Opinión

Sidnei, o bisonte dourado e estandarte branco e azul

Poucas cousas se poden rescatar do Dépor - Barça. Pero un deles, poñendo a ollada nos deportivistas, é Sidnei.

Algúns chámanlle o bisonte dourado. Sorprende o apelativo xa que familiarmente foi bautizado por “Cabecinha”, porque de neno tiña a testa pequeniña todo o contrario que a principal característica física do bisonte. Do que non hai dúbida é de que, máis grande ou máis pequena, leva o fútbol na cabeza. Desde neno tivo claro que no fútbol estaba o seu futuro e centrouse en xogar, entre un mar de pernas, ata conseguilo. Triunfar na principal canteira do mundo xa é un éxito. E Sidnei xa forma parte deses brasileiros que cando saen do país levan a marca de bo peloteiro.  

Pero a súa corpulencia física hoxe xa é incontrovertible. É imponente. Imperial. Así é Sidnei, o central nacido en Río Grande do Sul, no Brasil. Custoulle facer as maletas porque, en sintonía puramente galega, sente moita morriña, e mais a senten os seus familiares porque Sidnei sabe facerse querer dentro e fóra dos terreos de xogo. Onte clamouse o seu nome en Riazor, con xustiza. Pero en realidade fixo as maletas xa hai ben tempo, comprometéndose co fútbol europeo coa esperanza, quen sabe, de volver a vestir algún día a camisola amarela do seu país.

Agora si que empeza o serio. E comeza cun calendario propio da Liga do Dépor

Do partido ante o F.C. Barcelona era fácil presaxiar que o Dépor non sairía con ben. Enfrontábanse dous equipos moi desiguais. Pero o que non era tan evidente era prever o protagonismo do central brasileiro. Leva semanas confirmando que a súa é a incorporación máis sobranceira do equipo nesta temporada. A máis acertada da dirección técnica herculina. Ningún dos “queridos” polos adestradores Fernando e Víctor, tivo tan bo encaixe como o central canarinho. 

Sidnei ademáis converteuse xa nun estandarte, no xogador máis visible en ataque, cando asoman as dificultades. É xeneroso, ofrécese, valeroso, bo. É un exemplo para os seus compañeiros. Cando ao Dépor se lle pide intensidade, traballo, entrega, Sidnei é o primeiro que cumpre. A misión de quen leva o estandarte é que este se manteña sempre en pé, firme, visible, mentres dura a contenda. Iso foi o que fixo Sidnei co marcador cifrando a remontada nun feito imposible.  

Como o bisonte, planta cara ás dificultades, non é covarde, non foxe das situacións complicadas, dá a cara

Como o bisonte, planta cara ás dificultades, non é covarde, non foxe das situacións complicadas, dá a cara. O central deulle sentido e orde á defensa herculina, sen o seu traballo as estatísticas en defensa serián ben peores. Sidnei non é un central limitado. É un xogador en progresión, que medra partido a partido. Ten unha gran saída de balón, excelentes condicións físicas, un enorme recorrido por todo o campo, especialmente ten gran verticalidade cando se suma ó ataque como un máis, o que máis. É contundente, forte, sempre ben situado. Sidnei nunca se pon nervioso, é moi tranquilo incluso cando a situación se complica o seu redor, e busca solucións sen complicarse a vida. Apenas fai faltas e cando as fai é un xogador moi limpo, sen que lle tremen as pernas. Outra das súas cualidades é a rapidez, que sabe pegarse nas marcas, sen deixar respirar a quen lle crava a mirada.

Hai quen di que Sidnei sería o mellor centrocampista defensivo do Deportivo, se o adestrador adiantase a súa posición. Misión complicada tendo en conta que o cadro coruñés xa ten moitos homes no centro do campo. Pero é un dato sintomático. Así o pensan os que ven nel a súa capacidade para incorporarse ó ataque e porque desde a súa posición de central ten gol. Nunha temporada co Benfica chegou a marcar 6 goles.

Ese esforzo valeulle o recoñecemento da bancada. En heroe branco e azul. Aínda que houbese pouco que honrar cando o equipo rival, e sobre todo, un só home, Messi, estaba a menear ó equipo o seu antollo. Non asombra o seu mérito malia o autogol, o cuarto, dos culés.

Rematou a primeira metade da Liga. Agora si que empeza o serio. E comeza cun calendario propio da Liga do Dépor. Aí non se pode errar.

Comentarios