Opinión

O suicidio da banda do Titanic

O Dépor está sen compás, sen espirito, sen credibilidade, sen fe. Nada funciona. As facianas dos xogadores antes de saltar ó terreo de xogo falan por si solas. Basta con ver esas imaxes para entender por que o equipo vai en picado cara a Segunda División. Porque vai. Salvo que Seedorf sexa clarividente. Dicía o aprezado amigo e compañeiro Luis Timiraos, que mais que adestrador se o holandés é mago, pode ser. Vaia por diante o desexo de equivocarme. Non me importaría nada. Se Rajoy é quen de retractarse, non sería eu menos. Así que Seedorf… sorte e ao touro!

Volvendo ó non partido. Si porque sobre o céspede só houbo un equipo. Os de Parralo, unha vez máis, saíron cos brazos baixados, sen competir. Co cú pegado á porta de Rubén. Pero con cú brando porque non serviron nin de pandeiro. Tiro a porta. Tiro a gol. A Real, que estaba ás portas de destituír o seu técnico Eusebio, emerxeu co osíxeno sempre ben preparado polo mellor asistente sanitario da Liga: o Dépor. Cos futbolistas herculinos non fan falta ambulancias, RCP´s, desfibriladores de urxencia, nin ningún aparello deses. O equipo coruñés sempre leva puntos no peto para agasallar ós rivais. É a Cociña Económica da Liga. O mellor rival ó que invitar para dar consolo e acougo. 

Os de Parralo, unha vez máis, saíron cos brazos baixados, sen competir

 

Probou Parralo a dar entrada os novos futbolistas chegados no mercado de inverno. Eneko Bóveda afogouse en Anoeta. Pero non pola choiva, senón pola cantidade de entradas que fixo a Real pola súa banda. Non foi quen de poñer un tapón. Quedou superado e afundido en cada galope realista. Ata se botou en falta a Juanfran. Un suspenso para o futbolista vasco. Non foi o único. Krohn-Delhi non tivo mellor debut. Perdido. Desacertado. Desorientado. Sen capacidade para desbordar. Unha desfeita táctica. 

Os vellos rockeiros… tampouco estiveron para recoller flores. Comezando por Rubén, que volveu a tragar baixo os paos do portería coruñesa. O meta de Coristanco non pode seguir tendo a responsabilidade de xogar, salvo imperativo, ou que Koval demostre ser un desastre absoluto. Rubén arestora está para botar os leóns. Outra calamidade. A portería é un dos enormes problemas da confección do cadro de futbolistas e a explicación dun previsible descenso ante tantos erros acumulados.

 O meta de Coristanco non pode seguir tendo a responsabilidade de xogar, salvo imperativo, ou que Koval demostre ser un desastre absoluto 

A defensa non se salva tampouco. A seguridade defensiva non existe. Os males do equipo nesta parcela están tan instalados que xa crean ata durezas nos ollos, de velos repetidos tantas veces. 

Ver o Deportivo xa non decepciona. Desespera. Todo o que sucede no terreno de xogo é un despropósito. A consecuencia dun traballo descompensado, de mala xestión grupal, e dunha sorprendente autodestrución. Sorprendente, porque foron moitos os avisos e moitas as análisis coincidentes, por non dicir unánimes, sobre as graves deficiencias estruturais do cadro de futbolistas. O Dépor non ten equipo, ten unha banda. E xa postos, só falta un director que sexa quen de afinala… para que soe a algo, se é que pode, aínda que só sexa de oído. Pero ollo, que no caso de que afine, esta banda pode ser a do Titanic.

No caso de que afine, esta banda pode ser a do Titanic

 

A desolación e a descomposición é tan grande e tan evidente que tras o partido só cabían titulares do tipo "Vergoña", "Ridículo", "Bochorno"… Epítetos que son extensivos a case toda a temporada, con máis ou menos grao de intensidade. 

Se falas con calquera técnico, habituado a ver este Deportivo, sabe cales son os males do equipo e por ende atallalos. Calquera sabe que as gravísimas descompensacións deste equipo están no centro do campo, e por extensión, na defensa e a portería. Xogar sen un pivote defensivo puro, de verdade, contrastado, de calidade, de nivel, é unha absoluta temeridade. O equipo que xogou en Anoeta saíu a suicidarse. Un equipo construido sobre o papel para ter balón, pero que non o tivo nunca. Por riba os futbolistas xogaron recuados, co rabo entre as pernas, case colgados do pau de Rubén. E o que é peor. Sen fondo físico. Non é un mal do último partido, tamén o é de toda a temporada. Que traballo físico fai o Dépor de Mel/Parralo? Só é capaz de aguantar sesenta minutos sobre o terreo de xogo. Logo afúndese, desaparece, desconéctase, baixa os brazos, vólvese incompetente. O último plantexamento de Parralo, probablemente á desesperada, sen Borges, sen Andone, sen Sidnei, sen Mosquera, por sancións e lesións… foi un auténtico suicidio. E de aí a man de goles.

Son moitos cartos pagados en salarios, máis de 35 millóns de euros en 25 futbolistas, para dar tanta vergoña e indignidade

 

Agora vén Seedorf… ante a negativa de Lasarte, o favorito. A Lasarte non lle cadra o proxecto. Probabelmente, tivo medo a vir para caer de morros con todo o equipo. Non se quixo complicar a vida. Seedorf ten pouco que perder. Como adestrador non ten curriculum. Ningún éxito. Apenas partidos. Curioso que o posto no que brillou o novo técnico foi no de pivote defensivo. Algo dese posto saberá. Igual é quen de ensinarlle a algún dos centrocampistas branco e azuis como é iso de defender no centro do campo e non perder o balón. E pode dicilo en italiano, en portugués, en español e holandés. Claro que… se lembramos que Seedorf marchou de Riazor derrotado por catro goles co todopoderoso Milan, e el era o pivote defensivo dos italianos, pode ter un problema de credibilidade. Mellor que non poña exemplos e que faga o que poida coa banda do Titanic. E a poder ser… non máis suicidios. Se o Dépor non é quen de salvarse, o mínimo que se pode esixir é que morra coa cabeza alta e con dignidade. Son moitos cartos pagados en salarios, máis de 35 millóns de euros en 25 futbolistas, para dar tanta vergoña e indignidade.

Comentarios