Opinión

A Riera fáltanlle as ás de Lucas

O noso derbi comezou sendo unha festa de todos, pero rematou sendo a festa dun só

O noso derbi comezou sendo unha festa de todos, pero rematou sendo a festa dun só, do máis pillabán, do máis listo, do que soubo xogar mellor as súas cartas.

O Celta foi fiel ó seu papel, ó que vén sendo o seu selo de identidade nos últimos tempos. Os celestes consagraron a súa recuperación e Riazor, onde máis doe para uns e onde, cando saen as cousas ben, se sae da procelosa fazaña con folgos renovados para vivir un final de temporada pracenteiro. O Celta fixo as cousas ben e obtivo o seu premio con merecemento. E o Dépor, fixo as cousas ben?

Pois a dicir polo resultado, non. Por que? Cada un fará a súa lectura e valoración. Na miña opinión, o equipo de Víctor veu amosando unha certa recuperación nas últimas semanas. Progresaba. Saíanlle algunhas cousas. Pero faltábanlle axustes importantes para dicir que os deportivistas xa estaban ó seu nivel de pleno rendemento. Axustes que sobre todo pasan pola definición, pola efectividade, a contundencia dos homes que se incorporan ó ataque. O Dépor acusa a falta dun nove puro, dun rematador clásico. Moitos son os que andan na faena e escasas as referencias nítidas. Sabendo iso, pode dicirse tamén que Víctor Fernández pecou de sobrado. Si, pecou. Exceso de confianza por exemplo, por arriscarse e adiantar a súa liña defensiva ante un equipo que manexa con gran habilidade o recurso da velocidade e o seu talento en ataque, especialmente ó contragolpe. Adiantou excesivamente a zaga dando aire ó Celta en cada contra que logrou armar. E pecou en exceso porque o cadro branco e azul en ataque non está maduro, sumado, ás veces, cunha falta de calidade envexable, sobre todo cando se ve o talento do veciño e as súas poderosas armas de ataque, cargadas de perigo. 

Víctor Fernández pecou de sobrado. Si, pecou. Exceso de confianza por exemplo, por arriscarse e adiantar a súa liña defensiva ante un equipo que manexa con gran habilidade o recurso da velocidade 

Pero sería inxusto botar todo sobre o plantexamento técnico. O Dépor ten un problema. Foi buscar no mercado de inverno unha solución e creouse un dilema. Confiou nas estatísticas de Riera, que presentou moi bos números o ano pasado (13 goles co Osasuna en Primeira). Un curriculum que desprazou a Toché da titularidade, un loitador, un dianteiro moi comprometido e mentalizado co equipo e con todos os seus compañeiros, tremendamente solidario. A fichaxe de Riera levouno ó banco no seu mellor momento da temporada. Se loitador é un, non lle anda á zaga Oriol. Mudáronse os cromos, pero perdeuse a efectividade. Números cantan. Riera leva sete partidos co Dépor e ningún gol. Está bloqueado. Certo é que se entrega, desvívese, si. Brega, é omnipresente, móvese por todo o campo, é incansable, cáese á banda, pisa área pequena, pero cara ó gol… gatillazo. En cada partido, un gatillazo novo.  

Ante o Celta constatouse que a infertilidade do dianteiro deportivista ten unha causa: a ansiedade. Este trastorno emocional é un mal compañeiro no fútbol. Ansiedade e pelota son de polos opostos. Repélense. O dianteiro catalán quere agradar, quere demostrar moitas cousas, quere estar en todas partes e aportar, pero produce o efecto contrario do pretendido, froito dese estrés que nin está a saber xestionar Oriol, nin se ve que estea recibindo a axuda axeitada para sacudir esa obsesión que lle estoupa na cabeza. Aí, de novo, falta adestrador. Ou axudante de adestrador, por non cargar sempre as culpas no mesmo saco. Un axudante que saiba orientar a este futbolista na procura da racha goleadora da que precisa vivir todo dianteiro.

Números cantan. Riera leva sete partidos co Dépor e ningún gol

Esa oportunidade errada case enriba da raia de gol botando o coiro á torre de Maratón, tras previo paso polo traveseiro, é o síntoma que confirma o diagnóstico do trauma emocional. Pode máis o estrés que a cabeza. Esa xogada é a fotografía que sinala que Riera xoga sen as ás de Lucas Pérez. A Oriol cómelle o demo. E Lucas leva un anxo con el. Aí está a diferenzia. Con cada balón que pasa polos seus pés a bancada de Riazor ruxe, ferve. O xogador coruñés sente o impulso dos folgos. O Dépor é un novo equipo con Lucas. 

Antes de que se lle facera pequena a porta a Riera, o dianteiro catalán perdera o balón en terreo olívico que acabou converténdose no primeiro gol do Celta. E despois perdeu outro que provocou unha entrada a destempo de Lopo que mandou ó central á ducha antes de acabar o partido.     

Por querer demostrar máis do que un pode ou do que debe, convértese sen pretendelo, nun problema para o resto do xogo colectivo. Riera é moi necesario. O Dépor debe aproveitarse do seu talento, pero aí, na área, onde se precisa o seu olfato goleador. Sen dúbida ten que pedirlle prestadas as ás a Lucas Pérez para recuperar esas credenciais coas que veu no mercado invernal.

Lucas Pérez, malia ser o xogador máis insistente en probar a portería rival, tan só puido morder o escudo da camiseta

Ao Dépor fóiselle o partido por dous erros puntuais, dous fallos propios. Sen a falta de concentración, o noso derbi sería tan igualado como o número de vitorias e derrotas coas que chegaron a esta contenda ambolos dous.

Lucas Pérez, malia ser o xogador máis insistente en probar a portería rival, tan só puido morder o escudo da camiseta. A derrota é a proba do amargor que lle queda tralo derbi, pero o fútbol devolverá unha nova cita para poder contrastar outro tipo de sabores.

Dixo Jonny entre semana, nesa disputa absurda e á vez irónica e simpática sobre cal é o equipo supremo do fútbol galego, que o que saíse vitorioso desta lide en Riazor levaría a coroa hexemónica.

No caso de asumir tal simboloxía virtual, e só considerando o resultado, esa coroa terá a oportunidade de volver a Riazor. Coas ás de Lucas, pode que incluso regrese voando. O importante, e que sexa como sexa e onde sexa, todos o disfrutemos como galegos. 

Comentarios