Opinión

Tic Tac, Tic, Tac

Prefería titular tiki-taka, tiki-taka. Pero, non, non podo. Só podo dicir tic-tac, tic-tac

Prefería titular tiki-taka, tiki-taka. Pero, non, non podo. Só podo dicir tic-tac, tic-tac. Miro para o calendario e penso: tic-tac, tic-tac. Miro para o reloxo en cada partido e só vexo as maneciñas correndo de xeito inquietante: tic-tac, tic-tac. Collo o xornal e miro a clasificación e vexo, unha alucinación sobreimpresionada entre os datos: tic-tac, tic-tac.

Tempo! Tempo!! Tempo!!!

Si, tempo para pensar, para non acelerarse, para decidir, para acertar, para remontar ou para ir por diante e non parar.  

Chegará o tempo que ten Víctor Sánchez del Amo para reverter a situación deste equipo? Servirá o empate de Málaga para que os xogadores se convenzan de que poden facelo?

 O Dépor está como está porque desaproveita moitas ocasións. Porque xoga con pólvora mollada

De momento, o empate de Málaga só conseguiu unha migalla: tempo para sobrevivir. Unha supervivencia que se leva mellor se tiramos da clasificación da Federación Española. Na da Liga, o Dépor xa ten a soga ó pescozo.

Xa ven, un punto a estas alturas é un puntazo ou un puntiño, según como se mire. Si, porque se vostede é dos optimistas e cre en Papá Nöel dirá que a remontada é posible. Que o calendario é mellor para o Dépor e que o Almería vai descender por ter un calendario complicadísimo e porque a Federación vai sancionar ó equipo andaluz. Se é dos que ven a cousas co vaso medio cheo pode dicir que un punto é osíxeno, aínda que a bombona estea escasa para tanta exisencia en tan pouco tempo. E se vostede é un cenizo seguro que pensa que o punto na Rosaleda é un engano, que os branco e azuis xa están condenados.

De nada serve o punto ante o Málaga se non hai tres puntos en Elxe. Aí está a gran cuestión. Cando vai gañar o Dépor un partido?

Algo de razón ós tres non lles falta. Iso si, de nada serve o punto ante o Málaga se non hai tres puntos en Elxe. Aí está a gran cuestión. Cando vai gañar o Dépor un partido? Na primeira volta o equipo coruñés só gañou catro partidos. Catro!!! Esta segunda volta o equipo herculino leva dúas victorias. Dúas!!! Ambas, con Víctor Fernández. Non é por chinchar. Son datos. Aos coruñeses fátanlle xa dúas vitorias máis e polo menos un empate. Por aí poderían estar os números. Eu sosteño que para o Depor é máis sinxelo pedirlle tres vitorias que non dúas e dous empates. Por que? Porque é mellor esixir entrega total para tres partidos, que para catro. Por suposto, para o último encontro en Barcelona, no Camp Nou, os deportivistas deberían chegar cos deberes feitos.

E pode ser? Pois a xulgar polo visto en Málaga pode ser que si, pode ser que non. Máis concreto non se pode ser. Así hai que dicilo porque a case nula capacidade para marcar está sendo un lastre enorme. O Dépor está como está porque desaproveita moitas ocasións. Porque xoga con pólvora mollada. É inquietante ver como o Dépor asina actuacións discretas cun desacerto ás veces insultante, outras, simplemente, descorazonador, como dicindo que non hai máis cera que a que arde. 

Non lle saen as contas? Pois depende. Saír poden saír pero…. tic-tac, tic-tac. Xa me entenden.

Comentarios