñés púxose por diante no marcador, sen necesidade de ter que remontar. Foai a única oportunidade do Dépor. A única na primeira metade. O cal fala da intensidade. 

Andaban os 33.000 de Riazor máis pendentes dos pinganillos das radios. Funcionaban a todo meter, para superar os decibelios de Riazor

Na segunda metade, cando Oriol foi substituído por Juanfran, e as pezas sobre o taboleiro foron recolocadas, o equipo respirou algo mellor. Iso si, sen un dianteiro de referencia co que conectar, pero para a intensidade que lle poñía o Levante, non era necesario máis. Ata que chegou un golazo de Juanfran para pechar un partido que xa estaba amarrado pola inoperancia dos valencianos. Un Levante, que por certo, lle debía un descenso anterior por deixarse perder co Zaragoza por un asunto de apostas deportivas. 

Andaban os 33.000 de Riazor máis pendentes dos pinganillos das radios. Funcionaban a todo meter, para superar os decibelios de Riazor, e non perder as boas ou malas novas que sucedían pola pel de touro. O empate do Eibar e a vitoria incrible do Granada en San Sebastián amargaron a tarde. O susto puido ser maior se o Sevilla non lle dese a volta á sorprendente vitoria do Almería en terreo hispalense.

Co final do partido, o derrotado celebrou a permanencia e os vitoriosos marcharon para a caseta  rascando a testa, sacando a calculadora, boli e papel para practicar as combinacións de catro elementos tomadas de tres en tres.

Menos mal que a Messi se lle ocurreu gañar no Calderón porque un Barça xogándose o título en casa, ou onde sexa, sería imposible para o Dépor. Coa festa dos culés e a Copa do Rei e a final de Liga de Campións no horizonte, as posibilidades de que os de Víctor vaian a por un empate a Barcelona son reais. Pero, por favor, con sentido común, moita intensidade e algún aviso que outro para que todos, repito, todos, cheguen sans e salvos ó final dos noventa minutos. 

Porque o do Dépor non se pode arranxar o ano que vén. Só pode arranxarse este, ou se non será o principio da fin.

Comentarios