Opinión

Soñar é de balde

Apenas hai precedentes de partidos ben xestionados nesta Liga polo Deportivo. Por iso, o de san Mamés foi toda unha sorpresa. Dúas vitorias consecutivas do equipo herculino para as que houbo que esperar ata a recta final da Liga. É aínda unha rolda moi curta para sacar conclusións e sobre todo para aseverar con rotundidade que o equipo xa rachou coa negatividade e que existe un cambio de dinámica. O que parece claro é que o Dépor non se entrega e que se concede unha oportunidade de manter a loita por salvarse.

Estrañamente o único equipo ó que aínda non se lle vira atisbos de reacción, de saír con forza e carácter do pozo, foi precisamente o equipo que agora manexa Seedorf. Nin con Mel, nin con Parralo se viu unha xeira igual de dominio. Con Seedorf tras varias semanas sen resultados e a piques de entrar no desánimo, só lle estaban quedando momentos de raza nos que apenas acompañaban os goles. E nin moito menos reacción. O que levaba á desolación e á desconfianza. 

Pero a terquedade do holandés é de ferro. Seguiu insistindo nunha idea, aínda que esta parecese de tolos, repetindo, sempre que pode, cos mesmos homes, aínda que estes errasen vulgarmente a semana anterior e comprometendo o resultado. Esa insistencia semella que dou a confianza suficiente ós seus xogadores. A consecuencia agora é que o paraíso da salvación non é unha quimera. Sen goles era imposible. Con goles pero sen manexar o partido, tampouco. En Bilbao déronse dúas premisas positivas: goles e manexo da situación.  

Dúas vitorias consecutivas do equipo herculino para as que houbo que esperar ata a recta final da Liga

 

Confianza. Esa verba na que o fútbol descansa moi a miudo é a explicación de que, ás veces, co tempo se poden consolidar os proxectos e as ideas. É unha forma de descargar unha forma de expresarse, moi recorrida no mundo do fútbol. É certo que no fútbol as verbas collen sentido de cando en vez. E especialmente cobran sentido no fútbol. 

O de Bilbao era un partido con moitas dúbidas porque o Dépor deixaba na Coruña catro futbolistas importantes para Seedorf por problemas físicos ou acumulación de cartóns. Ese matiz, de inicio, transmitía máis desconfianza. Nada como marcar un gol case ó arrancar o encontro para coller confianza. Pero ademais dun golpe de sorte houbo moito máis. O Dépor, esta vez, saíu a por todas. Con fútbol de ataque total, polo menos durante unha hora. Aos quince minutos mandaban no taboleiro de marcas con dous goles e convertido a Adrián, por unha noite, nun gran líder que asociaba o seu liderado con Lucas, co permiso do turco, outro dos responsables de pórlle filtro ó fútbol total. Desta vez, e só por unha hora, todas as pezas do equipo estiveron ó nivel da competitividade que se espera da Primeira División.

Se o fútbol do Dépor só durou unha hora, a dirección de Seedorf dirixindo ese fútbol desde o banco pode que tamén, porque retirar tan cedo a Çolak do campo foi unha forma de desconectarse e enviar a mensaxe de que tocaba resistir como fose. O fútbol está pragado de exemplos onde poñerse a resistir con medio partido por diante é moi perigoso. Por exemplo, que llo pregunten ó Barça no partido de Liga de Campións ante o Roma. Ou a Zidane, que estivo a piques de pasarlle un susto parecido ante a súa afección coa Juventus, só que o final correu mellor sorte que Valverde. Ao Dépor pasarse ó lado da resistencia saíulle ben, pero sufrir, sufriu ata o último segundo. 

O paraíso da salvación non é unha quimera. Sen goles era imposible. Con goles pero sen manexar o partido, tampouco. En Bilbao déronse dúas premisas positivas: goles e manexo da situación.

 

É cedo para falar de consolidación de claves, pero hai futbolistas que están chegando á recta final de Liga en bo estado. Lucas meteuse no papel de líder, agora si. Demasiado tempo viviendo o día da marmota. Demasiado tempo esperando a Lucas. Quen sabe se chega a tempo, pero agora si é un futbolista confiable para esixir a reacción. Adrián, moi irregular, sobre todo cando o calendario era manexable, apareceu agora poñendo goles cando non pon asistencias. Ademais da recuperación destes dous homes clave, Seedorf atopu o sitio de Çolak e o turco está correspondendo desenvolvendo a boa estrela que ten cando está centrado. Non menos importante é a aparición de Borja Valle. Apenas contaba para os tres técnicos. No partido de Liga nas Palmas, Valle pediu paso firmando unha boa actuación, pero non houbo ninguén que o vise ou o escoitase. Seedorf decatouse agora que xa tiña a corda atada ó pescozo. O papel de Valle na dianteira deportivista está a ter unha importancia decisiva, polo menos nas dúas vitorias consecutivas.

O papel de Seedorf non é para botar foguetes. Pero agora mesmo xerou un pouco de credibilidade. Ao Dépor quédalle un fútbol excesivamente empinado e con moitos corrementos de postos por ver: por Europa, pola Liga, por evitar unha fase previa, por coller un bo sitio na clasificación… O calendario que lle queda ao Dépor é de terror. A situación é difícil, de misión imposible. Seedorf que vai de rolda de prensa en rolda de prensa como Xan sen medo, é o único que ten capacidade para ver con optimismo o que ten por diante. Tempo ó tempo. Para o Levante, por agora, segue sobrando e por riba ten que xogar co Málaga na casa entre semana. Para quen ame as situacións a pé de risco, non hai outra coma esta.

Comentarios