Opinión

Con saias e ó tolo

O reto era extraordinariamente complicado. Gañar no feudo do equipo que máis puntos fixo na casa, incluso por riba do F.C. Barcelona e do Real Madrid, era unha quimera.

O reto era extraordinariamente complicado. Gañar no feudo do equipo que máis puntos fixo na casa, incluso por riba do F.C. Barcelona e do Real Madrid, era unha quimera. Unha odisea. Un case imposible. 

E malia as dificultades, unha vez máis o Dépor volveu ofrecer nivel e boa imaxe. Desta volta cun plantexamento menos atrevido, gardando as costas, pero creando nalgunha fase do partido perigo. Sobre o debuxo táctivo haberá mil discusións. Se había moita distancia entre defensas en dianteiros, se a liña de presión estaba moi lonxe dun posible contragolpe máis eficaz, pero o certo é que ata o minuto 60, o Dépor cumpriu sobre o papel. 

Ata que chegou Juanfran, triste protagonista involuntario a semana pasada, tras aquel fatídico esvaecemento ó recibir un pelotazo na testa, e voluntario nesta ocasión ó provocar un penalti absurdo, clarísimo. Un penalti igual ou semellante ó que fixo Insua contra o Sevilla en Riazor sete días antes. E igual que pasou daquela, co penalti acabouse o partido.

Os erros calcados e tan pouco espaciados na memoria son un reflexo de que ás veces hai falta de concentración, ou de ir ó tolo, que é pior

Non lle imos dar máis voltas. Pero a gravidade de repetir erros xa cometidos é digna de reprender porque non falamos de fútbol afeccionado, senon de fútbol profesional. E hai que lembrar que aquí se xogan máis que resultados deportivos. Tamén resultados económicos e empresariais. Hai cousas que non poden ser. Os erros calcados e tan pouco espaciados na memoria son un reflexo de que ás veces hai falta de concentración, ou de ir ó tolo, que é pior. E aquí non se pode ir ó tolo. Este tipo de accións individuais liquidan o bo traballo do resto do colectivo.

Quen sabe, o Valencia ía tanto á fonte que probablemente fose cuestión de tempo que o gol chegase, pero o certo é que o penalti rompeu o partido e puxo en bandexa a vitoria ó Valencia. Non precisaba axudas extra. Innecesarias.

O preocupante agora do caso é que case toda a vantaxe acumulada respecto ós resultados acadados nos mesmos partidos da primeira volta están consumidos. Só queda un punto de renda. Volven acenderse as alarmas. O técnico volverá estar na picota. Haberá ultimato (que tan ben lle foi na primeira volta porque superou en dúas ocasións o anunciado guillotinazo). E falando do técnico, se ben foi librando nas últimas semanas pola boa imaxe do equipo, os trocos que realizou en Valencia, comezando polo de Oriol, non teñen grande explicación. Apoderaríase de Víctor Fernández a saia de Marilyn?

Esta fase de campionato fialo todo aos malos resultados dos veciños é apostar a descenso seguro

O Dépor xa non ten permiso para perder. Nin sequera para empatar. Está obrigado a sacar con urxencia tres vitorias. Se con renda o equipo estivo ansioso, imaxínense agora que cheira o linimento, á testosterona dos equipos que veñen atrás por alcance. O Dépor leva cinco partidos consecutivos sen gañar. Deses, só empatou un, co Levante. En descargo, pódese dicir que pasou unha etapa empinada da Liga, con máis pena que gloria -só un punto de quince posibles-, ó enfrontarse nesta xeira ante o Real Madrid, o Sevilla e o Valencia.

Ademáis dos propios resultados, o Dépor vive doutras rendas. A das derrotas dos seus rivais. Pero nesta fase de campionato fialo todo aos malos resultados dos veciños é apostar a descenso seguro. Porque si, os que están por detrás son malos, pero a eles tamén lles chegou a hora no reloxo que marca: espabilar e reaccionar ou descender. A partida está en xogo e non partiu, pero a volta de catro xornadas todos saberán que cartas hai sobre a mesa e sen trunfos na man ás corenta cántaas o que mellor lle encarten as bazas. 

Próximas citas no calendario: Espanyol (Riazor), Xetafe, Córdoba (Riazor) e Real Sociedade. Pois xa saben!

Comentarios